O PPdeG esixe ao Goberno central un programa completo e fiable de actuacións, investimentos e prazos para que o tramo español da conexión de AVE entre Vigo e Porto sexa unha realidade en 2030

O Partido Popular de Galicia esixe ao Goberno central que presente neste primeiro trimestre de ano unha programación completa de actuacións e investimentos e un cronograma fiable para o desenvolvemento do tramo español da conexión de AVE entre Vigo e Porto.

A través dunha pregunta dirixida ao Ministerio de Transportes que os deputados do partido veñen de rexistrar no Congreso, os populares galegos fanse eco así do “pesimismo” existente en torno á posibilidade de que o tramo español da liña de Alta Velocidade entre Galicia e Portugal, tal e como prometeu o departamento que dirixe Óscar Puente, sexa unha realidade no ano 2030.

O deputado e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado, recorda neste sentido que en decembro do pasado ano o Goberno de España reiterou publicamente o seu compromiso de ter lista esta infraestrutura en 2030 e que hai tan só uns días, o pasado 16 de xaneiro, o Executivo volveu recoñecer en publico a importancia do seu impulso.

“A pesar dos compromisos gubernamentais de que esta conexión será unha realidade en 2030, o certo é que os trámites pendentes non o avalan”, sostén o parlamentario galego argumentando que aínda non concluíu a redacción do estudo informativo ferroviario da Saída Sur de Vigo, cuxo prazo de finalización rematou o pasado 23 de decembro “sen que un mes despois se coñeza a súa situación”.

Cómpre sinalar que, unha vez estea rematado ese estudo, deberá continuar a súa tramitación sendo sometido a información pública e a unha avaliación do seu impacto ambiental. A continuación, unha vez aprobado de forma definitiva, o proxecto construtivo terá que ser licitado, adxudicado e executado.

Tendo en conta todo isto, Celso Delgado conclúe que “o escenario máis optimista apunta a que a Saída Sur de Vigo non estará finalizada ata 2034”. Unha situación á que hai que engadir que, ademais, ten que executarse o tramo entre Porriño e a fronteira portuguesa e pecharse a negociación entre os dous países para a construción e financiación da nova ponte internacional.

De aí que, en aras de aclarar como espera o Ministerio de Transportes cumprir o anuncio oficial de ter listo o tramo español da liña de Alta Velocidade entre Vigo e Porto no ano 2030, os deputados do PPdeG no Congreso pregunten cal é a previsión de datas nas que se traballa tanto para a finalización do estudo informativo da Saída Sur de Vigo como para a licitación do proxecto construtivo e a execución e remate das obras.

Demandan do Ministerio tamén unha resposta sobre o horizonte temporal que se marca para que o tramo Vigo-O Porriño desta liña sexa unha realidade e sobre cando ten previsto o Goberno de España chegar a un acordo con Portugal para ubicar a nova ponte sobre o río Miño “tendo en conta que en xuño de 2024 se anunciou como inminente a licitación dos estudos pertinentes”.