O Grupo Popular reiterou hoxe o seu apoio á declaración do 2025 como Ano Castelao, con motivo do 75 aniversario do seu pasamento, pero rexeitou recoñecer a este insigne galego como o primeiro Presidente de Galicia porque nunca foi elixido. “O recoñecemento dos méritos de Castelao non pode implicar o demérito do primeiro Presidente democrático de Galicia: un galeguista íntegro e exemplar chamado Xerardo Fernández Albor”, sinalou o portavoz popular, Alberto Pazos.
“Non debería existir dúbida algunha sobre que a figura de Castelao pertence ao pobo galego no seu conxunto, e os intentos duns poucos por denostalo ou doutros por apropiarse del minusvaloran a figura deste rianxeiro universal”, sinalou o portavoz popular. Neste sentido, apuntou que “os que renegan del por non compartir o seu pensamento político minusvaloran a capacidade do pobo galego de recoñecer a un dos seus máis aló de matices ideolóxicos, e os que se queren apropiar del o minusvaloran ao restrinxir o seu recoñecemento á escasa representación que lles deron os galegos”. “Nin Castelo nin Galicia caben nas estreituras ideolóxicas do BNG”, dixo.
O BNG IMPEDIU A DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
Alberto Pazos asegurou que o PPdeG “comparte a conveniencia de que o Parlamento de Galicia apoie a declaración do 2025 como ano Castelao” e lembrou que “tanto é así que xa o propuxemos a través dunha declaración institucional que o BNG non aceptou”. Por este motivo, cualificou de “sorprendente que hoxe, despois de impedir esa declaración institucional, validada pola Fundación Castelao, nos pidan que apoiemos a que aprobou o Consello da Xunta, idéntica á que rexeitaron con anterioridade neste Parlamento”.
Porén, manifestou que “non podemos recoñecer a Castelao como primeiro Presidente de Galicia porque nunca foi elixido Presidente de Galicia”, porque “os galegos elixen aos seus presidentes de xeito democrático, mediante sufraxio libre e universal, e en cada ocasión na que foron consultados rexeitaron elixir a un Presidente nacionalista”. “O primeiro Presidente de Galicia foi un galeguista íntegro e exemplar chamado Xerardo Fernández Albor, ese Presidente de todos que fixo canto foi posible por recuperar os símbolos de todos, como a bandeira ou o himno galegos”, destacou o portavoz popular.
“O labor de Castelao é impagable porque acelerou o proceso autonómico ao permitirnos como nacionalidade histórica acollernos ao réxime especial previsto na disposición transitoria segunda da Constitución Española, feito de enorme relevancia que xustifica o recoñecemento como precursor do autogoberno galego que lle fixo este Parlamento”, salientou Alberto Pazos.