O Grupo Popular proporá no Pleno da vindeira semana a aprobación polo Parlamento de Galicia dunha resolución a través da que se pide á Mesa e á Presidenta do Congreso que desbloquee a tramitación da proposición de Lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9, acordando de xeito inmediato a finalización do prazo para a presentación de emendas para que este texto lexislativo avance cara a súa aprobación definitiva. Así mesmo, pedirase ao Goberno central que recupere o 100 por cento da bonificación polas baixas de maternidade ou paternidade, logo de que as substituíra por unha bonificación fixa de 366 euros sobre a cotización do empregado en situación de baixa.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, comezou a súa comparecencia ante os medios celebrando que “hoxe fai un ano das eleccións autonómicas nas que os galegos volveron confiar maioritariamente no Partido Popular de Galicia e Alfonso Rueda conseguiu a súa primeira maioría absoluta para seguir gobernando con todo o sentidiño Galicia”. “Foron 12 meses nos que Alfonso Rueda xa deu mostras do seu xeito de gobernar e de ter cumprido ou en proceso de realización os máis de 800 compromisos recollidos no programa electoral co que se presentou ás eleccións”, anotou.
“Nos imos seguir gobernando centrados no que realmente preocupa e necesitan todos os galegos, deixando para BNG e PSdeG a demagoxia e as difamacións coa que xa nos teñen acostumados, sen iniciativas que aporten algo novidoso ao que xa está facendo a Xunta ou viables coas que poder complementar a acción do Goberno de Rueda, pero con continuas faltas de respecto a conselleiros e funcionarios públicos”, manifestou.
En concreto, Alberto Pazos referiuse á “indignante e sexista caricatura da conselleira de Política Social realizada polo sindicato satélite do BNG que coñecemos onte, e que aínda estamos á espera de que as tan cacarexadas feministas galegas rexeiten e pidan a retirada desa campaña, así como unha rectificación pública desta falta de respecto a unha conselleira, que por enriba de todo é unha muller traballadora e respectable”.
Respecto da orde do día da sesión plenaria que terá lugar a vindeira semana, o Grupo Popular defenderá unha proposición non de lei a través da que se pide á Mesa e á Presidencia do Congreso o desbloqueo da tramitación da proposición de Lei orgánica de transferencia da titularidade da AP-9, de xeito que se poña fin ao prazo de presentación de emendas para que este texto lexislativo avance cara ao seu debate de aprobación definitivo.
“Ademais, incluímos nesta ocasión que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible avalíe a oportunidade do rescate da AP-9, tendo en conta que, coas novas bonificacións das peaxes anunciadas polo Goberno central, o custo da indemnización polo rescate e o custo das bonificacións ata o final da concesión supoñen uns importes moi semellantes”, apuntou.
20 PRÓRROGAS
Alberto Pazos criticou que “levamos 20 prórrogas no Congreso, contando xa a que se aprobou esta mesma mañá, ao prazo de presentación de emendas á proposición de lei para a transferencia da titularidade da AP-9, prórrogas que chegan ata as 35 se contabilizamos as habilitadas pola Mesa do Congreso desde a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa, o que pon de manifesto o nulo interese do Partido Socialista en tramitar esta transferencia a Galicia, manexando ao seu antollo á Presidenta da Mesa do Congreso”.
A segunda das proposicións non de lei que o Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana ten que ver coa recuperación do 100 por cento da bonificación polas baixas de maternidade, logo de que o Goberno de Pedro Sánchez fixera desaparecer esta bonificación, sendo substituída por unha fixa de 366 euros sobre a cotización do empregado en situación de baixa.
“Estas medidas representan un risco para a estabilidade laboral das persoas que substitúen a traballadores durante situacións vinculadas ao nacemento e coidado de menores, así como no exercicio da atención aos menores lactantes ou os riscos asociados ao embarazo e lactancia natural, polo que consideramos que a bonificación na contratación nestes casos é esencial para avanzar na materialización dos dereitos das mulleres e promover unha participación máis equitativa dos homes nas responsabilidades do coidado”, afirmou Alberto Pazos.
A sesión plenaria inclúe a comparecencia do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para informar das liñas de actuación en materia de I+D+i da Xunta de Galicia.
Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola actualización das entregas a conta a Galicia, logo do cambio de criterio discrecional do Goberno central para tentar forzar a aprobación das medidas esixidas polos seu socios de goberno, “unha decisión arbitraria que no caso de Galicia suporá unha redución das entregas a conta de 700 millóns de euros respecto das que se comunicaron a comezos de ano”.
A segunda das preguntas ten que ver coa sanidade e a atención nos hospitais comarcais e, en concreto, o resultado das medidas postas en marcha pola Xunta para incentivar a cobertura de prazas nestes hospitais comarcais. E, por último, o Grupo Popular tamén se interesará pola evolución e a finalidade das axudas extraordinarias ao retorno que ofrece a Secretaría Xeral de Emigración, dirixidas especialmente a facer fronte aos gastos derivados do seu regreso a Galicia.
SOLICITUDE INFORMACIÓN INTERRUPCIÓN DO PLENO
Por outra banda, Alberto Pazos informou de que na Xunta de Portavoces “solicitamos
información sobre a interrupción premeditada, planificada e coordinada que sufrimos do pasado Pleno”. Neste sentido, considerou “intolerable que grupos políticos amparen actuacións claramente antidemocráticas como é a interrupción deliberada dunha sesión plenaria do máximo órgano de representación e debate de Galicia”.
“Consideramos necesario garantir que calquera grupo se exprese con total liberdade e cando é o quenda do Goberno galego o poida facer nas mesmas condicións”, manifestou o portavoz popular, quen lamentou que “parece que hai quen aplaude que esas condicións non sexan as mesmas e consideran que o Goberno de Galicia e a representación do PPdeG non temos dereito a expresarnos con mesma liberdade como a que o fan outros grupos políticos”.