O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do BNG, a través da que se demanda ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que rectifique a súa decisión de incluír ao lobo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (LESPRE) e do Catálogo Español de Especies Ameazadas. “Esta decisión, adoptada en 2021, foi un golpe directo á racionalidade e á xustiza territorial, porque non obedeceu a criterios científicos nin tivo en conta o estado de conservación favorable desta especie ao norte do río Douro, como o acreditan os censos oficiais”, manifestou o portavoz popular do Medio Rural, Miguel Ángel Viso.
Na súa intervención, Miguel Ángel Viso afirmou que “o incremento dos ataques do lobo ás explotacións gandeiras é alarmante: o lobo xa non ataca aos animais en zonas de pastos de montaña, porque xa está nos núcleos urbanos das vilas”. Neste sentido, dixo que a poboación de lobo en Galicia “é estable, con 93 manadas rexistradas no 91 por cento do noso territorio”.
ACTITUDE ERRÁTICA E INXUSTA DO GOBERNO CENTRAL
“Mentres Galicia fai os deberes, o Goberno central mostra unha actitude errática e inxusta”, sinalou o portavoz popular, quen lembrou que “a Xunta destinou entre 2016 e 2023 case 8,4 millóns de euros a previr e paliar os danos provocados polo lobo, mentres o Goberno central non transferiu un só euro á Comunidade galega en 2022 e 2023”. Ademais, indicou que “eses oito millóns de euros da Xunta están xudicializados porque o Goberno de Pedro Sánchez decidiu penalizar a Galicia por non apoiar unha estratexia nacional allea ás nosas necesidades e á nosa realidade”.
Viso lembrou que “as autoridades europeas xa recoñeceron que o nivel de protección do lobo debe adaptarse á realidade de cada país e deste xeito a proposta de rebaixar o estatus de protección da especie segue adiante en Europa, a pesar do voto en contra do representante español”. “Mentres outros avanzan cara a solucións equilibradas, o Goberno central persiste nunha política que so xera descontento e desamparo”, lamentou.
“Galicia precisa decisións baseadas na realidade e non en ideoloxías ou en intereses alleos, porque a xestión do lobo debe garantir a súa conservación pero tamén o futuro dos nosos gandeiros e a viabilidade do noso medio rural”, apuntou o portavoz popular, quen defendeu que “Galicia poida xestionar os seus recursos de forma eficiente, que se devolvan os fondos que nos corresponden e que se rectifique unha decisión que prexudica á nosa terra”.