O presidente Alfonso Rueda emprega as súas dotes de ‘director’ para deixar claro que “Galicia soa moi ben”

O Partido Popular de Galicia estrea hoxe o seu vídeo de Nadal, no que o presidente Alfonso Rueda emprega as súas dotes de ‘director’ para deixar claro que “Galicia soa moi ben”, despois dun ano moi especial no que logrou a súa primeira maioría absoluta nas eleccións autonómicas.

Logo de percorrer a Comunidade en moto e en autobús nos anos anteriores, o líder dos populares galegos nesta ocasión ponse á fronte dun cento de galegos e galegas sobre o escenario dun auditorio para, con bo humor e proximidade, mostrar a harmonía e o bo facer da nosa terra.

Ao longo do vídeo os espectadores iranse atopando con personaxes que, por un motivo ou outro, foron protagonistas deste 2024: desde o televisivo deputado Raúl Santamaría ata o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; pasando entre outros polo responsable de Mar do Goberno galego, Alfonso Villares, e incluso un particular ‘señor K. García’ que ten moita intención de ‘cantar’.

Non podía faltar tampouco o tradicional cameo do presidente de honra do PPdeG, Mariano Rajoy, que volve verse no apuro de lidar co novo formato de tapóns de botella; nin o do presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, que observa con envexa o ben que soa este “concerto galego” a diferenza doutros.

Ademais, non perden a oportunidade as fillas do presidente, que xa non saben con que lles vai saír seu pai, ou, por primeira vez, Toñito, o ‘fenómeno’ de Carballo, que igual que nos mítines dá un bo susto a todos os presentes.

Aparecen tamén, ataviados cos habituais xerseis de Nadal, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e os catro presidentes provinciais do partido: Diego Calvo (A Coruña), Elena Candia (Lugo), Luis Menor (Ourense) e Luis López (Pontevedra). E estréase o portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos.

Alfonso Rueda, logo de supervisar todo o proceso de preparación escénica e a medida que o público vai enchendo o auditorio e os cantantes soben ao escenario, vainos recibindo a todos eles con afecto para acto seguido coller as partituras da man dun camareiro moi especial, Adrián do bar O Cañón de Pau (Pontevedra), o lugar onde o presidente toma o café todas as mañás.

A continuación, é sorprendido coa interpretación do tema ‘Xuntos’, himno da maioría absoluta deste ano nas eleccións autonómicas, que dá paso á panxoliña ‘Noite de Paz’, en referencia á estabilidade de Galicia e a un desexo de paz en todo o mundo.

Neste contexto é no que o presidente traslada a súa mensaxe para enviar un agarimoso saúdo aos afectados pola catástrofe de Valencia e desexar a todos os galegos e galegas un Bo Nadal e un Próspero Ano 2025: “Queremos que este Nadal soe ben para todos os galegos e galegas. Porque cando os galegos nos xuntamos, soamos moi ben. E o noso futuro soa aínda mellor”.