O Partido Popular de Galicia puxo hoxe a Sanxenxo como exemplo da “estabilidade” que aportan aos veciños e veciñas os seus gobernos e, ao mesmo tempo, da “importancia” dos proxectos a longo prazo como o liderado durante 15 anos, en dos etapas, por Telmo Martín.
Durante a cea de Nadal organizada polo PP de Sanxenxo, con máis de 300 asistentes, a secretaria xeral do partido, Paula Prado, quixo agradecer tamén a achega desde concello aos dous grandes éxitos deste ano do PP en Galicia: en febreiro, nas eleccións autonómicas, cun apoio ao de case un 55% de voto; e en xuño, nas eleccións europeas, cunha porcentaxe similar.
Grazas a iso, destacan desde o PPdeG, os veciños e veciñas de Sanxenxo están representados por unha magnífica deputada no Parlamento galego, María Deza. A ela, a Telmo Martín e a todo o seu equipo desexan os populares galegos un 2025 no que Sanxenxo siga destacando e no que todo o partido siga poñendo os seus ollos para tomar como referente.
Mentres, o responsable de Educación do Goberno galego, Román Rodríguez, gabou o traballo do PP de Sanxenxo, “un proxecto de equipo liderado por Telmo Martín con visión de futuro, que é quen de entender as necesidades da veciñanza e encamiñar proxectos de progreso e benestar”.
“Sanxenxo demostra que o modelo do PPdeG funciona e é o mellor para o futuro deste concello, un referente na comarca do Salnés e no municipalismo galego pola súa capacidade aglutinadora e de mellorar a vida dos cidadáns”, salientou.
“PARA MANTER O APOIO SÓ HAI UNHA FÓRMULA: TRABALLAR”
Pola súa banda, o alcalde e presidente local do PP, Telmo Martín, agradeceu a asistencia dos afiliados e veciños e desexoulles “saúde e un gran ano 2025”, xa que “o demais, a capacidade de traballo e de emprender de Sanxenxo, está sobradamente demostrada”.
Así mesmo, lembrou que o Partido Popular gañou hai un ano e medio as eleccións municipais cunha ampla maioría do 56%. “Se queremos seguir mantendo ese apoio dos veciños só hai unha fórmula: humildade, traballo e máis traballo. Non o esquezades nunca”, subliñou.
Por último, quixo recoñecer o esforzo e a dedicación dos concelleiros do goberno, posto que “só eles e as súas familias saben o sacrificio que fan”. “Mentres sigamos xuntos e a nosa prioridade sexa o interese xeral, nada será imposible para Sanxenxo”, concluíu o alcalde.