O PPdeG asegura que a muller e a igualdade seguirán sendo protagonistas das súas políticas en 2025

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, asegurou hoxe que a muller e a igualdade seguirán sendo protagonistas das políticas do partido no novo ano 2025 que está preto de comezar.

Durante a tradicional cea de Nadal do PP de Mos, no pavillón Óscar Pereiro, á que asistiron 1.000 persoas, Prado salientou que hai un dato do que se sente “realmente orgullosa”, e non e outro que o feito de que o PPdeG sexa o partido con máis alcaldesas de Galicia, un total de 28, que “no futuro serán máis”.

Así, puxo de exemplo a Nidia Arévalo, que leva máis de 16 anos á fronte do Concello de Mos, a máis veterana das catro rexedoras populares do sur da provincia de Pontevedra, onde tamén lideran os seus concellos Marta Valcárcel, en Salvaterra de Miño; Cristina Correa, en Oia; e Nava Castro, en Ponteareas.

Ademais, a secretaria xeral sinalou que grazas a valores como Nidia Arévalo ou a concelleira Feli Rodríguez, deputada no Parlamento, “queda clara a importancia do éxito dos proxectos a longo prazo que levan o selo do PP”.

Por último, Paula Prado non quixo esquecer a achega de Mos “aos dous grandes éxitos deste ano do PP en Galicia”: en febreiro, co apoio ao presidente Alfonso Rueda con case un 44% de voto, e en xuño, con máis de 2.500 votos no concello para triunfar nas eleccións europeas.

LUIS LÓPEZ: “É UN ORGULLO CONTAR CON LÍDERES COMO NIDIA”

O presidente provincial do Partido Popular de Pontevedra, Luis López, destacou que un ano máis esta xuntanza de Mos se consolida como un dos referentes do Nadal da provincia, ao que acoden ano tras ano arredor dun milleiro de persoas.

“Penso que estas xuntanzas son moi boas. Serven para que compartamos uns intres nestas datas festivas e sobre todo para amosar a unidade e compromiso do noso partido, algo fundamental sempre, porque unidos traballaremos moito mellor e acadaremos os nosos obxectivos”, indicou.

O presidente popular fixo especial fincapé no magnífico resultado nas eleccións municipais en Mos e gabou o traballo da alcaldesa e senadora, Nidia Arévalo: ¨É unha muller incansable que traballa arreo por Mos, que atende as súas demandas e que escoita aos seus veciños, e que ademais nos representa no Senado, onde é un orgullo poder contar con ela alí defendendo os intereses de Pontevedra e de Galicia”.

NIDIA ARÉVALO: “SOMOS UN CONCELLO CON IDENTIDADE PROPIA”

A senadora e alcaldesa Nidia Arévalo dedicou parte da súa intervención a expresar a súa  “gratitude” tanto aos afiliados e simpatizantes do partido a nivel local como ao presidente Alfonso Rueda, de quen destacou “unha fidelidade a Mos demostrada con apoio económico, con investimentos e con xestión”.

Puxo en valor que nestes anos Mos “pasou de ser un concello descoñecido e de paso a converterse nun municipio con identidade, con nome propio, con cinco polígonos empresariais, catro escolas infantís, oito colexios e un instituto, así como coa Cidade deportiva do Real Club Celta e con case taxa cero de desemprego”.

Unha transformación que foi posible grazas á aposta por proxectos como os que botaron a andar durante este 2024 e que se farán realidade de cara ao vindeiro ano como: a humanización da estrada Pereiras-Tameiga na Pardaucha; o centro de coidados intermedios e a escola infantil do novo proxecto sociosanitario do Rebullón; a posta en valor da contorna parroquial da Igrexa de San Miguel de Pereiras; as novas vivendas protexidas en San Eleuterio; o novo polígono empresarial de Arrufana; e o proxecto Galicia Sports 360 do Celta.

Arévalo tivo tamén unhas breves pero contundentes palabras para a oposición, á que acusou de “buscar só o seu beneficio persoal e non interesarse por Mos”. Máis concretamente, reprochou ao nacionalista Gustavo Barcia que “queira meterse na política autonómica, aínda que sexa en contra da lideresa do seu partido, só para seguir vivindo de non facer nada” e á socialista Victoria Alonso que “defende a un Pedro Sánchez que o único que fai polos concellos é cargalos de novos impostos”.

Rematou asegurando que só cun presidente do Goberno como Alberto Núñez Feijóo, un presidente da Xunta como Alfonso Rueda, un presidente da Deputación provincial como Luis López e un goberno municipal do Partido Popular “poderemos manter unha España, unha Galicia, unha Pontevedra e un Mos prósperos e que sexan o mellor lugar para vivir”.

O PP condena “a falta de compromiso de Sánchez con Alcoa e o emprego na Mariña” tras anular a mesa de seguimento

O PP condena, unha vez máis, “a falta de compromiso do Goberno de Sánchez” coa continuidade da actividade na planta de Alcoa na Mariña e o mantemento dos postos de traballo directos e indirectos tras anular a reunión da mesa de seguimento do acordo de viabilidade prevista para este luns 9 de decembro na que se debería tratar aspectos fundamentais sobre o futuro da factoría mariñá e que permitirían dar respostas aos traballadores.

A presidenta provincial e deputada no Parlamento de Galicia, Elena Candia, presidiu unha reunión na que participaron os senadores José Manuel Balseiro e José Manuel Barreiro, os deputados no Congreso Jaime De Olano e Cristina Abades, alcaldes e portavoces de concellos da comarca na que reivindicaron o cumprimento dos acordos no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados.

Os populares lamentaron “tanto as propias faltas de acción do Goberno de Sánchez que non está a cumprir o que promete como a falta de aclaracións nas respostas oficiais a preguntas dos senadores en relación a asuntos pendentes que contribuirían a garantir a viabilidade da planta e, polo tanto, á continuidade da súa actividade”.

Por unha banda, subliñaron que “a través das súas respostas recoñecen que a intención inicial do Goberno era que non participasen na mesa de seguimento ningún dos ministros implicados -Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e Industria e Turismo-; xa que explican que estará presidida pola Secretaria de Estado de Industria”. Neste sentido, lembran que “o presidente da Xunta manifestou a súa vontade de asistir para garantir que a reunión sexa do máximo nivel e forzar a asistencia tamén dos respectivos Ministros”.

En relación ás medidas para garantir un prezo da enerxía competitivo, que é un dos principais problemas desta industria como o propio Goberno recoñece nas súas respostas, “non podemos ser moi optimistas coa implicación do Goberno de Sánchez” toda vez que “resolveron fóra de prazo e, a pesar de que prometeron reverter a situación, seguen sen autorización os parques eólicos de competencia estatal” vinculados a contratos de longa duración (PPA) con Alcoa. “Recoñecen por escrito que, dende decembro do ano pasado no que caducaba o prazo, non fixeron nada por darlle solución”. É dicir, “desautorizaron as promesas do secretario xeral do PSOE galego”.

Sobre a modificación do estatuto para a industria electrointensiva, “tampouco aclaran dende o Executivo cando estará aprobado nin en que condicións”. Do mesmo xeito, “non explican porque non esgota os instrumentos públicos de apoio a esta industria” coma a mellora das ferramentas de interrompibilidade ou establecendo a compensación máxima por CO2 permitida pola UE.

“O Goberno de Sánchez di que incrementou nun 25% con respecto ao 2023 estas axudas ata os 300M€ no 2024, moi lonxe dos preto de 900 M€ que se corresponderían co 25% dos ingresos por dereitos de emisión de CO2 que permite a Directiva Europea. As axudas que pon enriba da mesa do Executivo estatal non alcanzan nin a metade do permitido”, censuran.

Por outra banda, “o Goberno de Sánchez evita en todo momento aceptar unha posible intervención temporal e instrumental no caso de que, unha vez facilitadas todas as medidas necesarias para garantir a viabilidade da planta, fora preciso para manter a súa actividade”, expoñen. Á vista de que “incluso o PSOE votou en contra deste punto no Parlamento de Galicia rompendo a unanimidade coa que foran aprobados todos os anteriores; non podemos ser optimistas”.

Candia subliñou o apoio por parte do Partido Popular impulsando iniciativas nas distintas cámaras para esixir ao Goberno de España medidas para garantir a viabilidade da fábrica e que resultaron aprobadas no Congreso dos Deputados e, máis recentemente, no Parlamento de Galicia. Pola contra, na Deputación de Lugo PSOE e BNG tampouco apoiaron as reivindicacións do Grupo Popular “a pesar de que coinciden coas demandas dos traballadores”.

A través das iniciativas aprobadas no Congreso dos Deputados e no Parlamento de Galicia, o Partido Popular esixe responsabilidades en relación ao incumprimento dos compromisos adquiridos no acordo de viabilidade”.

IMPLICACIÓN REAL DO GOBERNO PARA UNHA SOLUCIÓN

Os populares reivindican unha “implicación real do Goberno de Sánchez nunha solución real e efectiva que permita recuperar a actividade completa da planta en condicións de competitividade con respecto a outras industrias noutros países de Europa” e que, polo tanto, “se garantan os empregos directos e indirectos. Non pode ser que esta situación de incerteza se manteña no tempo e arredor de 2.000 familias da Mariña sufran esta situación cada Nadal”.