O Partido Popular de Galicia presentará a través dos seus grupos municipais unha moción para que os concellos se animen a formar parte do Pacto pola lingua e que así “as entidades máis próximas á cidadanía poidan contribuír a construír un acordo social que permita trazar o mellor futuro para o gran tesouro que é a lingua galega”.
Así o anunciou esta tarde a secretaria xeral Paula Prado durante a reunión da Comisión de Cultura do partido celebrada en Padrón e que se enmarca nun “momento clave para o galego” como é a negociación do Pacto pola lingua que lidera a Xunta de Galicia.
“O PPdeG comparte o compromiso da inmensa maioría dos galegos co futuro da nosa lingua e por iso, para nós e para o resto de partidos políticos, o momento de comprometerse é agora”, asegurou incidindo en que nesta negociación “todos temos que ceder e non só o Goberno galego”.
A número dos populares galegos lamentou que haxa partidos aos que “só lles interesa a lingua como elemento de confrontación” e afeoulle a estes a súa negativa a “atopar puntos de unión”. Porque, na súa opinión, “as bandeiras independentistas, a politización e a apropiación non axudan en nada nesta cuestión”.
Fronte a isto, concluíu Paula Prado, o PPdeG ten clara a súa senda. Unha senda compartida pola maioría dos galegos e que non é outra que “apoiar o galego, coma sempre, no marco do bilingüismo cordial que nos trouxo ata aquí e sen poñer ningunha lingua por enriba da outra”.
LÓPEZ CAMPOS: “A LINGUA GALEGA É UN ELEMENTO DE UNIÓN”
A reunión desta tarde foi a primeira na que participou a nova coordinadora de Cultura do PPdeG, María Baleato, e nela subliñouse que o partido “ten moito que dicir” no marco das actuais negociacións do Pacto pola lingua.
“Somos un partido galeguista que concibe a nosa lingua como un elemento de unión para todos os galegos e galegas e como un patrimonio compartido que temos a responsabilidade de legar ás xeracións vindeiras”, apuntou o responsable de Cultura e Xuventude no Goberno galego.
José López Campos fixo un chamamento a “apartar o foco político do uso social da lingua e seguir facendo do galego un idioma amable, que a xente poida utilizar con normalidade, sen imposicións e co convencemento de que é un gran tesouro que forma parte do noso patrimonio e que debemos conservar e transmitir”.