Alberto Pazos pide a BNG e PSdeG que “aparquen a súa defensa dunha quita da débeda e apoien ao Presidente Rueda nas súas esixencias ante o Goberno de Pedro Sánchez”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, demandou hoxe a BNG e PSdeG que, “se realmente queren e defenden os intereses de Galicia, aparquen a súa defensa dunha quita de débeda e apoien ao Presidente Rueda nas súas esixencias ante o Goberno de Pedro Sánchez: a mellora das infraestruturas, a dotación de fondos europeos, a transferencia de competencias e medios para exercer o noso autogoberno, a posta en marcha de medidas para a incorporación de profesionais sanitarios, o abono da débeda pola atención aos dependentes e a promoción e impulso do Xacobeo 2027”.

Alberto Pazos referiuse á entrevista que celebran esta mañá na Moncloa o Presidente da Xunta e o Presidente do Goberno como “un encontro longamente esperado e reiteradamente solicitado que finalmente vai ter lugar enmascarado na rolda de entrevistas que Pedro Sánchez vai celebrar con todos os presidentes autonómicos, onde, por moito que lle pese, non podía deixar fóra ao presidente galego”

CAER NA TRAMPA

“Non podemos caer na trampa, nin desaproveitar a ocasión, de centrar a reunión no financiamento das comunidades autónomas ou nunha quita da súa débeda”, porque “fixar o foco nesta cuestión é facerlle seguidismo ao que realmente interesa ao independentismo catalán e ao propio Pedro Sánchez para manter o seu apoio e conseguir atornillarse na Moncloa”, dixo.

Así, destacou que, gracias as políticas responsables e acertadas que levaron adiante os gobernos do PPdeG na Xunta, Galicia situouse no primeiro trimestre deste ano como a 5ª comunidade autónoma con menor débeda por habitante (4.582 euros, é dicir, 2.473 euros menos que a media das comunidades autónomas), ao tempo que a débeda representa o 16,2 por cento do PIB. “A primeira consecuencia desta situación é que neste momento Galicia estea a pagar os intereses pola súa débeda máis baixos de España, polo que a quita da débeda non é o que máis nos preocupa nin urxe neste momento”, afirmou..

Pazos comparou estes datos financeiros de Galicia coa realidade que se vive en Cataluña: no primeiro trimestre deste ano, era a comunidade española con maior deda por habitante: 10.878 euros (2,5 veces o que debe cada galego); ao tempo que o seu porcentaxe de débeda sobre o PIB era do 31,1 por cento (practicamente o dobre que en Galicia e so superada a nivel estatal polas comunidades valenciana, Murcia e Castela-A Mancha).

“Esta é a verdadeira razón pola que socialistas e nacionalistas galegos insisten tanto en que a Xunta, e o seu Presidente na reunión de hoxe, dea o seu brazo a torcer e acepte unha quita da débeda, porque non o fan porque estean a defender os intereses de Galicia, senón única e exclusivamente por cumprirlle o gusto a Pedro Sánchez e aceptar os desexos dos independentistas cataláns para o seu único beneficio”, explicou..

NECESIDADES REAIS

O portavoz popular insistiu na necesidade dun “novo modelo de financiamento autonómico, froito dunha negociación multilateral na que participen todas as comunidades autónomas, que sexa xusto e permita pagar o custo de todos os servizos que presta a Administración galega, atendendo especialmente as súas peculiaridades de dispersión e envellecemento da súa poboación”. Neste sentido, apuntou que este novo modelo facilitaría unha solución ao problema de déficit de máis de 600 millóns de euros que cada ano ten que afrontar a Xunta porque o actual sistema non chega para atender todas as necesidades dos galegos”.

Por todo isto, pediu a BNG e PSdeG que “deixen de enganar aos galegos con propostas de quita de débeda á Comunidade galega que non están pensadas para nós, porque o que non imos permitir é que o que lle corresponde a Galicia sirva para pagar os desfalcos e despilfarros feitos por outras comunidades autónomas”.

“Confiamos que así o entendan e nacionalistas e socialistas galegos se poñan, dunha vez, do lado de Galicia e na defensa das súas necesidades reais”, reclamou Alberto Pazos, quen solicitou que “deixen de facerlle a onda a Pedro Sánchez e ao independentismo catalán, porque Galicia precisa de todos e neste momento temos outras prioridades máis urxentes que unha quita da nosa débeda, que non ten como obxectivo dar solución aos problemas de Galicia, senón atender os intereses de Pedro Sánchez e os seus aliados independentistas cataláns”.