Rodrigo García Seco
A xente da contorna nacionalista, nomeadamente do Bloque Nacionalista Galego, nas últimas décadas e máis intensamente nos nosos días, parécelle e dá a entender que eles son os únicos que queren e interpretan a Galicia, deixando parecer que a única forma de facelo é sendo independentista, de esquerdas e ateo. E claro está que non é así.
Falan da importancia das citas de Castelao, político artista e intelectual que loitou pola liberdade política do noso país, pero se lles esquece que Castelao, a diferenza do Bloque, distaba bastante do comunismo que está nas súas bases e que moitas das súas voces predican. Xa que lles gusta tanto as citas do Sempre en Galiza, ao igual que a nós, deixo por aquí algunhas que desmontan o seu discurso:
—Cremos que o separatismo é unha idea anacrónica.
—Alí [en España] debía crearse unha verdadeira democracia republicana e cristiá.
—Nós non somos separatistas, nin de Hespaña, nin de Europa nin do mundo.
—Somos unionistas e que non pretendemos organizar a nación galega en Estado independente.
—Para que ninguén nos tache lixeiramente de separatistas, cómpre afirmar que nos sentimos ben hespañoes, pero que non queremos ser casteláns; que arelamos unha Hespaña grande.
—En política deixamos de chamarnos “nacionalistas” porque non pretendemos convertir a Galiza en Estado independente.
—Eu vivo en latitudes moi distantes do comunismo.
Con estas citas non quero, nin moitísimo menos, mostrar que Castelao hoxe sería do PP (unicamente foi do Partido Galeguista, que aínda hoxe existe), porque sería estúpido tanto pensalo como dicilo, pero ademais tampouco o necesitamos, porque obviamente hai moitas cousas que nos separan ideoloxicamente, pero hai unha que nos une e que é máis importante que toda ideoloxía, que está por riba de dereitas e de esquerdas, que é o amor a Galicia.
E este amor por Galicia, como dicía ao principio, non só se sente desde a esquerda, no ateísmo e querendo separarse do resto de España, este sentimento radica en defendela, defendendo os seus dereitos e a súa autonomía, a autonomía coa que soñaba o rianxeiro máis universal, a autonomía que el chamaba liberdade.
Así que, antes de sacar de contexto as palabras de Castelao, que saiban que non lles pertence, nin tampouco a nós, senón a todos os galegos e galegas que sentimos a nosa terra no corazón, aínda que sexa con diferentes ideoloxías, igual que o facía el.
Señores e señoras do BNG, a cousa non está en discutir quen é máis galeguista, ou quen se parece máis a Castelao, senón en saber renderlle homenaxe a unha persoa que dedicou toda a súa vida a Galicia e á autonomía que gozamos hoxe. E por iso merece o respecto de todos e todas nós.