O Parlamento de Galicia demanda ao Goberno de España fondos para poñer en marcha programas específicos de emprego

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o voto favorable de BNG nin PSdeG, a través da que se reclama ao Goberno de España os fondos necesarios que permitan poñer en marcha programas específicos de emprego, a raíz do éxito dos proxectos piloto existentes na Comunidade galega.

A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez, lembrou que “Galicia está a afrontar retos en materia laboral, como cubrir as necesidades das empresas coas capacidades das persoas que están buscando activamente emprego, así como reter e atraer talento para seguir sumando capacidades ao noso tecido produtivo”. “E todo isto facéndoo dun xeito ordenado e poñendo un enfoque especial na mocidade”, apuntou.

PROGRAMAS INNOVADORES

Noelia Pérez referiuse aos programas innovadores orientados a conectar a formación coa realidade do mercado laboral que vén desenvolvendo a Xunta, como a estratexia Mocidade Activa, as bolsas de excelencia Mocidade Exterior, os programas Xerme ou Alento, e o proxecto Fixar, “cuxo éxito levou a que Galicia fora recoñecida como Rexión Emprendedora Europea 2025”.

“Son accións que non só buscan a xeración de emprego de calidade, senón tamén a fixación de poboación nas nosas vilas e cidades, cuxos resultados evidencian unha tendencia crecente cara o autoemprego, a aposta pola volta ao rural e a consolidación de novos modelos laborais, como os colivings”, indicou a portavoz popular.

Porén, manifestou que estas medidas e estes resultados “certifican que as políticas de emprego desenvolvidas pola Xunta van polo bo camiño, pero precisamos do apoio do Goberno de España a través dunha distribución equitativa dos fondos europeos e estatais, fundamentais para garantir que todas as comunidades autónomas poidan desenvolver programas adaptados á súa realidade socioeconómica, en especial proxectos relacionados coa xeración de emprego”.

O Parlamento galego pide á Xunta un modelo de gobernanza do espazo de datos do sistema sanitario galego para mellorar a asistencia, a investigación e a innovación

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do BNG, a través da que se insta á Xunta a publicar un modelo de gobernanza do espazo de datos do sistema sanitario galego que permita mellorar a prestación de asistencia, investigación e innovación.

A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, salientou que o servizo galego de saúde “foi pioneiro en incorporar avances tecnolóxicos e dixitais aos seus sistemas”, como a historia clínica electrónica ou as plataformas e-Receita ou e-Saúde.

“Todos estes avances tecnolóxicos derivaron en que o SERGAS almacene na actualidade máis de 3.000 millóns de datos de saúde, o que supoñen arredor de 10 petabytes de almacenamento, unha cantidade inxente de datos en boa parte relacionados con proxectos de medicina xenómica ou procedentes de dispositivos electro-médicos, como os parches de medición de insulina ou dispositivos cardioimplantables”, concretou.

Encarna Amigo afirmou que “esta tecnoloxía vai permitir facer a medicina máis preditiva e máis personalizada”, polo que destacou o feito de “reunir nunha infraestrutura única os datos que permiten a asistencia aos máis de 2,65 millóns de galegos por parte dos máis de 40.000 profesionais sanitarios”.

“Galicia debe ser pioneira en adaptarse ao novo regulamento do espazo europeo de datos sanitarios, que faga posible aproveitar o enorme potencial que Galicia posúe no marco dos datos sanitarios para fomentar a investigación científica, desenvolver mellores tratamentos e optimizar a atención aos pacientes”, concluíu.

O PPdeG denuncia que Pedro Sánchez bloqueou 33 veces a transferencia da AP-9 a Galicia desde a súa chegada á Moncloa

O Partido Popular de Galicia denuncia que desde a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno de España a tramitación da transferencia da AP-9 foi bloqueada máis dunha trintena de veces –concretamente 33–. Só no que vai da presente Lexislatura a Mesa do Congreso dos Deputados xa aprobou 18 prórrogas do seu debate parlamentario.

Así o puxo de manifesto esta mañá a secretaria xeral Paula Prado nunha rolda de prensa na que se fixo eco do novo aprazamento acordado por PSOE e Sumar esta semana na Cámara Baixa e co que “as prioridades quedan claras” no que se refire aos intereses do Goberno. “Admitir a enésima chantaxe do independentismo a través da cuestión de confianza, si; pero cumprir o acordo unánime do Parlamento galego e atender as demandas de Galicia, non”, concluíu neste sentido.

“O compromiso de Sánchez coa AP-9 é o mesmo que o dun Besteiro que na campaña das autonómicas se presentou ante os galegos prometendo a gratuidade das peaxes e a transferencia desta autoestrada e, agora, na campaña interna do seu partido, se presenta co aval das peaxes máis caras da historia e renunciando a esa transferencia”, engadiu a número dous dos populares galegos.

Continuou apuntando ao BNG pola súa “conivencia” ante os “agravios do Goberno central con Galicia”. Acusou así aos independentistas galegos de “seguir dando osíxeno a Sánchez a pesar do seu reiterado incumprimento do pacto de investidura”. Un pacto polo que, recordou, “lle deron as chaves da Moncloa a cambio dunha transferencia da AP-9 que nin está nin se lle espera”.

O CAMBIO DOS ATAQUES POLAS CONSPIRACIÓNS

Paula Prado tamén se referiu aos postulados defendidos nos últimos días polo BNG, ironizando con que “xa se dá por derrotado ao igual que no seu acoso e derribo aos técnicos da Xunta”. Porque só así se entende, asegurou, que “cambiasen os ataques polas conspiracións no relativo ao asentamento en Galicia de proxectos industriais que poidan xerar emprego e riqueza na nosa terra”.

“Do mesmo xeito que aínda hai quen defende o terraplanismo, o independentismo galego esgotou todos os seus argumentos e agora opta por falar do que eles denominan ‘acordos secretos’ cando en realidade son públicos desde hai anos”, explicou ao tempo que recordaba que o acordo do que fala o BNG é público desde o 1 de outubro de 2021 “cando o BNG aínda era fervente defensor de Altri”.

Sobre esta cuestión a secretaria xeral do PPdeG concluíu que “fronte aqueles que prefiren manterse no mesmo mundo da fabulación no que hai un ano crían que gañarían as eleccións, temos a tranquilidade de que o Goberno galego seguirá traballando con rigor e realismo e apoiado no criterio dos técnicos”.

AS MEDIDAS REAIS, PRAGMÁTICAS E APLICABLES DO PARTIDO POPULAR

Paula Prado puxo en valor que esta semana o Goberno de Alfonso Rueda “volveu cumprir con Galicia” logo de que anunciar unha axuda para facilitar a emancipación da mocidade galega que “xa é un feito” e que se materializa no Bono Emancípate.

Un bono destinado a ofrecer un apoio cos gastos do primeiro fogar –desde os gastos de xestión notarial ata o mobiliario– que vai dos 1.500 ata os 3.000 euros e que desde hoxe mesmo os mozos e mozas menores de 36 anos xa poden solicitar.

Do mesmo xeito, engadiu, o presidente Alberto Núñez Feijóo tamén anunciou esta semana novas medidas en materia de vivenda na mesma liña que o que xa se fai en Galicia e que teñen o obxectivo de “animar aos propietarios a poñer vivenda no mercado e facilitar aos inquilinos o acceso a ela a través de rebaixas fiscais”.

“Fronte á axenda do escándalo de Sánchez, na que só se fala dunha corrupción que se estende desde os xardíns da Moncloa ata os muros da Fiscalía Xeral do Estado, a axenda do cambio do PP ocúpase do que realmente importa”, subliñou afirmando que “as solucións que funcionan son as medidas reais, pragmáticas e aplicables e non as ocupacións de institucións nin as soflamas”.