O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central que intensifique as accións diplomáticas ante a UE para a inclusión de Vigo como porto nodal na Rede Transeuropea de Transportes

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que intensifique as accións diplomáticas ante a Unión Europea para reclamar a inclusión de Vigo como porto nodal na Rede Transeuropea de Transportes (TEN-T), así como requirir á Comisión Europea unha revisión inmediata do regulamento vixente, solicitando o establecemento de criterios obxectivos que non se limiten ao número de toneladas e que demostren a importancia estratéxica, económica, loxística e sostible do porto vigués, así como de outros portos europeos de similares características.

A deputada popular Patricia García destacou que o porto de Vigo é na actualidade “un símbolo de innovación e sostibilidade no sector marítimo a consecuencia do seu liderado no tráfico de pesca, a súa posición como unha das principais terminais de automóbiles do Atlántico e a súa implicación en proxectos internacionais como Portos Azuis, impulsado pola FAO”.

En concreto, lembrou que o 75 por cento das mercadorías que entraron ou saíron de Galicia por vía marítima en 2023 fixérono a través do porto de Vigo, o que supuxo un aumento do 28,5 por cento respecto a 2022. Ademais, o valor total do comercio exterior deste porto situouse nos 16.897 millóns de euros, máis do 33 por cento do comercio exterior de Galicia.

Porén, Patricia García manifestou que “a decisión da Unión Europea de non incluír a Vigo como porto nodal na Rede Transeuropea de Transportes ten graves consecuencias, como que perde acceso a fondos europeos que permitirían mellorar as súas infraestruturas e adaptarse aos retos da sustentabilidade; dificúltase que compita en igualdade de condicións con outros portos europeos o que impacta negativamente na súa competitividade; Galicia queda máis afastada das principais rutas loxísticas internacionais, limitando o desenvolvemento de sectores clave mencionados; e esta exclusión perpetúa o abandono histórico cara ao noroeste peninsular, contradicindo os principios de cohesión económica e territorial promovidos pola Unión Europea”.

ESTRATEXIA AMPLA E COORDINADA

Para abordar a exclusión do porto de Vigo da rede e garantir a súa inclusión na próxima revisión, a deputada popular considerou “esencial deseñar e executar unha estratexia ampla e coordinada que inclúa medidas políticas, técnicas e diplomáticas”. Así, en primeiro lugar demandou “solicitar á Comisión Europea e aos Estados membros unha revisión dos criterios establecidos no Regulamento europeo 2024/1679, substituíndo a exclusividade do criterio baseado no volume de mercadorías por un enfoque máis holístico que inclúa o valor económico das mercadorías manexadas, a importancia estratéxica do porto nas conexións intercontinentais, a contribución á cohesión económica e territorial das rexións periféricas e a sustentabilidade ambiental e a adaptación ás políticas de transición ecolóxica da UE”.

En segundo lugar, demandou a implantación de novos indicadores clave para valorar os portos, como a súa capacidade de liderado en sectores específicos e a súa posición nas cadeas globais de subministración, así como elaborar unha proposta técnica baseada en estudos que destaquen o porto de Vigo como motor económico de Galicia, España e Europa, resaltando o seu impacto no comercio marítimo europeo e nos obxectivos climáticos da UE.

“E por último, o Goberno Central debe intensificar as negociacións coa Comisión Europea defendendo o porto de Vigo como unha infraestrutura de interese nacional e europeo”, dixo a deputada popular, quen considerou “imprescindible que o Goberno de España incorpore Vigo como prioridade nas súas axendas internacionais”.

O Parlamento de Galicia insta ao Goberno de España a demandar en Europa a revisión dos criterios de reparto das cotas de Gran Sol e melloras nos sistemas de avaliación sobre stocks pesqueiros

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta ao Goberno de España a demandar no ámbito europeo a revisión dos criterios de reparto das cotas de Gran Sol, priorizando unha distribución máis equitativa; e apostar por melloras nos sistemas de avaliación científica, incorporando datos máis precisos sobre os stocks de pesqueiras en zonas como o Atlántico Norte, baseándose en índices que reflictan as condicións reais das augas galegas.

O portavoz popular do Mar, Miguel Fidalgo, considerou lamentable que, “unha vez máis, o Goberno de España non conseguiu, na reunión do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea celebrada a comezos do pasado mes de decembro, reducir os recortes que se expuñan para varias especies, entre elas e especialmente a pescada, o xurel ou a xarda”.

MELLORA DAS POSIBILIDADES DE PESCA

“O Goberno de España nin fixo ben o seu traballo nin negociou correctamente a repartición de cotas do Gran Sol”, criticou Miguel Fidalgo, quen asegurou “non entender os golpes de peito cando o acordo acadado co Reino Unido supón unha gran baixada na pescada do caladoiro do Atlántico Norte, o que repercutirá nunha perda de ingresos para a economía galega de 54 millóns de euros”.

Fidalgo insistiu que “defender a mellora das posibilidades de pesca ten que ser a principal obriga do Goberno de España alí onde se negocie, porque pescar máis e pescar mellor é compatible cos obxectivos da Política Pesqueira Común: garantir a sustentabilidade da pesca desde o punto de vista ambiental, económico e social”.

Ademais, apuntou que “as decisións comunitarias deben adaptarse á realidade das rexións pesqueiras e, por iso, desde o PPdeG esiximos un compromiso firme por parte do Estado español na defensa dos intereses do sector pesqueiro galego”.

O Grupo Popular pedirá no Pleno que o Goberno central libere de peaxe o tramo Vigo-Porriño da AP-9 para mellorar a seguridade na A-55 e propoña novas alternativas ao novo trazado da autovía Rías Baixas

O Grupo Popular demandará ao Goberno central no Pleno do Parlamento de Galicia da vindeira semana, ademais de insistir na transferencia da AP-9 á Comunidade galega, que libere a peaxe do tramo Vigo-Porriño desta autoestrada para mellorar a seguridade da A-55 e propoña novas alternativas ao novo trazado proposto da autovía das Rías Baixas pola grave afección que esta iniciativa provoca en parroquias de Vigo e Mos. Así mesmo, pedirá á Xunta e ao Goberno de España medidas orientadas á repotenciación de parques eólicos antigos que supoñan una mellora medioambiental e garantan un uso eficiente dos recursos.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que este primeiro pleno do novo período de sesións dará comezo co debate de totalidade do proxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, “unha nova lei que vai permitir dar un paso adiante no intenso labor que vén desenvolvendo a Corporación de Radio e Televisión de Galicia, que pasará a chamarse Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, na promoción, difusión e impulso da lingua galega”.

Pazos apuntou que o novo texto legal “adapta a lexislación da CRTVG á sociedade actual, apostando pola alfabetización mediática e dixital para promover o bo uso da tecnoloxía e recoñecer as novas falsas, ao tempo que vela pola utilización responsable da intelixencia artificial”. Ademais, incorpora a normativa para a elección tanto do Consello de Administración da Compañía como do seu director xeral, “buscando, en todo momento, evitar situacións de interinidade indefinida na Dirección da Corporación, como a que estamos a vivir na actualidade, recoñecendo o excelente traballo que están a desenvolver os xestores actuais”.

De seguido, a sesión plenaria procederá ao debate do ditame da Comisión de Investigación sobre a contratación pública na Administración autonómica, que “serviu para demostrar a xestión exemplar que levou a cabo o Goberno galego para dotar a Vigo dun dos mellores hospitais públicos de España e Europa, e demostrar que toda a contratación pública da Xunta levouse e lévase a cabo con total transparencia e seguindo estritamente a normativa vixente”, asegurou Alberto Pazos.

O portavoz popular lembrou que a Comisión de Investigación “deixou claro, logo das comparecencias dos dous conselleiros maiores do Consello de Contas, que non existiu sobrecusto algún na construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, constatándose, ademais, que a opción levada a cabo para facelo realidade era a única posible naquel momento, conseguindo poñelo en marcha nun tempo récord para beneficio de todos os cidadáns de Vigo e a súa contorna”.

A continuación, a sesión plenaria acollerá a comparecencia do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración para explicar as liñas mestras do seu departamento na procura de man de obra cualificada para a cobertura de vacantes en sectores estratéxicos de Galicia.

BENEFICIOS DA REPOTENCIACIÓN

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará á Xunta, e tamén aos proxectos que dependan da autorización do Goberno central, a adopción de medidas, especialmente as orientadas á repotenciación de parques eólicos, que supoñan unha mellora ambiental, ao mesmo tempo que garanten un uso eficiente dos recursos existentes na Comunidade galega.

“A repotenciación inclúe beneficios adicionais, como a conexión á rede existente, un grao de aceptación pública probablemente máis elevado e o coñecemento do impacto ambiental que, en principio, é menor, ao reducirse o número de aeroxeradores dun xeito moi significativo” concretou o portavoz popular.

A segunda proposición non de lei ten que ver coa transferencia e a rebaixa de peaxes das autoestradas estatais, ampliado nesta ocasión con demandas de modificación a proxectos anunciados desde o Goberno de España para a comarca de Vigo.

En concreto, en primeiro lugar, pídese, unha vez máis, que o Goberno de España proceda á transferencia da titularidade da AP-9 nos termos aprobados por unanimidade neste Parlamento galego, ao tempo que se inicien, con carácter inmediato, negociacións coa concesionaria desta autoestrada a fin de que se proceda a liberar de peaxe o tramo Vigo-Porriño, para abordar de xeito urxente os problemas de seguridade da A-55, por ser a solución máis rápida, inmediata e economicamente mais viable ao problema da sinistralidade nesta vía.

“Unha segunda cuestión que demandamos é que, con carácter urxente, o Goberno de Pedro Sánchez propoña novas alternativas ao novo trazado proposto da autovía das Rias Baixas pola grave afección que provoca a parroquias de Vigo, como Bembrive; e de Mos, como Sanguiñeda, Petelos, Pereiras e Tameiga”, sinalou Alberto Pazos.

PROCEDER INEXPLICABLE

Neste sentido, cualificou de “inexplicable o modo de proceder do Goberno de Pedro Sánchez, que, pese ao forte impacto no seu territorio, fixo partícipe ao Concello de Vigo da definición da alternativa proposta pero non tivo ningún tipo de comunicación previa a este trámite cos demais concellos afectados, nomeadamente o Concello de Mos, que adaptou o seu Plan Xeral ao trazado marcado polo Ministerio de Fomento no ano 2015”

Por este motivo, tamén se esixe ao Goberno de España a inmediata apertura dun período de interlocución, institucional e técnica con todos os concellos afectados para definir a actuación nesta autovía, de modo que sexa respectuosa co territorio, socialmente viable e supoña unha infraestrutura axeitada e segura para a mobilidade da zona.

A primeira das preguntas que o Grupo Popular formulará ao Goberno galego tamén está relacionada coa situación das autoestradas de titularidade estatal, xa que pide a súa valoración sobre a suba de peaxes que se viviu a comezos desde ano 2025 nestas autoestradas, manténdoas como as máis caras de España. “Sen esquecernos de que os usuarios da AP-53 continúan, a día de hoxe, sen gozar de descontos nas peaxes, a pesar do anuncio feito polo Goberno central para estender a esta autoestrada as bonificacións coas que conta a AP-9”, dixo o portavoz popular.

A segunda das preguntas do Grupo Popular ten como obxectivo coñecer as melloras que está a incorporar no programa galego de cribado neonatal, mentres que a terceira versa sobre as liñas básicas do plan integral de actuación para a renovación e impulso dos centros de información á muller, logo de que neste ano 2025 a Xunta incrementara o apoio anual a estes centros en máis dun 30 por cento, superando os 6,5 millóns de euros de dotación económica.

Os concellos do PPdeG plantan cara a Sánchez ante a súa negativa a deixarlles empregar os remanentes orzamentarios: “Non temos a culpa dos desastres económicos doutras administracións”

Os concellos do Partido Popular de Galicia plantan cara a Pedro Sánchez ante a negativa do Goberno central a deixarlles dispoñer dos seus remanentes orzamentarios para poder destinalos a mellorar o financiamento dos servizos municipais: “Nós non temos a culpa dos desastres económicos que poidan existir noutras administracións nin da mala xestión doutros gobernos”.

Nestes termos se referiu esta mañá o vicepresidente primeiro da Fegamp e voceiro dos populares galegos no organismo, Ángel Moldes, á preocupación existente entre “os concellos que fixemos as cousas ben e temos un superávit que non nos permiten investir en cuestións que poden ser prioritarias para o nosa sostibilidade económica”.

Reclama neste sentido que se respecte a autonomía da Administración Local para “decidir onde gastar os cartos da veciñanza”, tanto no que se refire a incrementar os servizos públicos que se prestan desde os concellos como a sufragar os sobrecustos que poida xerar a prestación dos mesmos.

“Xa que o presidente da Fegamp fala tanto das dificultades de financiamento dos concellos, é a súa oportunidade para dar voz ao municipalismo e reclamar ao Goberno de Sánchez que nos dea autonomía para investir no que consideremos prioritario”, conclúe Moldes anunciando que o PPdeG levará aos plenos municipais esta reclamación en forma de moción.