A Comisión de Investigación sobre a contratación publica da Xunta aproba o seu plan de traballo, con 39 comparecentes e 118 documentos

A Comisión de Investigación sobre a contratación pública da Administración autonómica aprobou esta tarde o seu plan de traballo, que inclúe un total de 39 comparecentes e 118 documentos.

Alberto Pazos lamentou que o veto do BNG e PSdeG a que se incorporasen, a través dunha transacción proposta polo Grupo Popular, 14 novas comparecencias solicitadas por nacionalistas e socialistas á lista proposta polo grupo maioritario, así como representantes das empresas que tiveron relacións contractuais coa Xunta nos anos investigados. Ademais, 11 comparecentes solicitados polo Grupo Popular xa coincidían cos propostos polo BNG, así como outros 11 que eran tamén figuraban no plan rexistrado polo PSdeG.

“Consideramos que con esta extensa relación de comparecentes, xunto coa ampla documentación que solicitamos para esta Comisión de Investigación, será máis que suficiente para botar abaixo as falsas acusacións que se están a verter sobre as contratacións realizadas pola Xunta de Galicia e a xestión levada a cabo para a construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro”, indicou o portavoz popular.

Ao mesmo tempo, Pazos incidiu que “é unha demostración da plena vontade do Grupo Popular de facilitar un traballo áxil e completo desta Comisión de Investigación, na que se poidan sacar unhas conclusións claras e rotundas sobre o bo facer dos gobernos do Partido Popular na Xunta”.

Para rematar, lembrou que o Grupo Popular “xa dixo desde o principio que ía facilitar a máxima transparencia, pero sen permitir que o Parlamento de Galicia se converta nun circo a maior gloria mediática da oposición, que insiste na necesidade de citar a determinadas persoas en función do seu parentesco e non en relación ás súas competencias profesionais”.

Paula Prado destaca que o PPdeG é “o partido da mocidade galega” porque dá voz e representación aos máis novos en todos os ámbitos de decisión

A secretaria xeral do Partido Popular d Galicia, Paula Prado, afirmou hoxe que se o seu partido é “o partido da mocidade galega” e a opción electoral preferida pola xuventude é porque ofrece unha voz e unha representación aos máis novos en todos os ámbitos de decisión.

No encontro que mantivo hoxe co alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e o seu equipo, a número dous dos populares galegos explicou que este é un dos 13 alcaldes máis novos da formación. Ao que se engade que os dous deputados máis novos do Parlamento de Galicia –Nicole Grueira e Raúl Santamaría– e o segundo máis novo do Congreso –Juan Andrés Bayón– son do PPdeG.

“Apostamos pola mocidade e por iso a mocidade elixe sempre a nosa papeleta”, afirmou ao tempo que poñía en valor a estabilidade e o compromiso coa veciñanza que fan tamén do PPdeG “o partido que máis se parece a Galicia”.

Logo dos seis meses transcorridos desde a chegada de Gonzalo Louzao á alcaldía da Estrada, Prado puxo en valor que a agrupación local do partido foi “un exemplo de unidade” no proceso de transición logo dos 13 anos de liderado e maiorías absolutas do anterior alcalde e hoxe responsable de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, José López Campos.

“A Estrada non só é un concello referente de talante democrático e de implicación da veciñanza na toma de decisións grazas á dedicación e ao traballo de Louzao e o seu equipo, senón que ademais representa á perfección o que significan as nosas siglas”, concluíu sinalando á unidade, á estabilidade e a proximidade como sinais de identidade dos populares galegos.

UN CONCELLO QUE SEGUE NAVEGANDO CARA O SEU DESTINO

Pola súa banda, o rexedor estradense tamén quixo destacar que, seis meses despois de “afrontar a responsabilidade de capitanear un dos concellos máis importantes da provincia de Pontevedra e de Galicia”, el e o seu equipo foron quen de “demostrar a través de traballo” que “un gran transatlántico como o Concello da Estrada pode seguir navegando cara o seu destino”.

Reivindicando o seu compromiso por dar cumprimento ao programa electoral co que o partido obtivo a confianza maioritaria da cidadanía nas pasadas eleccións municipais, Louzao sinalou a importancia do compromiso de outras administracións como a Deputación provincial ou a Xunta de Galicia á hora de “dar forma á transformación necesaria e esperada do concello”.

“O Goberno de Alfonso Rueda amosa nos seus orzamentos para 2025 un compromiso claro coa Estrada a través de investimentos concretos en grandes eixos estratéxicos como son as comunicacións, a vivenda e o solo industrial. Algo que redundará en maiores oportunidades de emprego e no desenvolvemento empresarial do noso municipio”, concluíu.