O Partido Popular de Galicia reivindica a súa posición “no lado correcto da Historia” ao defender a liberdade e a democracia fronte á ditadura de Nicolás Maduro e ao situarse ao carón dos que queren un futuro mellor para Venezuela mentres os partidos da oposición, BNG e PSOE, “fixeron todo o contrario e seguen sen rectificar”.
Así o manifestou a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, na reunión da Comisión de Acción Exterior do partido que, baixo a coordinación de Rubén del Río, tivo lugar esta tarde na sede autonómica e na que lamentou que o BNG e Ana Pontón “xa gardaron no caixón a careta de moderados ata o próximo ciclo electoral”.
“Os galegos e as galegas deixaron de ser os seus aliados, e volveron as súas amizades naturais, como Maduro ou Putin”, afirmou apuntando con ironía á ausencia de Pontón na investidura do ditador venezolano que tivo lugar o pasado venres e que desde o PPdeG consideran “un paripé”.
Nesta mesma liña, Prado recordou a “alianza natural” do BNG con Bildu e a presenza de representantes do nacionalismo galego na manifestación de apoio aos presos de ETA celebrada esta fin de semana no País Vasco.
“Vendo o que fan os seus aliados cando chegan ao poder, dentro e fóra de España, agardamos que aquí os galegos sigan manténdoos durante moito tempo na oposición”, concluíu facendo extensiva esta mensaxe a un socialismo que “non sabe nin o que di”.
AS POLÍTICAS DE RETORNO DO GOBERNO GALEGO FUNCIONAN
Na súa intervención, o responsable de Emprego, Comercio e Emigración do Goberno autonómico, José González, puxo en valor que Galicia é unha terra de oportunidades que aposta pola integración das persoas migrantes e especialmente dos galegos da diáspora. E faino facilitando a súa inserción laboral dun modo regular e ordenado, da man das empresas e en base á súa capacitación para un emprego de calidade que, ao mesmo tempo, permita cubrir as vacantes existentes no mercado laboral.
Neste marco, puxo en valor a Estratexia Galicia Retorna, un paquete de medidas que converten a Galicia nunha comunidade pioneira en España nas políticas de retorno e cuxo obxectivo é ofrecer oportunidades reais de retorno aos galegos do exterior a través do traballo por conta allea ou do emprendemento.
José González engadiu que unha das ferramentas clave é o programa Retorna Cualifica Emprego, do que está en marcha a segunda edición, dotada cun orzamento de 2,3 millóns de euros co obxectivo de beneficiar uns 200 residentes no exterior deica finais de 2025 e que nesta convocatoria incorpora novos apoios para que poidan acceder de xeito máis doado a unha vivenda. Así mesmo, anunciou que están previstas accións en orixe, como as feiras de emprego que comezarán este ano na Arxentina e no Uruguai.
González enmarcou estas medidas no plan de captación de talento que está a desenvolver a Xunta cunha dotación para este ano superior aos 11 M€ para atender as necesidades do tecido produtivo, complementando a potenciación da forza laboral interna coa necesaria atracción de traballadores do exterior, seguindo así a liña trazada pola Unión Europea para afrontar a escaseza de man de obra.
O titular de Emprego fixo fincapé, asemade, no recoñecemento e compromiso da Xunta coa diáspora e na aposta decidida por seguir fortalecendo os lazos cos galegos e galegas que están lonxe da súa terra, apoiando o labor das entidades e asociacións do exterior e garantindo a atención e o mantemento das ligazóns que nos unen.
COLABORACIÓN INTERADMINISTRATIVA COMO CLAVE DO ÉXITO
Pola súa banda, o secretario executivo do PP no Exterior, Antonio Rodríguez Miranda reclamou un maior compromiso por parte do Goberno central para garantir a continuidade e o reforzo das políticas de retorno que están a demostrar a súa eficacia en Galicia.
“As políticas de retorno impulsadas pola Xunta están a funcionar, con miles de galegos que atopan novas oportunidades na súa terra. Pero para que estas iniciativas sexan sostibles no tempo, é imprescindible que o Estado asuma a súa parte de responsabilidade, ofrecendo o apoio financeiro necesario para quen leva anos traballando no desenvolvemento destas medidas”, afirmou.
Tamén insistiu na urxencia de que o Goberno central axilice os trámites de homologación de títulos, un dos maiores obstáculos para a integración dos retornados: “Os galegos que regresan traen consigo talento e coñecemento que non podemos permitirnos desaproveitar. Por iso, esiximos que se poñan en marcha medidas concretas para simplificar este proceso e reducir os prazos. O éxito das políticas de retorno depende, en gran medida, de que as administracións sexan áxiles e efectivas na resolución destes retos”.
Miranda ademais amosouse crítico cos recentes anuncios estatais sobre o retorno, agardando que “non queden nun brinde ao sol e se convertan nunha realidade” e reclamando que se faga da man das comunidades autónomas para evitar que ocorra como co anterior Plan de Retorno do Estado, que nunca se converteu en realidade e quedou en papel mollado.
O secretario executivo do PP no Exterior concluíu facendo un chamamento á colaboración interadministrativa, sinalando que Galicia “xa amosou a súa colaboración e púxose a traballar no retorno, agora necesitamos que o faga o Estado porque son as súas competencias.”