A celebración o vindeiro 25 de novembro do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller marcará a orde do día do Pleno ordinario da vindeira semana, coa comparecencia da conselleira de Política Social e Igualdade, e o debate dunha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide a renovación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, a revisión dos defectos que se están a detectar no sistema VIOGEN e a promulgación dunha lei estatal contra a trata de persoas. Así mesmo, o Grupo Popular insistirá na necesidade de que o Goberno central traspase a Galicia os medios materiais e persoais necesarios para que a Xunta poida xestionar o litoral galego, cando xa pasaron sete meses desde a sentenza do Tribunal Constitucional que daba a razón a Galicia na defensa do seu autogoberno.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou da celebración do vindeiro luns, 18 de novembro, do pleno específico para o debate de totalidade dos orzamentos da Xunta para 2025, “as contas máis altas da historia de Galicia, ao acadar os 13.954 millóns de euros, o que supón un incremento do 2,6 por cento respecto ao 2024”.
“Falamos duns orzamentos que, como obxectivos principais, buscan crear máis benestar, prosperidade e futuro para todos os galegos, con medidas específicas para impulsar a oferta de vivenda; sentar as bases da Galicia futura, con máis innovación; reforzar os servizos públicos; e apostar polos sectores produtivos e a transición verde”, concretou o portavoz popular, quen destacou que “tres de cada 4 euros destes orzamentos destinaranse a gasto social, superando por primeira vez a cifra de 10.000 millóns de euros”.
Pasando xa á orde do día do Pleno ordinario, Alberto Pazos explicou que, como novidade, dará comezo coas habituais preguntas ao Presidente por parte dos grupos da oposición, un cambio motivado pola viaxe que o Presidente Rueda fará ao Brasil a vindeira semana, que no seu día tivera que aprazar pola reunión á convocado polo Presidente do Goberno de España para abordar asuntos relacionados co financiamento autonómico.
APROBACIÓN DA LEI DE CULTURA INCLUSIVA
A sesión plenaria continuará co debate, para a súa aprobación, do proxecto de Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, “unha norma pioneira que ofrece un amplo marco a partir do que sexa natural a participación cultural efectiva, afectiva e produtiva de todas as persoas, con especial atención ás que se atopan nun contexto de especial vulnerabilidade polas súas dificultades ou riscos de exclusión”, lembrou Pazos.
A continuación, e con motivo da celebración o 25 de novembro do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Pleno inclúe a comparecencia, a petición propia, da conselleira de Política Social e Igualdade, para informar sobre as medidas impulsadas polo Goberno galego na loita contra a desigualdade entre homes e mulleres e contra a violencia de xénero.
Tamén relacionada coa loita contra a violencia de xénero é a primeira das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular. Neste caso, solicítase ao Goberno central que renove, canto antes, o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que leva conxelado desde 2022, coa incorporación de medidas específicas contra a violencia vicaria ou a violencia dixital.
A través desta iniciativa parlamentaria pídese, ademais, que o Goberno central revise os erros que se están a detectar no sistema VIOGEN, para mellorar a protección das vítimas de violencia de xénero que denunciaron ao seu agresor, así como que promulgue unha lei contra a trata de persoas, onde Galicia xa foi pioneira e conta desde o ano 2022 cun plan anti-trata.
A segunda das proposicións non de lei do Grupo Popular pide ao Goberno de Pedro Sánchez que constitúa, coa máxima celeridade posible, a Comisión Mixta de Transferencias para, entre outras cuestións, facer efectivo o traspaso dos medios materiais e persoais necesarios para que a Xunta poida xestionar o litoral galego, respectando deste xeito o seu autogoberno sobre os máis de 2.500 quilómetros de costa galega.
“Pasaron xa sete meses desde que o Tribunal Constitucional avalara a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, pero seguimos sen ter noticias sobre a disposición do Goberno central de cumprir esta sentenza, o que constitúe unha nova e evidente mostra de deslealdade institucional do Goberno de Pedro Sánchez con Galicia, nun asunto que consideramos esencial para o ordenamento, desenvolvemento e o impulso económico e social da nosa costa”, criticou Pazos.
AGRADECEMENTO AO OPERATIVO DESPRAZADO A VALENCIA
Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola valoración do continxente de emerxencias que mobilizou Galicia en apoio ás persoas afectadas pola DANA en Valencia. Neste punto, o portavoz popular agradeceu “a plena disposición dos milleiros de galegos e galegas anónimos, xunto cos profesionais das emerxencias que traballan neste tipo de situacións, que voluntariamente se ofreceron para botar unha man nos concellos afectados pola DANA en Valencia, colaborando naquilo que resultaba máis urxente e de necesidade para atender ás familias afectadas pola catástrofe”.
Así mesmo, o Grupo Popular cuestionará polas medidas que o Goberno galego puxo en marcha para o fomento do alugueiro accesible, ao carón do Pacto de Vivenda de Galicia 2021-2025; e interesarase polas repercusións que, para as arcas da Comunidade galega e dos concellos, terá a imposición da nova Lei estatal de residuos, a través da que se impoñen novos impostos ao vertido e á incineración, ademais dunha taxa diferenciada aos concellos pola xestión e tratamento dos residuos que reflicta os custes reais do servizo, incluíndo o das campañas de concienciación social.