O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, sen o apoio dos deputados do PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reproba ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible polas súas declaracións nas que, lonxe de asumir o caos ferroviario rexistrado durante o verán, asegurou que “o tren vive en España o mellor momento da súa historia”.
Ademais, demándase ao Goberno central que se restableza e reforce os servizos ferroviarios existentes antes da pandemia da Covid-19, tanto no interior como de conexión co resto de España; ao tempo que se incrementa as prazas nas conexións ferroviarias de maior demanda e corrixe as múltiples incidencias e retrasos rexistrados no servizo ferroviario en Galicia, nomeadamente no relativo aos trens Avril-Avlo, incorporando os novos trens comprometidos polo Ministerio para o vindeiro outono.
Gonzalo Trenor lembrou que “nunca antes houbo tantas incidencias no transporte ferroviario como o pasado verán: atrasos, xente tirada nas estacións e nos trens, avarías no material rodante e na infraestrutura, un servizo desbordado, fallos na plataforma tecnolóxica e persoal ao límite”, ante o que “a resposta do Goberno central foi negar a realidade, mentir, pedir calma e dicir que todo isto era unha conspiración da extrema dereita”.
“E diante desta situación, o propio ministro fixo gala dunha ordinariez, dunha chulería e dunha falta de respecto que xamais coñecéramos, a pesar de que o listón xa o tiña moi alto logo de insultar a presidentes de comunidades autónomas e alcaldes, encubrir e manter a altos cargos implicados en casos de corrupción; e enlodar as redes sociais e bloquear a calquera persoa que defenda un servizo público de calidade”, concretou o portavoz popular para xustificar a reprobación do ministro de Transportes.
SEN INTERESE POR MELLORAR A CONECTIVIDADE FERROVIARIA
O portavoz popular criticou que “o Goberno de Pedro Sánchez xa ten amosado reiteradamente que non ten interese algún por mellorar a conectividade ferroviaria de Galicia”. E concreto, lembrou que “os trens AVRIL chegaron con tres anos de retraso e agora chegan con tres horas de retraso, ao tempo que as prazas de conexión con Madrid son claramente insuficientes e no 70 por cento dos trens as prazas se esgotan con máis dunha semana de antelación”.
A iniciativa aprobada hoxe tamén incorpora demandas ao Goberno central centradas nas conexións ferroviarias das cidades galegas. Así, pídese que se garanta que cidades como Lugo e Ferrol accedan en pé de igualdade co resto do territorio á alta velocidade e á intermodalidade, para o que se estima imprescindible a execución das variantes ferroviarias de Peares-Canaval e Rubián, e a variante ferroviaria de Betanzos.
Tamén se solicita que o Goberno central preste especial atención, debido á situación de precariedade na que se atopan, aos corredores ferroviarios de A Coruña-Lugo-Ourense ou o Vigo-Ourense-Monforte, evitando a perda progresiva de servizos, así como ás conexións entre Lugo e Madrid e co País Vasco e Cataluña.
Por último, demándase que se axilice a execución da saída sur de Vigo, co obxectivo de que poida estar en funcionamento no horizonte de 2030; e que se dea cumprimento aos compromisos adquiridos polo Goberno de España de designar un interlocutor para requirir información e explicacións sobre as constantes incidencias que se rexistran no transporte ferroviario en Galicia, a remisión do Plan director do Corredor Atlántico e a creación dun grupo de traballo técnico coa Xunta para avanzar nos proxectos previstos e analizar as necesidades detectadas.