O Grupo Popular asegura que o PPdeG nunca se comprometeu á gratuidade das autoestradas autonómicas, pero non descarta levala adiante no momento que existan recursos económicos

O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Roberto Rodríguez, asegurou hoxe no Parlamento galego, nun debate sobre a gratuidade da autovía AG-55 entre A Coruña e Carballo, que “o PPdeG nunca se comprometeu á gratuidade das autoestradas autonómicas, pero tampouco o descarta no momento que existan recursos económicos para levalo adiante, do mesmo xeito que se fixo recentemente coas catro autovías con peaxes na sombra rescatadas”.

Roberto Rodríguez salientou que as autoestradas de titularidade autonómica “son as máis baratas de España gracias ás bonificacións establecidas pola Xunta” e criticou a BNG e PSdeG por “querer desviar a atención cunha iniciativa sobre a peaxe na AG-55 para non falar da estafa aos galegos que foi a súa promesa dunha AP-9 galega e libre de peaxe, mentres en Madrid tragan con prórroga tras prórroga na tramitación da Lei de transferencia de titularidade desta autoestrada a Galicia”.

Na súa intervención, o portavoz popular lamentou que “Galicia sexamos líderes nacionais en quilómetros de autoestradas de pago: temos 334 quilómetros, dos que 273 son de titularidade estatal, que lle custan aos galegos máis de 155 millóns de euros anuais fronte aos pouco máis de 11 millóns de euros que os usuarios pagan polas autoestradas de titularidade autonómica”.

O Parlamento galego demanda aumentar a idade de atención psiquiátrica infanto-xuvenil aos 18 anos e crear un programa de transición á idade adulta para os pacientes psiquiátricos adolescentes

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do BNG, a través da que se solicita aumentar a idade de atención da psiquiatría infanto-xuvenil aos 18 anos e crear un programa de transición á idade adulta para os pacientes psiquiátricos adolescentes.

A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, afirmou que “compartimos a idea de que un mozo de 16 anos non debería estar nunha unidade co resto de adultos, posto que continúa sendo un adolescente e o cambio podería dificultar a súa recuperación e tratamento”.

Así, afirmou que “o aumento da idade de atención psiquiátrica infanto-xuvenil, xunto co programa de transición á idade adulta, van mellorar a calidade asistencial que estes pacientes reciben”. “Consideramos que, unha vez cumprida a maioría de idade, os rapaces ingresados nas unidades infanto-xuvenís deben ter unha transición ordenada e amable cara as unidades de psiquiatría de adultos”, apuntou.

MATERIA ESQUECIDA

Encarna Amigo salientou que “nos últimos anos a saúde mental descubriuse como unha materia esquecida que aflorou bastantes casos, entre os que hai moita xente moza”. Entre as medidas adoptadas, destacou a posta en marcha de hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil nas sete áreas sanitarias; as unidades de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil nos hospitais de Santiago e Vigo; e o aumento da ratio de profesionais da psicoloxía clínica desde 3,4 profesionais por 100.000 habitantes e 5,2 na actualidade.

“Foron moitas as medidas adoptadas, pero queda moito por facer, e o desenvolvemento da rede mental infanto-xuvenil en Galicia é, sen dúbida, a prioridade dentro do ámbito da saúde mental, porque unha parte importante dos trastornos mentais graves iníciase nesta etapa”, indicou.

O PPdeG reitera o seu apoio á creación de riqueza e emprego fronte a un independentismo galego “enrocado no ‘non’ a calquera proxecto industrial”

O PPdeG asegura que o emprego ben pagado é necesario en Galicia e por iso, fronte a un independentismo galego “enrocado no ‘non’ a calquera proxecto industrial”, reitera o seu apoio a todas aquelas iniciativas que cumprindo a normativa poidan achegar riqueza e crear oportunidades no territorio.

Así o manifestou esta maña a secretaria xeral do partido, Paula Prado, nunha rolda de prensa na que apuntou a que o próximo 18 de febreiro “vaise cumprir un ano do cambio de opinión do BNG respecto ao proxecto de Altri e, polo tanto, un ano do inicio da súa vinganza política”.

Só desde a “vinganza” e o “resentimento” pola súa derrota electoral, segundo a número dous dos populares galegos, se pode entender o rexeitamento dos independentistas galegos e os seus satélites a un proxecto que “está sendo analizado minuciosamente polos técnicos da Xunta e en ningún momento sairá adiante se non cumpre coa normativa medioambiental”.

“Non lles preocupan nin os galegos nin o emprego, só as súas ideoloxías”, concluíu citando a carta de tres alcaldes –os de Melide, Arzúa e Santiso– que “non queren un futuro mellor para os seus veciños” e “incitan á prevaricación” ao pedir que os trámites para a instalación “non sigan adiante e nin sequera se analicen”.

Unha actitude que Prado afeou asegurando que ela “nunca lle pediría a un alcalde do PP que prevaricase nin solicitaría unha reunión co presidente da Xunta para falar unicamente de conxecturas”. En cambio, si lle pediría aos seus alcaldes “que sexan sensatos, acheguen riqueza aos seus municipios e non perdan oportunidades”.

A POLÍTICA QUE SERVE FRONTE Á QUE OBSTACULIZA

A secretaria xeral do PPdeG afirmou que “España debería parecerse máis a Galicia e ao seu modelo de política útil e centrada nos problemas reais da xente”. Unha “política que serve”, explicou e que se reflexa na Declaración de Asturias asinada polos presidentes autonómicos do PP a pasada fin de semana.

“Mentres o Goberno central segue impulsando un recorte democrático e pensando unicamente en salvarse da súa maraña de corrupción, no PP falamos do que lle importa á xente: de vivenda, de menos burocracia, de financiamento autonómico e de gañar competitividade para gañar en crecemento e en salarios”.

Unha política que contrasta coa “política que obstaculiza” dun Goberno central “centrado unicamente en salvarse da súa maraña de corrupción” e dun socialismo galego “enfrontado en combates e en debates sobre o liderado dun Gómez Besteiro que segue sen estar moi cómodo en Galicia e marcou todos os récord negativos no que se refire a resultados electorais”.

Segundo a número dous dos populares galegos, esta confrontación faise extensiva tamén aos alcaldes das cidades máis poboadas no que se refire á AP-9: “Se Abel Caballero fai unha fronte con Pontevedra para pedir a gratuidade que el mesmo sabe que é ficticia no que se refire á vontade de Pedro Sánchez, a súa homóloga Inés Rey directamente di que non quere saber nada de frontes comúns”.

Mentres tanto, concluíu, os únicos prexudicados son os galegos e as galegas, que “seguen pagando as peaxes máis caras do Estado e agardando pola gratuidade que o PSOE prometeu durante a campaña electoral”. Por iso o PPdeG seguirá insistindo tanto na transferencia como na gratuidade dunha autoestrada vital para Galicia.

FALECEMENTO DE XESÚS PÉREZ VARELA

Paula Prado tamén quixo trasladar o pésame en nome do seu partido á familia e seres queridos de Xesús Pérez Varela, quen fora conselleiro de Cultura durante unha década do mandato de Manuel Fraga e que faleceu esta mañá.

“Lembrámolo como unha persoa clave para Galicia nun momento clave de apertura ao mundo da nosa Comunidade a través do Xacobeo, a Cidade da Cultura ou a Corporación Radio e Televisión de Galicia”, explicou ao tempo que poñía en valor o legado do finado.

O Parlamento galego pide ao Goberno central fondos económicos para a posta en marcha de programas específicos para emprendemento

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reclaman ao Goberno de España os fondos necesarios para a posta en marcha de programas específicos en materia de emprendemento, logo de que Galicia fora recoñecida como Rexión Emprendedora Europea.

A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez, sinalou que este premio “recoñece o traballo feito pola Xunta de Galicia e supón unha oportunidade para continuar potenciando o talento, a creatividade e a capacidade emprendedora dos galegos”. “A estratexia que levou a Galicia a conseguir este recoñecemento está dirixida a fomentar o crecemento e a competitividade das áreas rurais, buscando ao mesmo tempo combater retos tan importantes como o envellecemento da poboación e o despoboamento”, apuntou.

CENTROS DE EMPRENDEMENTO SEN AXUDAS

“O talento, os recursos locais e tamén a estabilidade política son factores clave que sitúan a Galicia como unha terra destacada para investir e para emprender”, indicou a portavoz popular.

Noelia Pérez referiuse aos centros de orientación ao emprendemento, impulsados a nivel estatal con fondos europeos e destinados a ofrecer acompañamento personalizado, recursos e formación para impulsar proxectos emprendedores. “Foron entidades que o Goberno de Pedro Sánchez obrigou a crear a todas as comunidades autónomas, transferindo os fondos tanto para a súa construción, a posta en marcha e a realización de actividades ao longo de 2024”, explicou.

Porén, lamentou que “agora o Goberno central desenténdese do mantemento destes centros de emprendemento, xa que se descoñece como ten pensado financialos ao longo deste ano 2025”. Por este motivo, considerou “inaceptable que Galicia, a única comunidade española que recibiu o premio de Rexión Emprendedora Europea sexa abandonada polo Goberno de Pedro Sánchez, máis interesado en regar con cartos a outras comunidades que en apoiar ás que compren e destacan polo seu esforzo”.