Alfonso Rueda subliña que o Goberno galego ten un plan para a cidade Lugo como plasman os Orzamentos que se aproban este martes

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, subliñou hoxe en Lugo que o Goberno galego ten un plan para a cidade, tal e como plasman os Orzamentos autonómicos que se aprobarán mañá martes no Parlamento de Galicia.

Durante o pincho de Nadal do PP da cidade de Lugo, Rueda sinalou ante os presentes que o partido é un exemplo do ADN popular, é dicir, da política real e útil para os veciños, similar á que se visualiza nas contas da Xunta.

Nesta urbe céntranse importantes investimentos como 12,1 millóns de euros para vivenda, 4 millóns para remodelar a residencia das Gándaras, 6,2 millóns para a Intermodal ou 1,3 millóns para a reforma integral do centro de saúde da Milagrosa. Destaca a clara aposta polos servizos sociais, con investimentos para proxectos que buscan mellorar a vida dos veciños e veciñas.

Ademais, cómpre lembrar que a provincia de Lugo é, das catro, a que conta cun maior investimento por habitante, o que evidencia que o Goberno galego si ten un plan tanto para a provincia como para a súa capital.

Ao contrario, lamentou o líder dos populares galegos, os que non teñen plan son os que calan ante a falta de chegada da alta velocidade ferroviaria ou os que levan anos atrasando a autovía a Santiago (A-54), porque só buscan manterse no poder. Así, referiuse a un Goberno central rendido aos brazos do independentismo e que está disposto a todo e a costa de todos.

Por último, Rueda celebrou que os lucenses teñen a sorte de contar cun Partido Popular —gañador das eleccións municipais hai un ano e medio— construtivo, comprometido e esixente, baixo o liderado de Elena Candia. Un referente dos mellores valores do partido: traballo, compromiso e eficiencia.

ELENA CANDIA: “2024: UN ANO INTENSO PERO DE MOITA ILUSIÓN”

Pola súa banda, a voceira do Grupo Popular de Lugo e presidenta do PP provincial, Elena Candia, agradeceu o apoio e a implicación de todos os afiliados e simpatizantes, ao tempo que expresou a súa gratitude ao presidente Alfonso Rueda polo cumprimento dos compromisos adquiridos coa veciñanza de Lugo. “Estamos aquí para traballar, para mellorar a vida da xente, para resolver problemas e materializar o noso modelo de cidade”, afirmou.

A popular fixo tamén fincapé os investimentos da Xunta en Lugo en materia de vivenda, así como o destinado á ampliación do polígono das Gándaras, un parque empresarial que se consolidará como un motor de creación de emprego e xeración de oportunidades para as empresas e os lucenses.

“Este 2024 foi un ano de gran intensidade, pero tamén de moita ilusión, porque estamos facendo realidade, paso a paso, proxectos que mellorarán Lugo”, subliñou.

Así mesmo, Elena Candia puxo en valor que o Grupo Municipal do PP non se limita a fiscalizar, senón que tamén exerce un papel activo como un “goberno paralelo”, traballando para achegar solucións concretas e conseguir investimentos clave para a cidade. “Seguiremos traballando con ilusión e determinación para que Lugo continúe avanzando”, concluíu.

Durante a súa intervención tamén se referiu ao apoio da Xunta para transformar o barrio de San Antonio coa construción do Centro Integral de Saúde, así como a posta en marcha da nova residencia de maiores con 120 prazas. Ademais, salientou o compromiso de facer o novo centro de saúde do Sagrado Corazón, co compromiso do Goberno galego para estudar a implantación doutros servizos demandados pola cidadanía no antigo colexio do barrio.

Salientou tamén os avances na atención ás persoas, mencionando o investimento para a reforma das residencias das Gándaras e da Milagrosa, a posta en marcha dun centro de día para persoas con trastorno do espectro autista ou a reforma do Centro de Saúde da Milagrosa.

Na área de mobilidade, a voceira popular destacou a construción da estación Intermodal e a creación dun novo aparcadoiro no barrio de Abella de 150 prazas;  a restauración do patrimonio local —arranxo humidades da Catedral, restauración do Tellado da Igrexa do Carme—, a reforma do estadio Anxo Carro, ou a mellora dos lagos de Teixeiro.

Alfonso Rueda salienta que o PPdeG “recibiu a confianza e cumpriu” en 2024 e desexa que 2025 sexa “un gran ano” para o partido e para Galicia

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, salientou hoxe que no ano 2024 o Partido Popular de Galicia “recibiu a confianza” dos galegos e galegas e “cumpriu”, e sinalou que desexa que 2025 sexa “un gran ano” tanto para a formación como para Galicia.

“Que o ano 2025 sexa un gran ano para o PPdeG, que é tanto como dicir, e para iso traballamos, un gran ano para Galicia e para todos os galegos”, dixo para pechar a súa intervención Rueda ante o Comité Executivo do PPdeG, reunido hoxe por última vez este ano en Santiago de Compostela.

O líder dos populares galegos aproveitou a xuntanza para facer repaso dun 2024 “moi intenso”, lembrando que nestas mesmas datas, pero doce meses atrás, tivo lugar a convocatoria das eleccións autonómicas, “para pedirlle aos galegos unha confianza que finalmente deron”.

Neste sentido, agradeceu o traballo de toda a familia do PPdeG, principalmente durante a precampaña e a campaña, e fixo un recoñecemento ao Goberno galego, tanto o anterior ao “éxito” do 18 de febreiro como o posterior, que está “traballando intensamente desde entón”.

“Tratábase de cumprir desde o primeiro momento, con compromisos para os 100 primeiros días que foron posibles grazas a que tivemos as cousas claras desde o minuto cero”, destacou o presidente.

Así, lembrou que se puxo en marcha a matrícula universitaria gratuíta, unha medida pioneira en España; púxose á disposición dos emprendedores solo industrial gratuíto; impulsáronse 1.000 novas prazas de residencia; e deu inicio o obxectivo de duplicar o parque público de vivenda, entre outras medidas: “Dito e feito”.

“Vemos que a xente nos segue dando a súa confianza. Séguennos pedindo que xestionemos e nos ocupemos daquilo que dixemos que iamos facer, e facémolo, sen perder o tempo en discusións nin en liortas, nin en mirarnos o embigo”, abundou.

De cara aos vindeiros meses, Alfonso Rueda avogou por continuar facendo máis investimento en sanidade, en educación ou en servizos sociais; perseverando nos obxectivos en materia de vivenda; ou apoiando cada vez máis aos concellos. “Debemos seguir confiando en que Galicia sexa unha terra de oportunidades e non engurrarse fronte a ningunha presión. Se as cousas pódense facer e cumpren, non hai que deixar que as aproveiten outros”, engadiu.

En definitiva, resumiu, o PPdeG é “un partido que sustenta unha acción de goberno” grazas a unha “unidade rochosa que os galegos perciben”, e por ese motivo pediu “continuar gobernando con sentidiño e rigor a todos os niveis”.

“GALICIA VAI SEGUIR RECLAMANDO O QUE LLE CORRESPONDE”

Despois de acudir o pasado venres á Conferencia de Presidentes, Rueda demandou aos seus “seguir reclamando colaboración real ao resto dos gobernos”, empezando polo Executivo central e Pedro Sánchez, co que ata o de agora iso non foi posible.

Segundo asegurou, a xuntanza de líderes autonómicos “non valeu absolutamente para nada”: “Só para disfrazar de multilateral o que segue a ser bilateral e para intentar ter a colaboración de todos para seguir favorecendo aos de sempre”. “Pero para iso, que non conte con Galicia”, deixou claro.

“En 2025 imos seguir reclamando ao Goberno central o que nos corresponde: infraestruturas fundamentais; políticas eficaces de vivenda; medidas en materia sanitaria; políticas de inmigración ordenadas e coordinadas; e a transferencia de competencias, como a de xestión do litoral. E seguiremos sendo firmes pedindo un financiamento xusto, sen parches nin negociacións parciais”, concluíu.