Alfonso Rueda anima aos populares da provincia de Pontevedra a seguir sumando méritos para gañar a confianza dos veciños

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, animou hoxe aos populares da provincia de Pontevedra a continuar polo bo camiño e seguir sumando méritos para gañar a confianza dos veciños desde a estabilidade, o rigor, a xestión e o cumprimento da palabra dada.

Ante os membros da Xunta Directiva Provincial do PP de Pontevedra e acompañado pola vicesecretaria nacional de Organización do PP, Carmen Fúnez, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente do partido na provincia, Luis López, o líder dos populares galegos apelou ao ciclo electoral de vitorias na provincia e ás 27 alcaldías acadadas para animalos a seguir mellorando de cara ás próximas eleccións municipais.

Tamén lles pediu que sigan ofrecendo á xente o que esta espera dos seus representantes –altura de miras, compromiso e visión de futuro– e, sobre todo, que continúen explicándolle todo o traballo que se se fai desde o Goberno galego, a Deputación provincial, os gobernos locais e tamén desde a oposición.

Neste sentido incidiu no seu compromiso de acadar un financiamento municipal xusto e de reivindicar un novo modelo de financiamento autonómico fronte ao dun Goberno central que só se dedica a dar privilexios a Cataluña e a atender as demandas dunha minoría en detrimento dos concellos e das comunidades gobernadas polo Partido Popular.

Rueda reivindicou o “Estilo Galicia”, caracterizado por cumprir a palabra dada e gobernar nos problemas da xente. Contrapuxo así ao Goberno central, que só pensa en quitar cartos dos petos das familias ou en promover leis de vivenda que suben os prezos do alugueiro, co seu Goberno, que ofrece educación gratuíta desde os cero anos ata a universidade e que ten como obxectivo duplicar o parque de vivenda pública e triplicar o orzamento destinado a solo residencial.

PONTEVEDRA, UNHA PROVINCIA QUE APORTA LIDERADO

Pola súa banda, o presidente provincial, Luis López, agradeceu a presenza da vicesecretaria nacional de Organización do PP, Carmen Fúnez, indicándolle que Pontevedra é unha provincia que aporta moito ao PP, a Galicia e a España.

Explicou que recentemente a provincia acadou o alcalde popular número 27 –a de Mondariz–, que se suma aos 6 deputados e senadores nacionais e aos 11 deputados autonómicos. O que na súa opinión reflicte que Pontevedra é unha provincia que aporta liderado, ganas, traballo e ilusión.

“Así o acreditan as enquisas, como a última publicada, na que se indicaba que somos a única provincia que sube en intención de voto nas autonómicas. Así o acredita o noso traballo diario, caracterizado polo cumprimento dos nosos compromisos e polo impulso de novos proxectos. E así o acredita, sobre todo, a xente que ve en nós, cos nosos defectos e virtudes, unha excepción de sentidiño ao terremoto diario”, precisou.

Boa mostra deste bo facer do partido son os máis de 300 asistentes á Xunta Directiva Provincial celebrada hoxe, na que estiveron presentes alcaldes, portavoces, afiliados e simpatizantes que, como recordou López, “nunca fallan e sempre están a carón do partido cando se lles chama e cando fan falta”.

“Un día o presidente do Goberno burlouse dos concelleiros dos pobos e eu penso que moito se equivocou e moito ten que aprender de todos e cada un de vós. Porque vós sodes os que traballades día tras día cos veciños e sodes os que, co voso traballo, honrades cada día este partido”, afirmou o presidente provincial dirixíndose a todos eles.

O Grupo Popular pedirá no Pleno da vindeira semana que o Goberno central garanta o acceso de Lugo e Ferrol á alta velocidade ferroviaria

O Grupo Popular demandará ao Goberno central no Pleno da vindeira semana que garanta o acceso das cidades de Lugo e Ferrol á alta velocidade ferroviaria en condicións de igualdade co resto do territorio galego. Así mesmo, solicitará que o Goberno de España un reparto xusto das axudas para o fomento da produción, distribución, exhibición e promoción da industria cinematográfica e audiovisual nas linguas cooficiais distintas ao castelán, que están a privilexiar ao catalán outorgándolle o 70 por cento dos fondos totais cada ano.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que na sesión plenaria da vindeira semana procederase ao debate para a súa aprobación definitiva da nova Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, “coa que a Comunidade galega será a primeira en facer realidade que o aproveitamento da nosa riqueza natural se transforme en riqueza social para o conxunto dos galegos”.

XESTIÓN RESPONSABLE DOS RECURSOS NATURAIS

En concreto, apuntou que “permitirá asegurar unha xestión responsable dos recursos naturais, de maneira que se protexa o medio ambiente e se cree riqueza que impacte en beneficios para o territorio e as súas xentes, respectando en todo momento as máximas esixencias medioambientais para a implantación destes proxectos”.
Así mesmo, na sesión procederase ao debate de toma en consideración da iniciativa lexislativa popular para o recoñecemento e protección das actividades pesqueiras e marisqueiras, unha vez cumpriu todos os trámites necesarios.

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular solicitará ao Goberno central que garanta o acceso das cidades de Lugo e de Ferrol á alta velocidade, en condicións de igualdade co resto do territorio, para o que se considera imprescindible a execución das actuacións precisas para adaptar a infraestrutura ferroviaria actual ás necesidades do AVE, en concreto obras específicas como as variantes de Canabal-Os Peares, Rubián ou Betanzos.

Alberto Pazos celebrou a chegada dos trens AVRIL a Galicia, a pesar do caos e das numerosas incidencias que se están a producir e que causan molestias aos viaxeiros, pero considerou “necesario que este servizo se amplíe a todas as cidades galegas e que poidan gozar da alta velocidade ferroviaria”. “A realidade é que cidades como Lugo ou Ferrol seguen excluídas da chegada do AVE porque as infraestruturas actuais non permiten que circulen os trens Avril, o que, ademais dun agravio, implica unha perda de oportunidades desde o punto de vista social e económico”.

NOVA ALDRAXE A GALICIA

Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten que ver co que o portavoz popular considerou “unha nova aldraxe do Goberno de Pedro Sánchez con Galicia: o reparto das axudas para a creación de proxectos audiovisuais en galego ou en calquera outra lingua cooficial de España, para dobraxe ou para accións de promoción, entre outras”.

Pazos explicou que o Goberno central está a destinar arredor do 70 por cento deste fondo a Cataluña, ante o que a Xunta xa ten amosado o seu desacordo cos criterios de reparto utilizados polo Goberno de Pedro Sánchez. Deste xeito, avogou porque o Parlamento galego tamén se pronuncie neste sentido e se solicite ao Goberno de España que garanta un reparto máis xusto e máis consecuente destas axudas para o fomento da produción, distribución, exhibición e promoción da industria cinematográfica e audiovisual nas distintas linguas cooficiais.

No que respecta ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas medidas que está a adoptar para impulsar o uso da lingua galega e o neofalantismo, con especial atención ao incremento do uso do galego entre a mocidade; pola repercusións que terá no financiamento dos concellos galegos as últimas decisións adoptadas polo Goberno de Pedro Sánchez, tanto en materia de prestación dos servizos sociais, como na xestión dos residuos ou a lei de benestar animal; e pola situación na que se atopan os exames de avaliación para acceder á universidade, onde Galicia está a levar a dianteira ás demais comunidades autónomas, unha vez que xa ten definidos os modelos de exame da nova selectividade.

O PPdeG aposta por unha Galicia na que o rural siga vivo, a remuda xeracional sexa unha realidade e a muller siga sendo protagonista

O PPdeG conmemora o Día da Muller Rural poñendo en valor a contribución inmensa das mulleres galegas ao desenvolvemento económico da nosa terra e apostando por unha Galicia na que o rural siga vivo, na que a remuda xeracional sexa unha realidade e na que a muller siga sendo protagonista.

Así o manifestou esta mañá a secretaria xeral do partido, Paula Prado, durante a visita que realizou ás instalacións da empresa Maruxas de Nata en San Sadurniño acompañada polo coordinador de Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto, os responsables de Igualdade e de Medio Rural no Grupo Parlamentario Popular, Raquel Arias e Miguel Ángel Viso, e a voceira local do partido, Belén Trigo.

Para a número dous dos populares galegos esta empresa –cuxos produtos contan co selo de calidade de Artesanía Alimentaria e na que traballan seis mulleres e ata unha decena de períodos de alta produción – é un exemplo do labor das mulleres e especialmente do emprendemento das mulleres no rural.

“Hai que dar as grazas a todas esas mulleres que fixeron tanto polo rural galego e poñer en valor que cada vez hai máis mulleres facendo Galicia no rural”, explicou ao tempo que reivindicaba a importancia do Día da Muller Rural para o PPdeG, “o partido das mulleres e o partido do rural”.

Prado recordou que o PPdeG é o partido con máis mulleres alcaldesas –un total de 28, máis que o PSOE e o BNG– e que a gran maioría delas lideran pequenos concellos. De feito, case todas elas teñen unha confianza abrumadora dos seus veciños, cunha porcentaxe de voto media superior ao 60%.

A isto hai que engadir que o Goberno galego leva 15 anos impulsando numerosas medidas de Igualdade, como a Lei de Igualdade de Galicia aprobada hai un ano, co obxectivo de “destacar a contribución inmensa das mulleres ao desenvolvemento económico de Galicia”. Unha contribución que, tal e como concluíu a secretaria xeral do PPdeG, “merece ser celebrada e recoñecida”.

O Grupo Popular defende a tramitación “escrupulosa coas garantías ambientais e o rigor técnico” que a Xunta está a facer do proxecto de construción do porto mixto de Corcubión

O deputado do Grupo Popular Manuel Santos defendeu hoxe no Parlamento de Galicia a tramitación “escrupulosa coas garantías ambientais e o rigor técnico” que a Xunta está a facer do proxecto de construción do porto mixto en Corcubión e criticou que o BNG “non queira cumprir con todos os trámites necesarios e solicite que a Xunta inclúa nos orzamentos do vindeiro ano unha partida orzamentaria para esta obra”.

Manuel Santos lembrou que a proposta finalmente escollida para o porto mixto de Corcubión inclúe un dique de abrigo de 282 metros en dúas aliñacións e a dotación dunha explanada, varadoiro e foso travel lift. En total, crearanse 194 prazas de amarre, cun orzamento total do proxecto de 10 millóns de euros, aproximadamente.

O deputado popular lamentou que a tramitación ambiental deste proxecto “non se puidera levar adiante de forma simplificada polos posibles efectos adversos sobre o medio ambiente, o que supuxo un retraso condicionado polo tempo que tardan en obterse os documentos necesarios para iniciar a tramitación ordinaria”.

“A día de hoxe, Portos de Galicia está a traballar na elaboración do estudo de impacto ambiental, que posteriormente deberá someterse a información pública e a unha análise técnica polo órgano ambiental da Xunta de Galicia para a formulación da declaración de impacto ambiental”, explicou Manuel Santos.

A continuación, o proxecto requirirá a súa aprobación por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica, un trámite preceptivo e vinculante tanto para as tramitacións ordinarias como simplificadas.

“Hai que ser realistas e coherentes e ter presente o tempo que leva unha tramitación ambiental deste tipo, polo que non vai ser posible que o vindeiro ano estean en execución as obras deste porto mixto”, sinalou o deputado popular.

O Grupo Popular reitera a solicitude ao Goberno central para que declare as rías galegas como zona catastrófica

O portavoz do Mar do Grupo Popular, Miguel Fidalgo, reiterou hoxe a solicitude ao Goberno central para que declare as rías galegas como zona catastrófica, ao tempo que pediu que “deixe de cobrar a seguridade social ás mariscadoras que están sen traballar nas rías por falta de produto”.

Miguel Fidalgo concretou que “a declaración de zona catastrófica non só é unha demanda da Xunta e do Partido Popular desde o pasado mes de decembro, porque tamén é unha demanda do propio sector e unha reivindicación das confrarías galegas que nos trasladan nos encontros periódicos que celebramos con eles”.

“A Consellería do Mar non só exerce as súas funcións, senón que está ao lado e en permanente diálogo cos nosos profesionais, adoptando ademais medidas e valorando accións en beneficio do noso sector marisqueiro, sempre desde o consenso e a comunicación constante cos profesionais”, manifestou.

Neste sentido, lembrou que a Xunta “xa hai meses que puxo en marcha o plan de apoio ao marisqueo”, ante o que lamentou a decisión do Goberno central de “seguir cobrando a seguridade social ás mariscadoras que están sen traballar nas rías por falta de produto”.