O Parlamento galego pide ao Goberno central medidas dirixidas a reducir a sinistralidade asociada ao envorco de tractores agrícolas

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable dos deputados do BNG, a través da que se demanda ao Goberno de España o desenvolvemento de medidas dirixidas a reducir a sinistralidade asociada ao envorco de tractores agrícolas, co obxecto de garantir a seguridade e o benestar dos profesionais e avanzar cara unha agricultura máis segura e sostible.

O portavoz popular do Medio Rural, Miguel Viso, lembrou que, segundo os datos do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), máis do 60 por cento das mortes por accidentes de tractor están relacionadas con envorcos. En concreto, en 2024 rexistráronse en Galicia 74 accidentes laborais relacionados co tractor, mentres que os accidentes non laborais ascenderon a 39.

MEDIDAS A ADOPTAR

Miguel Viso explicou que “para previr estes accidentes e minimizar o seu impacto é fundamental fomentar a modernización do parque de tractores agrícolas, co impulso de axudas para a renovación de tractores antigos; desenvolver campañas de sensibilización e formación para concienciar sobre os riscos do envorco e a importancia do uso de medidas de seguridade; reforzar a obrigatoriedade de inspeccións técnicas periódicas en tractores; e establecer incentivos económicos para os agricultores que incorporen sistemas de protección nos seus tractores”.

Neste sentido, considerou “fundamental reforzar as campañas de sensibilización e formación; avanzar na modernización do parque de maquinaria agrícola; ampliar as accións formativas, tanto para agricultores en activo como para estudantes de formación profesional e obradoiros de emprego; e intensificar a colaboración entre o Issga e a Dirección Xeral de Tráfico”.

“A nosa meta é clara: unha agricultura máis segura e sostible”, sinalou o portavoz popular, quen asegurou que “a prevención funciona porque a tecnoloxía, a formación e a concienciación son armas poderosas contra os accidentes”.

O Parlamento galego pide á Xunta que intensifique as axudas do Plan de mellora de camiños rurais

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta a Xunta de Galicia a seguir intensificando as axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais. “Trátase de seguir apostando por un programa que funciona, ben valorado no rural, e de conseguir que cada vez máis profesionais e máis empresas se acheguen, decidan e aposten polo rural para desenvolver as súas actividades e evitar así o despoboamento que tanto nos preocupa”, sinalou o deputado popular Enrique Barreiro.

O Plan Marco para o mantemento dos camiños e estradas rurais contará para os anos 2024 e 2025 cun orzamento de 19,5 millóns de euros, un 16 por cento máis que nas anteriores convocatorias.

ABERTO A TODOS OS CONCELLOS

Enrique Barreiro explicou que “este plan está aberto a todos os concellos galegos, sempre que teñan remitidas ao Consello de Contas os orzamentos do último exercicio e estean ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social. As actuacións subvencionables van desde a ampliación e incremento da seguridade dos camiños; o reforzo do firme existente e a drenaxe; e tamén todos aqueles traballos de mantemento dos viais.

“A mellor forma de asentar poboación no rural é asegurar unha boa calidade de vida e facilitar a posibilidade de desenvolverse laboralmente, para o que se requiren unhas axeitadas vías de comunicación”, indicou o deputado popular.

Alberto Pazos afirma que a “extrema debilidade” do Goberno de Sánchez “vai ser a mellor escusa de PSdeG e BNG para xustificar que non se cumpra a súa promesa de eliminar as peaxes da AP-9”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe que a “extrema debilidade” do Goberno de Pedro Sánchez para aprobar tanto decretos-lei como os propios orzamentos do Estado “vai ser a mellor escusa que van ter os socialistas e nacionalistas galegos para xustificar que non se cumpra a súa promesa de gratuidade da AP-9”.

“Nós imos seguir insistindo, tanto na eliminación das peaxes nesta autoestrada como na súa transferencia a Galicia, ao que sumamos agora a solicitude de liberación da peaxe do treito Vigo-Porriño, de xeito que se mellore a seguridade de forma inmediata na A-55 e como medida rápida e economicamente máis viable ante a construción dun novo túnel nesta autovía”, indicou.

Alberto Pazos lembrou que “o único que sufrimos os galegos nestes últimos meses respecto da AP-9 foi un novo incremento das súas peaxes: o 5,34 por cento desde o pasado día 1 de xaneiro, o que supón pagar máis de 20 euros para quen teña que facer o traxecto entre Vigo e A Coruña”.

RESCATE E BONIFICACIÓNS, O MESMO CUSTO

“Dáse o paradoxo de que, coas novas bonificacións das peaxes anunciadas polo Goberno de Pedro Sánchez, que esperemos que algún día sexan realidade, o custo da indemnización polo rescate da autoestrada e o custo total desas bonificacións ata o final da concesión aseméllanse de xeito considerable, xa que ronda os 2.300 millóns de euros”, explicou o portavoz popular, quen indicou que “o Ministerio debería valorar se realmente compensa manter esas bonificacións ou abonar o rescate da AP-9”.

Pazos avanzou que “imos seguir insistindo na demanda para que o Goberno de Pedro Sánchez transfira a Galicia a AP-9, tal e como o pediu este Parlamento por unanimidade en varias ocasións, pero agora imos dar un paso máis, co obxectivo de mellorar a seguridade nun dos treitos da autovía A-55 no que se rexistra o maior número de accidentes de España.

En concreto, dixo que “pedimos que o Goberno central negocie coa concesionaria da AP-9 liberar inmediatamente a peaxe do treito entre Vigo e Porriño, de xeito que se mellore a seguridade de forma inmediata na autovía A-55, ao posibilitar aos condutores utilizar o treito da AP-9 de forma gratuíta, en vez de arriscarse a circular polas perigosas curvas de Mos que tanta sinistralidade rexistran”.

“Trátase dunha solución alternativa de uso inmediato ante a futura construción dun novo túnel na A-55 entre Vigo e Porriño”, unha obra que “comezou con gran polémica, logo de que o Goberno central presentara unha proposta que supón unha grave afección a parroquias como Bembrive en Vigo ou Sanguiñeda, Petelos, Pereiras e Tameiga en Mos”, apuntou.

Por este motivo, o Grupo Popular esixirá ao Goberno central no Pleno da vindeira semana que abra de xeito inmediato un período de interlocución con todos os concellos afectados por esta importante obra, de xeito que se defina unha actuación respectuosa co territorio, socialmente viable e dote á zona dunha infraestrutura axeitada e segura.

SOLUCIÓN EN MANS DO GOBERNO DE SÁNCHEZ

Alberto Pazos tamén se referiu ao “novo episodio da demostración da extrema debilidade do Goberno de Pedro Sánchez” vivido o pasado mércores no Congreso ao ver como se rexeitaba a aprobación do coñecido como Decreto Omnibus pola negativa chantaxista dos seus socios cataláns de Junts.

“O que debe quedar claro, desde o primeiro momento, é que quen traizoa e utiliza ao seu antollo a Pedro Sánchez e ao seu Goberno son os seus aliados de Junts,  que foron quen puxeron cos seus votos a este Goberno bicolor de PSOE e SUMAR e que agora decidiron, ao non atender as súas chantaxes, que non ían apoiar este decreto”, subliñou.

“O Partido Popular xa avisou, desde o primeiro momento, que non estaba disposto a apoiar este Real-Decreto na súa totalidade, simple e llanamente porque, ademais da revalorización das pensións, das bonificacións ao transporte ou das axudas aos afectados pola DANA, recollía outras moitas cuestións coas que non estaba de acordo, como subas de impostos, xa que non se prorrogan as baixadas do IVE que están vixentes para determinados alimentos ou electricidade; unha maior protección aos okupas, obrigando aos propietarios a seguir pagando do seu peto os gastos da súa vivenda okupada, coa imposibilidade de recuperala; a cesión, aceptando un novo chantaxe dos nacionalistas vascos, dun palacete en París ao PNV; ou inflixindo un recorte ao financiamento das comunidades autónomas, xa que non se actualizan as previsións de ingresos de 2025 nas entregas a conta ás comunidades, o que supón recortes de recursos económicos ás comunidades autónomas para destinalos a sanidade, educación ou políticas sociais, como a dependencia”, manifestou.

Alberto Pazos incidiu que “a solución neste momento está nas mans do Goberno de Pedro Sánchez, porque o Partido Popular xa anunciou que está plenamente disposto a aprobar un decreto que se centre no realmente importante: a revalorización das pensións, as bonificacións ao transporte público e as axudas aos afectados pola DANA”. Neste sentido, puxo de manifesto a vontade do PP de “apoiar medidas coherentes” ao aprobar cos seus votos no mesmo Pleno do Congreso o decreto que unicamente falaba de pensións, máis en concreto, de poder compatibilizar o cobro dunha pensión coa realización dun traballo remunerado.

Para rematar, Alberto Pazos criticou a postura adoptada polo único deputado do BNG nas votacións dese Pleno. “Paradoxicamente, votou a favor dos decretos que non saíron adiante a pesar dos agravios que supoñen para Galicia e votou en contra do decreto aprobado, gracias ao apoio do Partido Popular, que abre a posibilidade de cobrar unha pensión ao tempo que se realiza un traballo remunerado, sen esquecernos da súa nova e manifesta contradición: critican denodadamente en Galicia a aprobación, por maioría parlamentaria, das leis de acompañamento, ao tempo que apoian no Congreso a aprobación dun Decreto-Lei Omnibus, que inclúe unha chea de medidas enmascaradas nunha suba das pensións e unhas axudas ao transporte”, sinalou.