O Parlamento pide ao Goberno central a renovación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que revise os erros do sistema Viogen e aprobe unha lei contra a trata e explotación de seres humanos

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que renove canto antes o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, ampliando as súas medidas coa incorporación de accións específicas contra a violencia vicaria, a violencia dixital, económica ou pornográfica, e acelerando o cumprimento do Pacto naqueles aspectos aínda non desenvolvidos. Así mesmo, pídese que revise os erros do sistema Viogen, á hora de valorar o risco das vítimas de violencia de xénero; e aprobe unha lei orgánica contra a trata e a explotación de seres humanos, acordando coas comunidades autónomas un marco conxunto de traballo e financiamento e mellorando o protocolo-marco de protección das vítimas de trata de seres humanos coa experiencia acumulada.

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, salientou que “en Galicia somos referentes en igualdade e contra a violencia de xénero, coas leis contra a violencia de xénero e de igualdade máis avanzadas e progresistas do Estado, ás que agora se sumará a primeira Lei de violencia dixital de España”.

PEDRA ANGULAR

“A nivel estatal, a pedra angular contra a violencia de xénero é o Pacto de Estado, que marca as liñas xerais para todas as institucións e, desde aí, para as distintas entidades, asociacións e mesmo a sociedade en xeral”, explicou. Neste sentido, indicou que o Pacto de Estado contra a violencia de xénero aprobouse en 2017 cun período de execución de cinco anos, pero, ademais de lembrar que dous anos despois de que rematara o seu prazo de execución aínda está sen renovarse, lamentou que presenta “un balance de cumprimento moi pobre por parte do Estado, xa que, segundo os datos de seguimento do mesmo, só ten cumprido o 60 por cento das medidas que lle correspondería, fronte ao 96 por cento do executado por parte da Xunta”.

Raquel Arias demandou, así mesmo, que o Goberno central incorpore medidas específicas contra a violencia vicaria e a violencia dixital. “Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas en lexislar sobre a violencia vicaria e agora ímolo facer sobre a violencia dixital, pero tendo presente que ten que ser o Estado quen poña en marcha os mecanismos que permitan modificar o Código Penal co fin de perseguir axeitadamente estes delitos”, manifestou.

A portavoz popular lembrou que desde Galicia “tamén levamos tempo pedindo que o Goberno central revise de forma urxente os erros do sistema Viogen para mellorar a protección das mulleres vítimas de violencia de xénero e as súas fillas e fillos, así como que promulgue dunha vez por todas unha lei orgánica contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, unha lei que reclaman todas as organizacións non gubernamentais expertas na materia, incluída a Rede Galega contra a Trata”. Neste ámbito, salientou que “Galicia xa vai un paso por diante logo de aprobar en 2022 o I Plan galego contra a trata, con medidas de prevención, sensibilización e, sobre todo, prestacionais”.

O Grupo Popular salienta que Galicia marcou o paso a nivel nacional na atención ás persoas diagnosticadas con ELA

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou hoxe no Pleno que “Galicia marcou o paso a nivel nacional na atención ás persoas diagnosticadas con esclerose lateral amiotrofica, aprobando unhas axudas pioneiras con apoios de 12.000 euros ao ano, habilitando unha vía clínica directa en cada centro hospitalario para axilizar o diagnóstico e dando preferencia ás solicitudes de dependencia das persoas con ELA para que se tramiten en menos dun mes. Ademais, e unha vez que se aprobou a lei estatal, considerou “imprescindible acompañala cunha dotación orzamentaria e medios económicos suficientes para que as comunidades autónomas poidan poñer en marcha moitas das medidas, como os coidados especializados nos domicilios as 24 horas para pacientes en fases avanzadas da enfermidade”.

Encarna Amigo amosouse “orgullosa de que en Galicia tivemos o primeiro goberno autonómico que deu axudas directas e inmediatas aos enfermos de ELA, e de que o Partido Popular deu a batalla ata conseguir desbloquear a Lei ELA, que o Goberno de Pedro Sánchez tiña paralizada e gardada nun caixón”. “Hoxe, esta norma é unha realidade gracias ao esforzo de moitos, empezando polas asociacións de enfermos que fixeron, fan e seguen a facer unha labor impagable”, indicou.

Neste sentido, a portavoz popular criticou que o Goberno de Pedro Sánchez “chegou a bloquear a tramitación da Lei ELA ata 37 veces nun ano sen dar ningún tipo de explicación, un bloqueo inexplicable xa que o Congreso aprobara por unanimidade a súa toma en consideración, xerando unha expectativa que de frustrou de maneira inxustificada”.

“Agora, unha vez publicada esta nova lei, é necesario que o seu desenvolvemento regulamentario se leve a cabo canto antes e se lle adxudique dotación orzamentaria, condicións absolutamente necesarias para que chegue a ser de verdade unha realidade na vida diaria dos afectados”, manifestou.

REDUCIR AO MÁXIMO OS TEMPOS DE AGARDA

Amigo apuntou que “un dos grandes obxectivos do Goberno galego é reducir ao máximo os tempos de agarda nos procesos de valoración de dependencia e discapacidade, “para o que a partir de agora unicamente haberá que presentar a solicitude e nos casos que se solicite tamén a discapacidade, ambas procesos resolveranse conxuntamente”.

Ademais, a portavoz popular destacou que a Xunta incorpora, por terceiro ano consecutivo, unha partida de tres millóns de euros nos orzamentos para axudar con 12.000 euros anuais a todas as persoas diagnosticadas con ELA en Galicia. “Como novidade, a partir do vindeiro ano tamén se poderán beneficiar destas axudas os afectados por esclerose lateral primaria e amiotrofia espiral progresiva”, concretou.

O Grupo Popular apoia no Parlamento galego que o Goberno galego inclúa a educación afectivo-sexual nos currículos dos centros de ensino e forme ao profesorado neste ámbito

O Grupo Popular apoiou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno galego a incluír a educación afectivo-sexual nos proxectos curriculares dos centros de ensino e establecer un programa específico de formación ao profesorado neste eido, así como incrementar os programas de formación en igualdade e prevención da violencia machista, actualizar o Protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero en Galicia.

Na iniciativa aprobada hoxe tamén se pide que a Xunta presente no Parlamento de Galicia, antes de que remate o actual período de sesións ou no primeiro trimestre de 2025, un informe de seguimento da execución do I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024; que colabore coa Fegamp na implantación en todos os concellos galegos do Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGBTI fóbicas nos espazos de lecer nocturno; e se impulsen campañas de sensibilización e información, dirixidas aos diferentes sectores de poboación, co fin de contrarrestar as mensaxes negacionistas e incrementar a concienciación e comprensión pola cidadanía das distintas manifestacións das formas de violencia contra as mulleres.

COMPROMISO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

A deputada popular Noelia Pérez asegurou que “non imos aceptar que se poña en dúbida nin o compromiso do Goberno galego nin do Presidente da Xunta coas mulleres e coa loita contra a violencia de xénero”, aínda que recoñeceu que “as medidas nunca van a ser suficientes mentres sigan existindo vítimas”. “Mentres BNG e PSdeG sigan instalados na política do espectáculo e traendo propostas para xerar titulares e quedar ben de cara a galería, desde o Grupo Popular imos seguir traballando con seriedade para dar respostas que realmente melloren as vidas das persoas”, anotou.

Na súa intervención, subliñou que “a Xunta imparte educación afectivo-sexual en toda a etapa escolar” e indicou que “a loita pola igualdade é unha obriga de carácter transversal que temos como sociedade”. Neste sentido, dixo que “o profesorado ten formación específica nesta materia e existe formación especializada e actualizada no ámbito sanitario, na xustiza ou nas profesións do eido social”.

Respecto dos centros de atención á muller, a deputada popular lembrou que “son recursos habilitados polos concellos, “polo que amplialos é unha decisión municipal e, se así o decide o propio Concello, contará co apoio da Xunta, tanto para mellorar as infraestruturas como para o seu mantemento e persoal”.

Noelia Pérez considerou “imprescindible a creación dun marco lexislativo estatal que permita previr e loitar contra a trata de seres humanos”. “En vez de vir a pedir aquí medidas que xa están en marcha, como o Plan galego contra a trata de seres humanos, e outras que non son competencia do Goberno galego, reclamen ao Goberno de Pedro Sánchez que saque do caixón o Pacto de Estado aprobado no último mandato do Partido Popular e aprobe dunha vez a Lei contra a trata para dar prioridade aos dereitos humanos das vítimas garantíndolles protección, asistencia xurídica e acceso aos recursos para a súa reinserción”, manifestou.

INCREMENTO DE FONDOS

Por outra parte, no debate dunha proposición non de lei do BNG sobre o incremento das prestacións periódicas ás mulleres que sofren violencia de xénero, Noelia Pérez destacou que a Consellería de Igualdade dedicará o vindeiro ano 56 millóns de euros para reforzar as políticas de igualdade e manter e ampliar recursos, servizos e prestacións. “Defendemos que o Goberno galego, que é quen mellor coñece a realidade e as necesidades das vítimas e pode tomar decisións fundamentadas, ten que ter a capacidade para decidir como implementar e onde implementar eses incrementos para garantir que as axudas sexan eficientes e co maior impacto posible”, engadiu.

“Os nacionalistas galegos veñen aquí a pedir un incremento do IPC das axudas periódicas cando acaban de solicitar un recorte de crédito de 46 millóns de euros na renda de inserción social de Galicia, que nestes momentos tamén está a beneficiar a moitas desas mulleres, porque nesta comunidade autónoma ambas prestacións son compatibles”, dixo.

Para rematar, a deputada popular salientou que, “gracias ao traballo de todos, conseguimos que Galicia sexa unha comunidade referente a nivel estatal: fomos os primeiros en ter un recurso económico propio para axudar ás vítimas, os primeiro en poñer en marcha a quenda de garda en apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos, os primeiros en ofrecer vivendas tuteladas para vítimas de violencia con enfermidade mental e un dos primeiros en recoñecer a violencia dixital como unha forma de violencia de xénero”.

O Parlamento galego urxe ao Goberno central a convocar a Comisión Mixta de Transferencias para facer efectivo o traspaso dos medios para a xestión das competencias sobre o litoral

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reitera ao Goberno central a necesidade de constituír, coa máxima celeridade posible, a Comisión Mixta de Transferencias e, tras o aval do Tribunal Constitucional, facer efectivo o traspaso dos medios materiais e persoais necesarios para que a Administración autonómica poida xestionar o litoral e permita así consolidar o autogoberno pleno sobre os máis de 2.500 quilómetros de costa galega.

O portavoz popular de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, lembrou que “un ano e cinco meses despois da aprobación neste Parlamento galego da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral e sete meses despois de que o Tribunal Constitucional nos dese a razón de xeito unánime, seguimos esperando pola transferencia a Galicia de medios e persoal”.

LÍDERES NA XESTIÓN INTEGRAL DA COSTA

“Imos ser líderes na xestión integral da nosa costa gracias ao deseño e aprobación da Lei do litoral, que inclúe a capacidade de Galicia para outorgar, prorrogar, modificar ou extinguir concesións para o uso e ocupación do dominio público marítimo-terrestre,”, sinalou.

Gonzalo Trenor lembrou que a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral foi aprobada polo Parlamento galego sen o apoio de BNG nin de PSdeG e posteriormente foi recorrida polo Goberno de Pedro Sánchez ante o Tribunal Constitucional, que deu a razón á Comunidade galega ao estimar só 2 dos 72 supostos de inconstitucionalidade que denunciou.

“O Tribunal Constitucional recoñeceu que o Estado debe traspasar os medios materiais e persoais a Galicia, en conformidade co principio de lealdade institucional”, indicou o portavoz popular, quen apuntou que ante esta sentencia a Xunta iniciou os trámites para pedir ao Goberno central este traspaso sen que ata o día de hoxe se teña constituído a Comisión Mixta para a transferencia sobre o litoral.