O portavoz de Deportes do Grupo Popular, Pablo Prieto, afirmou hoxe no Parlamento galego que “para que un proxecto de gran envergadura sexa unha realidade, como é a construción dun centro multiusos na cidade de Ourense, ten que facerse coa colaboración de diferentes administracións, unha cuestión imposible de levar adiante nesta cidade porque existen problemas importantes derivados da deficiente xestión municipal, como é a falta de Plan Xeral de Ordenación Municipal ou de orzamentos aprobados”.
No debate celebrado esta mañá sobre a posible construción dun novo polideportivo na cidade de Ourense, Pablo Prieto lembrou que “a Xunta está sempre aberta a estudar a posibilidade de acometer as actuacións que, no ámbito das instalacións e equipamentos deportivos, sexan necesarios e demandados polo tecido deportivo”.
ESFORZO INVERSOR
Neste sentido, lembrou que a Xunta ten realizado “un importante esforzo inversor na cidade e na provincia de Ourense nos últimos anos na dotación de infraestruturas deportivas, como a pista cuberta de atletismo de Expoourense, a reforma integral do pavillón dos Remedios, a remodelación das instalacións e do céspede do Couto ou o complexo deportivo e parque acuático de Monterrei, en Pereito de Aguiar”. En total, lévanse investidos nestas actuacións máis de 17 millóns de euros nos últimos sete anos.
Porén, o portavoz popular lamentou que “a realidade a día de hoxe é que no concello de Ourense existen importantes problemas pola mala xestión municipal para levar adiante o proxecto dun novo multiusos”, dada a ausencia de Plan Xeral de Ordenación Municipal e de orzamentos aprobados.
En concreto, Pablo Prieto lembrou que a remodelación integral do Pavillón dos Remedios, que estaba previsto fora cofinanciada entre a Xunta e o Concello de Ourense, finalmente foi a Administración galega a que tivo que facer fronte á totalidade do proxecto, “dado que o Concello non tiña nin ten orzamentos aprobados e a lei impedía levar adiante o convenio asinado para esta obra”.