O Parlamento de Galicia pide ao Ministerio de Interior a construción dun novo cuartel da Garda Civil en Vilagarcía ou a rehabilitación do actual

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se solicita ao Ministerio do Interior a construción dun novo Cuartel da Garda Civil en Vilagarcía de Arousa ou, na súa falta, realice unha rehabilitación integral do actual. Así mesmo, pídese que reconsidere a súa decisión de trasladar a dependencia da Capitanía da Garda Civil a Cambados e manteña no acuartelamento de Vilagarcía os servizos de Atención ao Cidadán en materia de Intervención de Armas, Servizo de Protección da Natureza e Servizo Fiscal e Fronteiras, ao tempo que cubra a taxa de reposición dos axentes adscritos a Vilagarcía de Arousa.

O deputado popular Raúl Santamaría lembrou que o cuartel da Garda Civil de Vilagarcía conta con máis de 60 anos de antigüidade sen que se levaran a cabo reformas de calado no mesmo neste tempo, “polo que a día de hoxe presenta unha grave deterioración”.

RECTIFICACIÓN

“Diante desta situación, o Goberno de España tiña previsto unha partida de 2,8 millóns de euros en 2019 para a construción dun novo cuartel da Garda Civil en Vilagarcía, dato que sorprendentemente coincidía co anuncio, dentro do Plan de Infraestruturas para a seguridade do Estado 2019-2025, da unificación dos cuarteis da Garda Civil de Vilagarcía e Cambados nunha nova edificación neste último concello”, sinalou.

Raúl Santamaría manifestou que “o Goberno de Pedro Sánchez rectificou esta decisión e no ano 2020 indicaba que non estaba previsto reducir as capacidades operativas das unidades situadas nos acuartelamentos de Vilagarcía e Cambados, nin existía proposta ou proxecto para unificar ambos acuartelamentos”.

“A día de hoxe, o cuartel da Garda Civil de Vilagarcía segue á espera dun proxecto do Goberno de España para que leve a cabo a súa rehabilitación integral ou a construción dunhas novas instalacións”, lamentou o deputado popular.

Así mesmo, criticou que o Goberno de Pedro Sánchez “incumpriu a súa palabra e modificou as capacidades operativas das unidades situadas no cuartel de Vilagarcía, tendo en conta que o pasado ano 2024 cambiou a adscrición da Capitanía, pasando a depender da Compañía de Cambados, a pesar de que fisicamente se emprazan en Vilagarcía”.

O Parlamento galego demanda a creación dun grupo operativo da unidade de prevención e reacción da Policía Nacional na cidade de Ourense

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central a creación dun Grupo Operativo completo da Unidade de Prevención e Reacción (UPR) da Policía Nacional na cidade de Ourense, así como dunha Brigada Móbil de Policía no Transporte na Comisaría de Ourense. “Mentres non se cree este Grupo Operativo da UPR en Ourense, pedimos que se dote, con carácter urxente, as vacantes conforme ao previsto no Catálogo de postos de traballo, completando así o Subgrupo Operativo cos medios necesarios para poder exercer as súas funcións en condicións de seguridade”, sinalou a deputada popular Noelia Pérez.

“Estamos a falar de incrementar o número de efectivos na Comisaría de Ourense, porque a demanda de novo persoal operativo do UPR non pode supoñer a transformación de postos existentes de persoal operativo policial ou persoal operativo de seguridade cidadá”, sinalou Noelia Pérez.

INCREMENTO DA INSEGURIDADE

Respecto da creación dunha Brigada Móbil de Policía no Transporte, a deputada popular lembrou que “a estación do tren de Ourense é n estes momentos o aeroporto terrestre de Galicia, rexistrando maior número de viaxeiros que os aeroportos de Alvedro e Peinador xuntos”. Neste sentido, dixo que “non compartimos a visión que ten o Ministerio do Interior de que os viaxeiros permanecen na estación o tempo mínimo imprescindible, para deste xeito descargar na área de seguridade cidadá da Comisaría de Ourense os labores de seguridade”.

Noelia Pérez xustificou a demanda destes novos corpos policiais para Ourense no incremento da inseguridade nesta cidade, cun incremento dos homicidios dolosos e asasinatos en grao de tentativa nun 300 por cento, o aumento dos delitos graves e menos graves de lesións e rifas tumultuarias; ou a suba das agresións sexuais nun 12,5 por cento.

“Desde o PPdeG queremos trasladar a preocupación existente entre os veciños e veciñas polo incremento da inseguridade en toda a cidade de Ourense, de xeito especial nos barrios de A Ponte e o Vinteún, así como no casco histórico coa proliferación de altercados, polo que pedimos que se poñan todos os medios necesarios enriba da mesa para darlle solución a este problema”, indicou a deputada popular.

O PPdeG pregunta ao Goberno central sobre as súas intencións de substituír os trens do Eixo Atlántico por uns con menos prazas e máis lentos

O Partido Popular de Galicia pregunta ao Goberno central sobre as súas intencións de substituír os trens do Eixo Atlántico por outros de menor número de prazas e cunha velocidade máis limitada e demanda que, no seu lugar, mellore as condicións de prestación dos servizos nesta liña ferroviaria.

A través dunha pregunta parlamentaria que os deputados do partido no Congreso veñen de rexistrar e da que desexan obter resposta por escrito, os populares galegos fanse eco así das consecuencias que tería un acordo entre Renfe e a Generalitat de Cataluña e que se traduciría no futuro traslado a Cataluña de seis trens que actualmente operan no Eixo Atlántico e a súa substitución por “un número indeterminado de trens máis antigos e de menor capacidade”.

No escrito explícase que o modelo de trens que serían trasladados conta con 282 prazas, fronte ás 256 e as 185 dos convois cos que o Goberno pretende cubrilos. Unha redución significativa da capacidade total á que se une o feito de que a velocidade máxima destes novos trens tamén será inferior, xa que en lugar dos 250 km/h que chegan a alcanzar os actuais, os novos estarán limitados a 200 km/h.

“Nada temos que obxectar a que se mellore o material móbil que opera en toda España e por suposto en Cataluña, pero desde logo parécenos inaceptable que para iso se vexa prexudicada unha das liñas ferroviarias con maior demanda como é a do Eixo Atlántico”, argumenta o deputado galego e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado.

Neste sentido recordan que os servizos de media distancia A Coruña-Santiago-Vigo están entre os cinco máis importantes de España en termos de viaxeiros e prazas ofertadas e que “o que necesita este corredor ferroviario son máis prazas, máis frecuencias, mellor puntualidade e menos incidencias, non peores condiciones do material móbil”.

Así, os populares piden información sobre “a verdadeira situación e os plans de futuro” do Goberno central, ao tempo que lembran que a Xunta leva meses demandando un interlocutor con Renfe para tratar os asuntos ferroviarios que afectan á Comunidade, sen pronunciamento polo momento desde a outra parte.

O Grupo Popular insiste na necesidade de que o Goberno central rectifique a súa decisión de incluír o lobo no Lespre

Os deputados do Grupo Popular Miguel Viso e Cristina Campero, nunha reunión mantida con gandeiros da comarca de Castro Caldelas, insistiron na necesidade de que o Goberno central rectifique a súa decisión de incluír o lobo no Lespre, algo que “responde unicamente a criterios culturais e razóns ideolóxicas e non a aspectos obxectivos”, segundo o portavoz de Medio Rural.

Miguel Viso indicou que desde a inclusión do lobo no Lespre en setembro de 2021, os avisos por ataques incrementáronse en Galicia nun 72 por cento e o número de reses afectadas aumentou un 57 por cento. Así mesmo, os datos do censo elaborado pola Xunta estiman que a poboación desta especie se mantén estable na Comunidade galega, con arredor de 93 mandas.

Os deputados populares, que estiveron acompañados no seu encontro en San Xoán de Río, polo alcalde, Miguel Pérez Blecua, e o voceiro do PP en Castro Caldelas, César Enríquez Diéguez, lembraron que os gandeiros teñen de prazo ata o vindeiro 23 de xaneiro para solicitar as axudas da Xunta para previr os ataques do logo ao sector gandeiro.

En concreto, os propietarios de explotacións de gando bovino, ovino, cabrún, porcino de raza celta e equino, que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia (Rega) poderán solicitar axudas para a instalación de valados fixos por un importe de ata 400.000 euros.

Ademais, e por unha contía de 570.000 euros, a Xunta dispón de axudas para o sector gandeiro en extensivo para a contratación de persoal que desenvolva tarefas de pastoreo e manexo de reses co fin de protexer aqueles rabaños máis sensibles e susceptibles de sufrir un maior risco de predación.

Miguel Viso insistiu na necesidade de que o Goberno central rectifique a decisión de incluír o lobo na listaxe de especies silvestres de réxime de protección especial (Lespre) “porque responde unicamente a criterios culturais e a razóns ideolóxicas, pero non obedece a aspectos obxectivos nin ao seu estado favorable ao norte do río Douro”.