O PPdeG reivindica o legado de Alfredo Brañas como motivación para “seguir traballando por Galicia coa unidade e o respecto que guiaron a nosa Historia”

O Partido Popular de Galicia reivindica o legado e o exemplo de Alfredo Brañas como motivación para “seguir traballando polo benestar e o futuro de Galicia, coa unidade e o respecto que nos guiaron ao longo da nosa Historia” e “sen máis obediencias que a que lle debemos aos galegos e galegas”.

Así o manifestou esta tarde a secretaria xeral do partido, Paula Prado, na súa intervención no acto organizado pola Fundación Alfredo Brañas en Carballo co gallo do 125º cabodano do escritor. Un acto no que tamén interviñeron María Baleato, coordinadora de Cultura do PPdeG, Jorge Cubela, membro do padroado da fundación e alcalde de Cerdedo-Cotobade, e Rubén Lorenzo, líder local do partido, e que contou coa participación do alumnado do IES Alfredo Brañas e de dous regueifeiros.

A número dous dos populares galegos definiu ao escritor como “un galego comprometido coa súa terra cuxo compromiso con Galicia nunca concibiu como algo exclusivo e excluínte, senón como unha tarefa colectiva que nos obriga a todos” e asegurou que Brañas “entendeu mellor que ninguén a necesidade de que Galicia tivera voz propia”.

“Desde o PPdeG seguiremos traballando para que a voz de Galicia sexa escoitada no resto de España fronte a un centralismo que busca diluíla e neutralizala e fronte a un independentismo que pretende encerrala dentro dos límites da comunidade autónoma”, remarcou.

Para Paula Prado é máis necesario que nunca reivindicar a pegada de Alfredo Brañas na lingua galega nuns momentos nos que “mentres algúns queremos facer avanzar Galicia, outros seguen instalados en entorpecer facendo un ruído que o único que fai é prexudicar aos galegos e ao prestixio da nosa lingua e cultura”.

UN CARBALLÉS INSIGNE NO CULTURAL E NO INTELECTUAL

Pola súa banda, o líder do PP en Carballo, Rubén Lorenzo, quixo manifestar a súa satisfacción polo feito de que a fundación escollera a súa vila para celebrar “a un dos carballeses máis insignes para a nosa herdanza cultural e intelectual”.

Diante da casa natal de Alfredo Brañas, o dirixente popular destacou que aquí foi “onde comezou todo” e amosou o seu orgullo polo feito de que un carballés da altura do escritor repouse no Panteón de Galegos Ilustres en Santiago de Compostela, onde mañá terá lugar unha misa e ofrenda floral na súa honra.

O PPdeG denuncia o “falso feminismo” do BNG e acusa a Pontón de “estar de acordo na utilización do sexismo e do machismo nas súas políticas”

O PPdeG denuncia o “falso feminismo” do BNG e acusa a Ana Pontón de “estar de acordo na utilización do sexismo e o machismo nas súas políticas” logo do acontecido esta semana coa “vergoñenta” viñeta difundida polo sindicato CIG sobre a responsable de Política Social do Goberno galego.

Na rolda de prensa que ofreceu esta mañá na sede autonómica dos populares galegos, a secretaria xeral do partido criticou que Ana Pontón “non se atreveu a corrixir ao seu sindicato e nin sequera censurou a viñeta” e respondeu ás “escusas” ofrecidas pola líder do BNG para non asumir a súa responsabilidade a este respecto.

“É unha broma a comparación que fixo co que se escoitou no Pleno de Parlamento, onde Ana Pontón inventa conflitos e saca o comodín do machismo cada vez que non lle gusta unha resposta. Do mesmo xeito que é unha broma que diga que o PPdeG non pode dar leccións de feminismo cando é incapaz de criticar estas barbaridades e cando apoiou a Lei do ‘só si é si’, que beneficiou a milleiros de agresores sexuais”, asegurou.

Nesta liña preguntouse “con que cara pode mirar o independentismo galego ás vítimas e acudir ás manifestacións do 8 de marzo” e manifestou que ten claro que “volverán poñer a careta” coa que “a esquerda radical pretende agochar casos como os de Xabier Ron, Monedero, Pablo Iglesias, Errejón e o candidato do BNG que estivo no cárcere por agredir sexualmente a unha nena de catro anos”.

DEIXAR TRANQUILA A LINGUA GALEGA

Paula Prado fixo referencia ao contido do documento aprobado recentemente polo Comité Central da UPG para lamentar que “as únicas propostas do BNG sobre a lingua sexan combater os discursos a prol do bilingüismo ou a liberdade de lingua, expulsar o castelán do ensino ou contribuír ás mobilizacións de plataformas afíns”.

“O BNG leva tanto tempo manipulando a lingua galega, poñendo por diante axitar a rúa e impoñer a súa ideoloxía, que xa ninguén cre que a súa defensa sexa real”, concluíu censurando o “dano” que o independentismo galego está facendo ao galego “coas súas manifestacións e mensaxes manipuladas”.

Un dano do que fai cómplice tamén a un PSOE que “en vez de axudar fai seguidismo e mesmo pon autobuses para acudir ás manifestacións financiados con cartos públicos” e polo que pide a ambos que “deixen tranquila a lingua galega”.

Paula Prado recordou que “Galicia non apoiou as propostas lingüísticas do BNG e do PSOE e segue sen apoialas a día de hoxe”. De aí que insista en que a oposición debe “parar de contar bólas sobre a nosa lingua aos galegos e galegas”.

UN 18-F DE GRANDES FITOS

En referencia ao acto organizado polo PPdeG o pasado sábado para conmemorar o primeiro aniversario da primeira maioría de Alfonso Rueda, a secretaria xeral do partido definiuno como “un gran éxito” que “reuniu a 2.500 persoas para dicir alto e claro que Galicia Goberna”.

“Chegamos a este aniversario cos obxectivos cumpridos, con dúas de cada tres medidas do programa en marcha, con humildade e con moitos retos por diante en servizos públicos, vivenda, investigación ou emprego”, sostivo apuntando a que seguirán traballando nesta liña e agardando contar cunha oposición “máis construtiva e con maior capacidade de autocrítica”.

Nesta liña ironizou con que o BNG e o PSOE, máis que un aniversario, o que conmemoraron foi “un cabodano”. Non en balde, desde o 18 de febreiro de 2024 ambos partidos “están enfadados con Galicia e cos galegos e curan os seus traumas indo a polo PP e axitando a rúa”.

Paula Prado reivindicou que o seu partido ten “moito máis que celebrar que unha Ana Pontón que é unha máquina de perder eleccións e non sabe apartarse, que un BNG que só sabe discutir e facer ruído, que un Gómez Besteiro que é un simple pero magnífico soldado de Sánchez, e que un PSOE que cos peores resultados da súa historia aínda se atreve a dar algunha lección”.

O Grupo Popular pide que o Goberno central actualice canto antes as entregas a conta

A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, demandou hoxe no Parlamento galego ao Goberno central que “aprobe canto antes a actualización das entregas a conta”. “Aprobación inmediata, si; pero sen chantaxe e sen ser moeda de troco para outros fins que en nada benefician a Galicia”, engadiu.

Cristina Sanz lembrou que “a actual situación de incerteza respecto ao importe que van a recibir as comunidades autónomas en concepto de entregas a conta este 2025 deriva exclusivamente da incapacidade do Goberno de Pedro Sánchez para aprobar uns orzamentos en prazo por segundo ano consecutivo”.

“O Goberno de España ten que actuar, porque a demora na actualización das entregas a conta provoca que as comunidades autónomas teñan que recorrer, para evitar tensións de tesourería, a pólizas de crédito”, indicou a viceportavoz popular. En concreto, dixo que a demora da actualización das entregas a conta o pasado ano supuxo para Galicia un custo de 10 millóns de euros en concepto de maiores xuros, e a estimación para este ano 2025 sitúase en máis de 15 millóns de euros.

REFORMA DO SISTEMA DE FINANCIAMENTO

Así mesmo, Cristina Sanz considerou “imprescindible que se acade canto antes unha reforma do sistema de financiamento autonómico, insuficiente e caducado desde o ano 2014” e reiterou que “a nosa prioridade é conseguir que sexa un sistema de financiamento suficiente en recursos e cun reparto equitativo dos mesmos”. “Galicia leva anos defendendo que o sistema de financiamento debe basearse nun modelo que cubra o custo real dos servizos públicos, sendo a dispersión e o avellentamento as variables que máis impacto teñen no custe dos mesmos”, apuntou.

Respecto da débeda, a viceportavoz popular afirmou que “o acordo asinado entre o PSOE e ERC supón mutualizar a débeda de Cataluña entre todas as restantes comunidades autónomas”. Así, explicou que “a débeda non desaparece ata que se paga, polo que a quita autonómica pasa a engrosar a débeda do Tesouro de España e, polo tanto, a alícuota de débeda de todos os españois medra con esta operación”.

“Os españois máis prexudicados serán os dos territorios menos endebedados, como Galicia, que en termos netos pasan a deber máis”, sinalou Cristina Sanz, quen concretou que, no caso de aplicarse, cada galego debería un 20 por cento menos de débeda autonómica, pero a súa alícuota de débeda española subiría en 1.366 euros. “Ceder ante os cataláns carga a cada galego cunha débeda adicional de 470 euros”, concluíu.

 

Deputados do Grupo Popular reúnense con responsables do Consello Galego de Veterinaria

Os deputados do Grupo Popular Jesús María Fernández Rosende, Miguel Viso, Juan Casares e Enrique Barreiro mantiveron un encontro co presidente e o secretario do Consello Galego de Veterinaria, Ricardo Vecilla e Luís Núñez, respectivamente, no que abordaron todos os problemas que neste momento afectan ao exercicio da profesión veterinaria e que, en consecuencia, poden afectar á saúde dos animais.

“Hai que evitar o maltrato animal tanto por acción como por omisión”, sinalou o deputado popular Fernández Rosende, porque afirmou que “maltrato é non poder proporcionar aos animais os tratamentos veterinarios adecuados debido ao encarecemento dos mesmos, logo da entrada en vigor da nova normativa europea e nacional”.

A modo de exemplo, na reunión abordouse o problema que presentan algúns principios activos de determinados medicamentos que, polo feito de ser específicos para veterinaria, se venden a un prezo moito máis elevado que os destinados a humanos.

Tanto os deputados populares como os representantes do Consello Galego de Veterinaria acordaron continuar con este tipo de reunións nas que continuar afondando nos aspectos problemáticos para este sector.