O PPdeG considera intolerable a submisión de Ana Pontón á CIG ao non reprobar a repugnante campaña machista contra a conselleira de Política Social

A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Raquel Arias, considerou hoxe “intolerable que a señora Pontón escolla a súa submisión ao sindicato que goberna o BNG antes que reprobar a repugnante campaña machista da CIG contra a conselleira de Política Social”. “Ese é o feminismo sectario que practica o nacionalismo galego, totalmente mudo e indiferente cando se ataca a alguén que non comulga co seu ideario político”, indicou.

“A señora Pontón e todas as nacionalistas galegas deberían ter moi presente que o feminismo e a igualdade non entenden de cores políticas”, sinalou a portavoz popular, quen asegurou que “o Partido Popular non quere dar leccións de feminismo e a igualdade a ninguén, porque estamos convencidos que son obxectivos que debe afrontar e conseguir a sociedade no seu conxunto”.

AGOCHADA DETRÁS DA CIG

Raquel Arias lamentou que “a señora Pontón considere paternalistas e machistas as réplicas do Presidente Rueda ás súas intervencións no Pleno, cando o que queda patente en cada sesión é que o Presidente da Xunta refuta con datos e argumentos sensatos toda a demagoxia e a terxiversación coa que a portavoz nacionalista adorna as súas actuacións”.

“Coincidimos coa señora Pontón en que ás mulleres en política hai que criticarnos do mesmo xeito que aos homes, algo que parece que a ela tan mal lle senta cando a crítica ven desde os escanos do Grupo Popular, pero non chegamos a comprender que aparte a súa loita feminista e defensora das mulleres para agocharse detrás dunha noxenta campaña de quen realmente manda no BNG: a UPG e a CIG”, apuntou Raquel Arias.

O Parlamento de Galicia demanda ao Goberno central medidas para mellorar o sector apícola

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do PSdeG, a través da que se demanda ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación medidas dirixidas a mellorar o sector apícola ante a insostible situación pola que está a atravesar pola competencia desleal existente e a alta mortalidade das abellas.

O portavoz popular do Medio Rural, Miguel Viso, subliñou que o sector apícola “desempeña un papel crucial na nosa sociedade, porque non só garante a produción de mel e outros produtos derivados, senón que é fundamental para a biodiversidade e a seguridade alimentaria”.

Porén, lamentou que nos dous últimos anos a produción de mel en España caeu ata as 27.000 toneladas, o que supón un descenso do 21 por cento con respecto ao ano 2021. Entre os motivos causantes desta situación, Miguel Viso referiuse ás crecentes importacións de mel, cun crecemento do 19 por cento no último ano, e a conseguinte baixada do prezo do produto; e a alta mortalidade das abellas, provocada por enfermidades como a varroa, o impacto das alteracións climáticas ou a proliferación de especies invasoras, como a vespa velutina.

COMPROMISO DA XUNTA

“Galicia non é allea a esta crise”, sinalou o deputado popular, polo que considerou necesario reforzar os controis nas importacións de mel, asegurando que compren cos mesmos estándares de calidade e seguridade que se esixen aos produtores galegos; garantir unha rastrexabilidade efectiva en todo o proceso de comercialización, impedindo a venta de mel importada como se fose produción nacional; o cumprimento estrito da Lei da cadea alimentaria, para evitar abusos na formación de prezos e garantir que os apicultores reciban un prezo xusto polo seu traballo; e a promoción institucional dos produtos apícolas galegos, a través de campañas específicas.

Miguel Viso salientou que “a Xunta xa demostrou o seu compromiso coa apicultura, habilitando 1,4 millóns de euros en axudas este ano para modernizar o sector, combater enfermidades e loitar contra especies invasoras”, pero manifestou que “esta crise require unha resposta a nivel estatal, polo que é necesario que o Ministerio de Agricultura adopte medidas urxentes que garantan o futuro da apicultura”.

O Parlamento galego pide ao Goberno central que adapte os contratos da Lei da cadea alimentaria ás condicións particulares do sector cárnico galego

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra do PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que flexibilice e adapte os contratos da Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria ás condicións peculiares do sector cárnico galego.

O deputado popular Juan Casares lembrou que a Lei de cadea alimentaria “foi un paso crucial cara unha cadea alimentaria máis xusta e transparente, xa que fortaleceu a posición dos operadores máis vulnerables e promoveu as relacións comerciais equitativas no sector”.

Porén, Casares manifestou que o Goberno central “pode na actualidade implementar certos cambios que flexibilicen os termos da contratación alimentaria co fin de adaptarse á realidade cotiá e ás condicións peculiares do sector cárnico galego”.

DEMANDAS CONCRETAS

En concreto, o deputado popular demandou incrementar o monto mínimo establecido para a obrigatoriedade de formalizar o contrato por escrito en todas as operacións comerciais, que agora se sitúa en 1.000 euros, algo que permitiría flexibilizar o mercado de becerros; e aumentar o período obrigatorio a cumprir para a gravación dos contratos no Rexistro dixital de contratos alimentarios, xa que moitos dos tratantes que operan neste sector teñen serias dificultades para adaptarse á novas tecnoloxías.

Juan Casares tamén propuxo reforza-la parte do Observatorio da cadea alimentaria que se dedica ao sector cárnico, dotándoo de índices de referencia de prezos e calidades aos que os axentes do sector se poidan acoller; así como incrementar os controis da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), para desenvolver un control exhaustivo dos prezos pagados, os tempos de cobro e os abusos de calquera natureza nas relacións comerciais.

O deputado popular cualificou de “estratéxico para a economía rural” o sector cárnico galego, xa que achega o 34,5 por cento do valor da produción final agraria e conta con máis de 40.000 explotacións e preto de 200 industrias de transformación que empregan a máis de 4.500 traballadores a tempo completo.

“Ademais, a súa importancia social e económica supera o que reflicten estas cifras, xa que o sector cárnico contribúe tanto ao mantemento da poboación rural como da superficie agraria utilizada, aspectos fundamentais para a sostibilidade tanto social como medioambiental ou económica do campo galego”, rematou Juan Casares.

O Parlamento galego reitera a demanda ao Goberno de España para que culmine o proceso de transferencia a Galicia da titularidade da AP-9

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que impulse todas as iniciativas políticas e executivas que sexan precisas para culminar o proceso de transferencia a Galicia da titularidade e competencias sobre a AP-9, de conformidade coa proposición non de Lei aprobada polo Parlamento galego e que se tramita ante o Congreso dos Deputados. Así mesmo, pídese que, con carácter inmediato e con independencia do proceso anterior, se implante a gratuidade das peaxes nas autoestradas AP-9 e AP-53, as máis caras de España, en cumprimento do compromiso adquirido polas formacións políticas que sustentan o Goberno de Pedro Sánchez nas últimas eleccións autonómicas.

O portavoz popular de Infraestruturas, Roberto Rodríguez, lembrou a proposición de lei aprobada por unanimidade do Parlamento galego a través da que se solicita a transferencia a Galicia da competencia sobre a xestión da AP-9, asumindo o Goberno central as repercusións económicas e financeiras dos convenos en vigor, das actuacións en infraestruturas xa comprometidas e as necesarias no futuro que non sexan responsabilidade da Xunta.

DESCONFIANZA

Porén, Roberto Rodríguez sinalou que “existe unha desconfianza sobre que esta transferencia sexa unha realidade a curto prazo baseada na falta de vontade expresada polo propio Goberno de Pedro Sánchez e na frivolidade coa que o Goberno de España ten abordado o custe deste compromiso”. En concreto, lamentou que xa se produciron 20 aprazamentos nesta lexislatura ao trámite de emendas na tramitación da proposición de lei de transferencia da AP-9 no Congreso, que se incrementan ata 35 aprazamentos desde que Pedro Sánchez está na Moncloa.

“Non é que a Galicia se lle estea a negar a transferencia mentres se rescatan outras peaxes, como recentemente a AP-7 en Alacante, porque é máis: a Galicia estáselle negando mesmo o debate, o que supón unha falta de respecto a un acordo unánime do Parlamento galego que merece unha resposta igualmente unánime”, indicou.

Roberto Rodríguez demandou “un trato xusto e equitativo” ao Goberno de Pedro Sánchez, que tamén está a negar a información que lle foi remitida á Comisión Europea trala apertura dun expediente para analizar a situación da moratoria na concesión a Audasa, así como os termos do estudo realizado polo Goberno de España sobre o custo económico do rescate da concesión da AP-9 e que levaron a concluír que esa medida non é viable.

UN ANO Á ESPERA PARA SER RECIBIDOS

Por último, o portavoz popular criticou que o ministro de Transportes non atendera “ata en oito ocasións no último ano a solicitude para que recibira á conselleira de Infraestruturas, un encontro no que se lle trasladaría a solicitude para que se avalíe a oportunidade do rescate da autoestrada AP-9, toda vez que coa aprobación das últimas bonificacións, cuxo custo anual supera os 81 millóns de euros, se abre un novo escenario que invita ao Goberno central a reconsiderar o rescate desta autoestrada”.

“Hai tempo que a Xunta está a instar ao Goberno central a revisar os acordos con Audasa e adoptar medidas ante as evidencias dun excesivo enriquecemento da concesionaria, que segue incrementando os beneficios mentres sube as tarifas cada ano e a AP-9 e a AP-53 continúan entre as autoestradas máis caras de España”, sinalou Roberto Rodríguez.

O Grupo Popular salienta que a Xunta está a investir 43 millóns de euros na modernización das oficinas rurais para ofrecer un servizo máis eficiente

A deputada do Grupo Popular Nicole Grueira salientou hoxe que a Xunta está a investir 43 millóns de euros nun plan para modernizar as oficinas rurais e ofrecer un servizo máis eficiente á cidadanía. Así mesmo, afirmou que o Goberno galego traballa nun novo decreto que regulará o rexistro do persoal funcionario público habilitado, que permitirá prestar asistencia ás persoas que necesiten axuda para usar os medios electrónicos.

Nicole Grueira destacou que a Xunta “está investindo máis ca nunca nas oficinas agrarias galegas para mellorar os servizos que prestan, adaptalas ás novas necesidades e facilitar a tramitación de todos procesos que xestionan”. Na actualidade, a rede de oficinas rurais conta con 69 oficinas, organizadas en 15 áreas comarcais, nas que traballan máis de 450 profesionais entre veterinarios, técnicos agrarios e administrativos.

OFICINAS DE REXISTRO AUXILIARES

“As oficinas rurais seguen funcionando como oficinas de rexistro auxiliares e de atención á cidadanía, onde calquera persoa pode acudir a facer xestións de forma presencial”, indicou a deputada popular, quen lembrou que a Consellería do Medio Rural habilitou ordenadores públicos na maioría das oficinas, de xeito que calquera persoa pode facer trámites por vía electrónica, contando sempre coa asistencia do persoal funcionario.

Na súa intervención, Nicole Grueira insistiu na necesidade de que o Goberno central exerza as súas competencias en materia de competitividade para garantir o acceso a internet no rural galego. “Non só é a única autoridade con competencia en todo o relativo a conexións a internet, senón que ademais conta con fondos para exercelas”, manifestou referíndose ao Programa UNICO que pon a disposición do Ministerio un financiamento de máis de 4.300 millóns de euros para universalizar as infraestruturas dixitais e a cohesión territorial.