O Parlamento de Galicia pide que as confrarías de pescadores sexan consideradas como organizacións de produtores pesqueiros para que poidan ter acceso a fondos públicos

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que impulse os cambios lexislativos necesarios para recoñecer ás confrarías de pescadores como organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e, deste xeito, acabar coas diferenzas entre elas no acceso a fondos públicos. Así mesmo, pídese que defenda diante das institucións europeas o papel das confrarías de pescadores para que sexan recoñecidas polo seu papel imprescindible na Política Pesqueira Común (PPC) e na Organización Común de Mercados (OCM).

A deputada popular Dolores Hermelo salientou que “as confrarías existen e vertebran toda a costa española, aunando a maioría do tecido social e económico de moitos pobos pesqueiros”. En concreto, sinalou que existen arredor de 200 confrarías ao longo da costa española con máis de 30.000 asociados.

DESCOÑECEMENTO DAS CONFRARÍAS

Porén, lamentou que “Europa non sabe como é a nosa frota e, por suposto, descoñece frontalmente as confrarías, sendo estas as organizacións máis representativas do asociacionismo no noso sector pesqueiro”. “Pese a existir antes que a política pesqueira común e da organización común de mercados, as nosas confrarías son inexistentes para Europa, que aposta claramente polas organizacións de produtores pesqueiros”, apuntou.

Dolores Hermelo indicou que “este feito fai que as nosas confrarías non podan estar ao mesmo nivel que estas organizacións de produtores pesqueiros dentro dos obxectivos da política pesqueira común, a pesar de que no sentido práctico compren os mesmos obxectivos”.

Así mesmo, a deputada popular considerou “sorprendente que o Goberno de Pedro Sánchez se esquecera no Real-Decreto 664/2023, que regula as actividades do asociacionismo do sector pesqueiro, das confrarías de pescadores”, polo que demandou que “debe solucionar este problema modificando a súa lexislación e pedindo a Europa que asimilen as confrarías como organizacións de produtores pesqueiros, de xeito que poidan acceder aos fondos públicos para estas organizacións”.

O Parlamento galego pide ao Goberno central que teña en conta as alegacións presentadas aos recortes para as pesquerías de abadexo e da raia

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central que teña en conta as alegacións presentadas ante as resolucións da Secretaría Xeral de Pesca sobre os recortes para as pesquerías do abadexo e da raia.

O portavoz popular do Mar, Miguel Fidalgo, lembrou que “as propias confrarías tacharon de burla ao sector a postura do Ministerio sobre as capturas de abadexo e raia, froito das nefastas negociacións do Goberno de España no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, nas que sempre priman as políticas ambientais sobre a subsistencia das comunidades pesqueiras”.

Neste sentido, sinalou que “se tiveran en conta a nosa proposta a frota galega non estaría nos apuros nos que se atopa a conta da exigua cota que se fixou para o abadexo este ano e o que ven en augas ibéricas: 70 toneladas, que se quedaron en 55,6 ao descontar as 14 toneladas que se pescaron de máis en 2023”.

Fidalgo lembrou que “desde o Partido Popular consideramos que o abadexo non debería estar sometido ao réxime de totais admisibles de captura e cotas, como tampouco o linguado, a maruca, o merlán ou a solla”.

COTA DA RAIA

Respecto da pesquería da raia, o portavoz popular explicou que as alegacións parten da cota inicial de 1.724 toneladas para as zonas 8 e 9 da augas da Unión Europea, 17 toneladas máis que na campaña pasada, pero cunha reserva do 2 por cento para evitar posibles rebasamentos ou para utilizala en intercambios con outros estados membros.

“Consideramos que reservar un 2 por cento nunha especie que xa ten unha cota inicial moi limitada, uns topes de captura reducidos e incluso unha cota de captura en modo accesorio para a raia mosaico non resulta axeitado nin proporcional, especialmente se a pretensión é utilizala para intercambios”, indicou Miguel Fidalgo.

O Grupo Popular pedirá no Pleno ao Goberno central que convoque de inmediato a mesa de seguimento sobre a viabilidade de Alcoa e a transferencia dos servizos de meteoroloxía

O Grupo Popular levará ao Pleno do Parlamento galego da vindeira semana as solicitudes ao Goberno central para que convoque, de xeito urxente e inmediato, a mesa de seguimento do pacto de viabilidade da factoría de Alcoa en San Cibrao, así como que transfira a Galicia a competencia dos servizos de meteoroloxía e estudos oceanográficos.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que a sesión plenaria dará comezo coas comparecencias, a petición propia, das conselleiras de Medio Ambiente e Cambio Climático, expoñer os proxectos e programas a desenvolver desde o seu departamento a curto, medio e longo prazo; e do Medio Rural, para dar conta dos resultados do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, unha vez rematada a tempada de alto risco de lumes de 2024.

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará diversas actuacións do Goberno central para garantir a continuidade da factoría de Alcoa na Mariña lucense. En concreto, solicitará a convocatoria inmediata da mesa de seguimento do pacto de viabilidade desta empresa, coa participación ao máis alto nivel dos titulares dos ministerios de Industria e Turismo e de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico; unha consignación de 74 millóns de euros correspondentes ao mecanismo de compensación de custes de emisións indirectas de CO2, que non percibiu esta empresa entre os anos 2018 e 2021; a autorización dos parques eólicos de competencia estatal vencellados a contratos a longo prazo para a produción de enerxía a prezos competitivos que prevén subministrar á factoría mariñá; e a articulación dunha liña de axudas públicas e apoios extraordinarios que garantan o investimento para a modernización da planta, no mesmo sentido que as que recibiron outras empresas tamén declaradas estratéxicas polo Estado.

INCAPACIDADE DO GOBERNO CENTRAL

Alberto Pazos lamentou que “o Goberno de Pedro Sánchez está a demostrar a súa incapacidade para poñer enriba da mesa un marco enerxético estable e competitivo que garanta o futuro de Alcoa na Mariña lucense, ao que se engadiu recentemente que esta factoría non poderá optar nesta anualidade a recibir ás axudas do mecanismo de compensación de custes de emisións indirectas de CO2, nin beneficiarse dos recursos procedentes dos fondos europeos vinculados ao Perte para a descarbonización”.

Pola contra, salientou “o compromiso da Xunta con esta empresa” e mostra disto lembrou a reunión mantida polo Presidente da Xunta co Comité de Empresa, na que lle trasladou a absoluta disposición a acudir a unha reunión en Madrid ao máis alto nivel con representantes do Goberno central. “Este compromiso do Goberno galego tamén se pon de manifesto no cumprimento dos seus deberes tanto coa tramitación dos parques eólicos dependentes da Administración galega como da ampliación da balsa de lodos vermellos”.

INFORMACIÓN PRECISA SOBRE METEOROLOXÍA

A segunda das proposicións non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo solicitar ao Goberno do Estado a transferencia da competencia dos servizos de meteoroloxía e estudos oceanográficos, iniciando os trámites para establecer un marco normativo propio. Alberto Pazos sinalou que “os últimos acontecemos ocorridos en Valencia e outras comunidades autónomas por fenómenos meteorolóxicos adversos, así como os acaecidos en Galicia na última alerta activada, poñen de manifesto a importancia de ter información precisa sobre os cambios meteorolóxicos, así como a potestade de poder activar alarmas, baseándose na proximidade dos servizos e a precisión aportada pola experiencia”.

Neste sentido, o portavoz popular explicou que o artigo 149.1.20 da Constitución Española establece como competencia exclusiva do Estado o servizo meteorolóxico, circunstancia que non debería ser inconveniente para que Galicia reciba a súa transferencia, xa que existe unha previsión no Estatuto de Autonomía de Galicia no artigo 27 núm. 32 que fai referencia “as restantes materias que con este carácter e mediante lei orgánica sexan transferidos polo Estado”.

“Consideramos que se o Goberno central ten verdadeira intención para traspasar a Galicia esta competencia existe un marco legal para poder facelo, aínda que, despois da experiencia que estamos a sufrir co traspaso das competencias e dos medios humanos e materiais para que Galicia asuma as súas competencias sobre o seu litoral, non somos moi optimistas para que, finalmente, as competencias en materia de meteoroloxía recaian na Administración galega”, manifestou.

Por último, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre as repercusións que terá na sanidade galega a posible transferencia de usuarios de MUFACE ao sistema sanitario público; as novidades que a Xunta introduciu no Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións de Galicia como consecuencia da recente actualización levada a cabo; e sobre o incumprimento dos compromisos do Goberno de Pedro Sánchez respecto de aplicar de forma inmediata os descontos comprometidos nas autoestradas estatais en Galicia, logo de que nas últimas semanas se publicaron diversas informacións sobre subas nas peaxes para 2025.