Borja Verea destaca a “imparable” forza do cambio iniciada en Santiago tras a vitoria nas eleccións municipais: “Cada vez somos máis”

O presidente do PP de Santiago, Borja Verea, animou hoxe os seus a seguir traballando con ganas, entusiasmo e ilusión para acadar o obxectivo de gobernar a capital de Galicia e canalizar a forza de cambio que comezou nas eleccións municipais.

Ante preto de medio millar de afiliados e simpatizantes, o líder dos populares composteláns márcase como obxectivo para o próximo ano “seguir traballando para ser aínda mellores e estar preparados cando chegue o momento de gobernar”.

“Nós temos claro o noso obxectivo. Xa gañamos as eleccións e agora queremos gobernar porque estamos convencidos de que imos facelo mellor”, engadiu explicando que, con paciencia, este obxectivo está cada vez máis preto.

Verea agradeceu a confianza “masiva” que os veciños de Santiago depositaron nel e no seu equipo: “Cada día somos máis e a forza de cambio que comezou nas eleccións municipais é xa imparable”.

PAULA PRADO: “NÓS, E NON OUTROS, SOMOS MAIORÍA”

Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, quixo destacar a achega de Borja Verea e o seu equipo aos dous grandes éxitos do partido este ano. Referíndose así ao máis de 45% de apoio recibido por Alfonso Rueda na cidade de Santiago nas autonómicas e aos case 18.000 votos ao PP nas eleccións europeas.

Como resultado deste apoio, explicou, os intereses dos composteláns son defendidos nos lugares onde se toman as decisións e son tidos en conta á hora de levalas a cabo. Algo do que puxo como exemplo os Orzamentos aprobados esta mesma semana e nos que Santiago e o seu futuro están moi presentes.

“Grazas ao PP de Santiago por ser a mellor oposición posible e por demostrar que somos nós, e non outros, os que somos maioría”, concluíu recordando a vitoria electoral de Borja Verea nas eleccións municipais.

DIEGO CALVO FAI BALANCE DUN GRAN ANO PARA O PARTIDO

O presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo fixo balance dun ano no que en Galicia “revalidamos unha maioría absoluta que avala o gran traballo do Goberno galego” e en España “gañamos as eleccións e demostramos que somos a única alternativa seria para sacar a este país do caos no que o meteron os socialistas e os seus socios”.

De cara ao novo ano, o líder popular pediulle aos seus “seguir traballando para que Galicia siga sendo un exemplo de boa xestión e un ‘oasis de tranquilidade’ no medio do clima de tensión que se instaurou no resto do territorio español”.

O PPdeG demanda ao Goberno central un plan integral de abordaxe da obesidade dirixido á sociedade en xeral, como o que ten en marcha a Xunta

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, demandou hoxe no Parlamento de Galicia que “o Goberno central, do mesmo que xa está a facer a Xunta de Galicia, poña en marcha un plan integral de abordaxe da obesidade con recursos económicos e humanos suficientes para levalo a cabo”.

Encarna Amigo lembrou que o Goberno galego puxo en marcha hai dous anos o Plan Obesidade Zero, dirixido a promover hábitos saudables para frear esta tendencia e desta maneira mellorar o benestar e a saúde da poboación galega. Este plan abarca un período de execución de oito anos centrándose na prevención do sobrepeso e a obesidade, tendo como meta reducir a prevalencia do sobrepeso nun 15 por cento neste tempo.

“A diferencia do plan vixente a nivel estatal, que fixa como poboación diana a infantil, o plan galego está destinado a toda a poboación”, salientou a portavoz popular. En concreto, explicou que nestes dous anos de vixencia do plan galego puxéronse en marcha a Rede galega de promoción da saúde, con representantes nas sete áreas sanitarias; e a web do Observatorio de saúde pública de Galicia, que inclúe o mapa Actúa saúde no que está identificado preto dun milleiro de recursos e actividades que promoven hábitos de vida saudable.

Así mesmo, habilitouse a plataforma dixital Sanidade mediaverso para o fomento de factores protectores do sobrepeso e a obesidade, como son a actividade física, a alimentación saudable, a hixiene do sono, o benestar emocional e a prevención de condutas aditivas.

“Pola contra, o Plan estratéxico nacional para a redución da obesidade infantil 2022-2030 é un documento do Goberno central pouco ambicioso e cunha poboación obxectivo moi limitada, excluíndo a gran maioría da sociedade”, indicou Encarna Amigo, quen lamentou que nos dous anos que leva operativo “non conseguiron poñer en marcha moitas das medidas do plan”.

O Parlamento de Galicia demanda o traspaso a Galicia das cotizacións por formación profesional que realizan os traballadores autónomos

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG e a abstención do BNG, a través da que se reclama ao Goberno central que transfira á Xunta as cotizacións por formación profesional que realizan os traballadores autónomos que tributan no IRPF.

“Esta medida non só se aliñaría coas competencias xa asumidas pola Administración galega, senón que permitiría unha xestión máis próxima, adaptada e útil duns fondos que actualmente non compren a súa finalidade”, indicou a portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez.

Na súa intervención, Noelia Pérez explicou que en Galicia cotizan á Seguridade Social por formación arredor de 160.000 autónomos, o que supón unha aportación de máis de 1,8 millóns de euros.

“Coa entrada en vigor do novo sistema de cotización por ingresos reais, mudou a situación e todo aquel que estivera dado de alta no ano anterior no RETA estará obrigado a presentar a declaración da renda ante a Axencia Tributaria”, sinalou.

Deste xeito, na actualidade o Estado recada máis de 6,5 millóns de euros por este concepto dos autónomos galegos “que non se está investindo en formación”.

“Entra dentro da lóxica que a Xunta xestione ese 0,1 por cento das cotizacións por formación profesional das persoas autónomas galegas que tributan no IRPF, porque é a Administración máis adecuada para xestionar estes fondos, xa que está en contacto directo coas necesidades do territorio e ten experiencia na planificación e na execución de políticas formativas”, manifestou.

Ademais, a portavoz popular indicou que esta transferencia “permitiría que Galicia tivese un maior control sobre os recursos dedicados á formación profesional, mellorando a súa xestión e reducindo a burocracia cunha xestión máis áxil, eficaz e directa, evitando duplicidades e demoras”.

O PPdeG pide a Sánchez que cese no seu plan de illar a máis de 130.000 galegos eliminando paradas de autobús estatais en 22 concellos

O PPdeG reclama a Pedro Sánchez que deixe de desconectar Galicia e dea marcha atrás na súa intención de illar a máis de 130.000 galegos e galegas a través do plan que prevé a eliminación de paradas de autobús estatais en 22 concellos rurais da Comunidade.

A secretaria xeral do partido, Paula Prado, lamentou hoxe que, desde a súa chegada á Moncloa hai seis anos, Sánchez non cesase no seu obxectivo de illar o rural galego. Xa que, aos problemas ferroviarios e á falta de frecuencias, únese ademais os plans do Goberno central de eliminar paradas de autobús.

“Sánchez quere condenar ao rural galego a unha perda do transporte público e dos seus servizos, cando todas as administracións traballan polo contrario”, asegurou a número dous dos populares galegos incidindo en que “o Goberno central vai en dirección contraria na loita para reverter o despoboamento”.

De aí que o partido, tal e como xa fixo o responsable de Mobilidade do Goberno galego, Diego Calvo, e como se ten reiterado en todas as cámaras de representación, pida a Sánchez que deixe de desconectar Galicia e cese nas súas pretensión de eliminar paradas de autobús”.

“Os galegos e galegas non merecen perder servizos por un despropósito”, engadiu na mesma liña que o alcalde de Lalín, un dos concellos afectados. “Para manter o rural vivo o que non se pode facer é quitarlle servizos”, asegurou José Crespo.

O rexedor lalinense ten claro que “desconectar o mundo rural do mundo urbano nunha é unha boa solución” e que “unha Galicia a dúas velocidades nunca vai avanzar como debería facelo”.

UN NOVO MAPA CONCESIONAL INADMISIBLE PARA GALICIA

Logo de ofrecer declaracións aos medios, Paula Prado e José Crespo mantiveron unha reunión de traballo con representantes dos 22 concellos afectados e na que tamén participou o coordinador de Infraestruturas do PPdeG, Antonio Ameijide.

Unha reunión na que se abordou a problemática da implantación do novo mapa concesional de transporte por estrada de competencia estatal, cuxa incidencia sería inadmisible para Galicia dado o seu gran impacto social, territorial e económico.

Non en balde, a proposta do Ministerio de Transportes pretende eliminar 90 tráficos dentro de Galicia. Un recorte que deixaría aos concellos de Arzúa, Melide, Chantada, O Corgo, Guitiriz, Baralla, Meira, Monterroso, As Nogais, Palas de Rei, Quiroga, A Pontenova, Trasmiras, A Mezquita, Ribadavia, Riós, A Rúa, Forcarei, Lalín, Tui, Silleda e O Porriño sen parada. De feito, neste último e noutros, as paradas da liña estatal xa foron suprimidas.

Tendo en conta as particularidades de Galicia e a necesidade de conectividade do rural, os populares galegos consideran que o novo mapa concesional condena ao rural a unha perda radical de servizos de transporte público e por iso amosa o seu total rexeitamento a este deseño.

Reclaman ademais, ao igual que xa fixo o Goberno galego, a convocatoria urxente da Conferencia Sectorial de Transportes para que os representantes autonómicos poidan trasladar as súas preocupacións e propostas co obxectivo de paliar os efectos negativos que este novo mapa concesional traerá aos territorios.