O PPdeG solicitará en Bruxelas o desbloqueo de fondos europeos para paliar os efectos das eventualidades climáticas e naturais no sector agrogandeiro galego

O Partido Popular de Galicia solicitará en Bruxelas o desbloqueo dos fondos europeos destinados a cubrir a afectación no sector agrogandeiro dos desastres climáticos e catástrofes naturais para estender a súa cobertura aos agricultores e gandeiros galegos ante as diferentes eventualidades que poidan sufrir.

Así o anunciou esta tarde o eurodeputado Adrián Vázquez durante a visita que realizou á explotación gandeira Carreira de Afonso en Lago (Mazaricos) xunto á responsable de Medio Rural do Goberno galego, María José Gómez, o deputado autonómico Enrique Barreiro e o portavoz local do partido, José Manuel Caamaño.

Vázquez fíxose eco da problemática que supón a baixa cobertura das pólizas de seguros no sector agrogandeiro e destacou que, tras a recentes inundacións en diversos países de Europa central, a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von Der Leyen, vén de anunciar unha flexibilización da normativa para garantir que os fondos comunitarios poidan mobilizarse de forma rápida para apoiar aos Estados membros afectados por desastres climáticos e catástrofes naturais.

Unha proposta na que se comprometeu a incluír as problemáticas específicas dos agricultores e gandeiros galegos para que poidan beneficiarse da extensión da cobertura destes fondos e minimizar así o impacto das diferentes eventualidades que poidan sufrir.

Explicou ademais que en España o organismo responsable de mellorar as condicións deste tipo de pólizas é a Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa) dependente do Ministerio de Agricultura. Polo que esixiu a ambos organismos que tomen tamén medidas para mellorar estas pólizas a nivel estatal.

APOIO DO GOBERNO GALEGO AO SECTOR PARA CUBRIR GASTOS

Pola súa banda, a responsable de Medio Rural do Goberno galego, María José Gómez, lembrou que o seu departamento está traballando co sector para avaliar as consecuencias do temporal no campo. Para iso, sinalou, xa se levaron a cabo diferentes reunións con organizacións profesionais agrarias e coas cooperativas agroalimentarias.

Nesta liña, Gómez insistiu na importancia dos seguros agrarios como mellor fórmula para facer fronte a este tipo de situacións e reiterou o compromiso do Goberno galego para impulsalos, mediante liñas de axuda para o seu fomento.

Así, recordou que neste 2024 a Xunta destina 8,5 millóns de euros para apoiar o aseguramento, coa novidade de que as achegas públicas poden cubrir ata un máximo do 75% do custo da póliza, e avanzou que de cara ao 2025 vaise incrementar a partida orzamentaria para este fin.

Puxo en valor ademais o feito de que esta mesma semana se vaia aboar aos agricultores e gandeiros galegos o anticipo dos pagos directos da PAC referentes á solicitude única de 2024 e que ascenden a un total de 45 millóns de euros. Esta é, subliñou, a cantidade máis alta dos últimos catro anos e sendo das poucas veces que se adianta este pago ao mes de outubro. Desta forma, explicou Gómez, os beneficiarios poderán contar cun fluxo de efectivo para facer fronte os seus gastos operativos durante o presente ciclo agrícola.

Paula Prado destaca o traballo da comunidade galega en Brasil por manter vivas as tradicións e preservar os lazos de unión con Galicia

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, pon en valor o traballo da comunidade galega en Brasil á hora de manter vivas as tradicións culturais e gastronómicas da nosa Comunidade e preservar os lazos de unión entre Galicia e a diáspora.

A número dous dos populares galegos participou esta fin de semana no cocido galego organizado polo Centro Español de Santos, ao que asistiron máis de 300 persoas e entre as que se atopaban varias xeracións de galegos residentes neste municipio ubicado no litoral do estado de São Paulo.

Este centro comunitario, cuxas orixes se remontan ao século XIX e que agrupa a varias entidades, ten entre as súas liñas de traballo o fomento da galeguidade co obxectivo de manter os lazos socio-culturais co pobo galego a través de eventos culturais, educativos, deportivos e gastronómicos.

Paula Prado, que estivo acompañada pola responsable do PP no estado de São Paulo, Amanda Barrio, aproveitou a súa presenza para agradecerlle aos directivos da asociación e a aos seus socios que permitan que os fillos e netos dos galegos que no seu día emigraron a Brasil poidan hoxe seguir formándose e participando en actividades conxuntas, como este cocido, mantendo viva así a cultura galega.