Os eurodeputados do PPdeG piden á Comisión Europea excluír a conserva de atún do acordo de libre comercio con Tailandia

Os eurodeputados do Partido Popular de Galicia, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, enviaron esta semana unha carta aos comisarios europeos de Comercio, Maroš Šefčovič, e de Pesca, Costas Kadis, con relación a un futuro acordo de libre comercio con Tailandia que concluíu a cuarta rolda de negociacións.

Os eurodeputados galegos lembran aos comisarios a súa preocupación por posibles concesións en materia de conservas de peixe, produto que consideran moi sensible. “A industria conserveira é esencial para a economía de moitas comunidades costeiras. Por exemplo, en Galicia supón máis de 12.000 empregos e é moi intensiva en man de obra feminina”, mencionan na carta.

Subliñan, ademais, que Tailandia é o maior produtor do mundo de conservas e preparacións de atún, cunha produción anual de case 500.000 toneladas. “Acordar concesións arancelarias nesta área sería moi problemático para a industria conserveira europea”, sinalan Millán Mon e Vázquez, referíndose á imposibilidade de competir en prezo co produto tailandés, debido aos baixos custos de produción e aos baixos estándares sociais e ambientais do país.

Así mesmo, apuntan que o Parlamento Europeo xa se pronunciou en varias ocasións sobre esta cuestión recalcando a ameaza que supón este acordo de libre comercio para os produtores europeos de conservas de peixe.

Os eurodeputados populares aproveitaron tamén a ocasión para denunciar o retroceso na lexislación de pesca aprobado polo Parlamento tailandés a finais do pasado decembro. En 2015, a Comisión Europea emitiu a chamada tarxeta amarela a Tailandia por non cooperar en materia de pesca ilegal, que finalmente foi retirada tras a adopción de certas medidas por parte do país do sueste asiático. Con todo, agora as emendas aprobadas supoñen un retroceso na lexislación en materia de pesca ilegal. “Sería paradoxal acompañar este importante retroceso con concesións arancelarias á conserva de peixe”, manifestan Millán Mon e Vázquez.

Para finalizar, os eurodeputados reiteran a súa petición de evitar concesións en materia de conservas de peixe e piden a ambos comisarios estreita coordinación durante as negociacións deste acordo de libre comercio con Tailandia.

O PPdeG traslada ao colectivo de galegos en Panamá as políticas de retorno que contribúen a que “Galicia funcione máis alá das súas fronteiras”

O PPdeG traslada ao colectivo de galegos e galegas residentes en Panamá, así como a toda a diáspora distribuída por Centroamérica e outras rexións, as políticas de retorno que a Xunta pon á súa disposición e que contribúen a que “Galicia funcione máis alá das súas fronteiras”.

Así o fixeron esta semana a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o secretario executivo do PP no Exterior, Antonio Rodríguez Miranda, na reunión que mantiveron coa representante do Partido Popular en Panamá, Mariela Estévez, e na que abordaron a situación actual e os desafíos que afrontan os máis de 4.000 galegos e galegas residentes neste país.

Entre as cuestións que se trataron destacou o compromiso de seguir mantendo o contacto coa colectividade galega residente neste país, co obxectivo de reforzar os vínculos das novas xeracións e seguir traballando, tanto coas persoas como coas entidades, para ofrecer respostas axeitadas ás súas necesidades e inquedanzas.

Tamén falaron da necesidade de continuar afondando en políticas de retorno que, como as que o Goberno galego leva anos aplicando, faciliten a empregabilidade e ofrezan mellores oportunidades de vida a todos aqueles que decidan regresar a Galicia.

Así mesmo, apuntaron á necesidade dunha maior implicación do Goberno central nesta tarefa. Por exemplo, axilizando os trámites de homologación dos títulos académicos ou reducindo a burocracia para así remover obstáculos e facilitar a integración dos retornados.