Os eurodeputados do PPdeG salientan a relevancia que tiveron o desenvolvemento industrial e a pesca na visita de Rueda a Bruxelas

Os eurodeputados do Partido Popular de Galicia, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, valoran moi positivamente a visita que fixo esta semana a Bruxelas o presidente galego, Alfonso Rueda, e salientan a relevancia que tiveron o desenvolvemento industrial e a pesca na súa axenda.

“Celebro moito que o desenvolvemento industrial e a pesca, tan importantes para a economía galega, ocupasen un lugar central na visita do presidente”, subliña Millán Mon, en referencia ás reunións coa vicepresidenta da Comisión Europea Teresa Ribera e co comisario de Pesca, Costas Kadis, tendo en conta que a industria “é importantísima” para Galicia e, doutra banda, a Comunidade “ostenta con orgullo o título de ser a primeira rexión pesqueira de Europa”.

Nunha valoración remitida aos medios sobre a viaxe de Alfonso Rueda, os eurodeputados galegos felicítano, en primeiro lugar, polo seu nomeamento como vicepresidente do Comité Europeo das Rexións e como coordinador da delegación española nese Comité. “Foi moi relevante a súa intervención no Comité das Rexións defendendo o papel das Comunidades Autónomas no deseño e a xestión dos fondos europeos”, di Millán Mon.

Na mesma liña, Adrián Vázquez destaca que “Rueda e a Xunta desembarcaron con moitísima forza en Bruxelas”, xa non só polos devanditos nomeamentos, senón porque, xunto aos conselleiros, “puido sacar peito do bo traballo que se fai en Galicia”.

“A min paréceme que non favorece aos intereses galegos un modelo de centralización similar ao dos Fondos Next Generation, que está a ter tantos problemas de eficiencia, de absorción e mesmo diría de distribución”, explica Francisco Millán Mon sobre as cuestións que tratou o presidente.

Nese sentido, o eurodeputado pontevedrés sinala que o futuro dos fondos europeos, como dixo o presidente galego, “pasa por incrementar a participación das comunidades autónomas e as entidades locais”.

“Fixo moi ben en pedir que eses fondos de cohesión e esa descentralización que é tan importante para países como España non só se manteña, senón que se incremente nos próximos anos”, apunta Vázquez.

En canto ás enerxías renovables, o eurodeputado lalinense insta a “seguir buscando esa sustentabilidade que tanto pediu a Unión Europea nos últimos anos e a deixar que o traballo técnico fundamente futuros proxectos industriais”.

O TRABALLO DE “DESMENTIR BULOS”

Por último, Adrián Vázquez lamenta que o PPdeG teña que “desmentir, constantemente, bulos que sobre todo infunde o BNG co único afán de danar os intereses de Galicia en Europa”. “É unha pena que teñamos que facer ese traballo en Bruxelas de desmentir as mentiras constantes que o único que fan é danar os nosos intereses como comunidade punteira”, agrega.

Sobre o PSdeG, para rematar, Vázquez advirte que “nin está nin se lle espera” e “a verdade, nin sequera se sabe o que fixeron estes días ademais de criticar”.