O Grupo Popular considera imprescindible mobilizar as vivendas baleiras para dar solución á oferta de alugueiro

A deputada do Grupo Popular María Deza considerou hoxe no Pleno “imprescindible mobilizar as vivendas baleiras para dar solución á oferta de vivendas en alugueiro”, polo que demandou que “todas as administracións remen, na esfera das súas competencias, a prol da mellora das condicións de desenvolvemento do solo, do aumento da oferta e da mobilización do parque existente”.

María Deza explicou que o Goberno galego “procura incrementar a oferta de vivenda existente non só coa creación de vivenda nova, con medidas que incentiven a xeración de solo finalista ou con incentivos que melloran as condicións de acceso á vivenda, senón tamén coa aposta pola rehabilitación do parque existente a través de programas como o Rexurbe”.

Na súa intervención, a deputada popular afirmou que os pequenos propietarios “non poñen as súas vivendas no mercado do alugueiro porque, en primeiro lugar, moitas requiren un importante investimento para acondicionalas e, tamén, porque teñen medo a non cobrar, ás okupacións, a que lles esnaquicen as súas propiedades ou a que os cambios continuos de prezos e duración de contratos os deixen en situación de indefensión”.

POLÍTICA ERRÁTICA DO GOBERNO CENTRAL

“Medos todos eles derivados da política errática levada a cabo polo Goberno de España nos últimos anos e que causa unha grande inseguridade xurídica a moitos propietarios de vivendas, que prefiren mantelas baleiras”, sinalou.

Neste sentido, María Deza destacou as actuacións postas en marcha pola Xunta para impulsar o incremento de vivendas baleiras en alugueiro, como o programa de vivendas vivas ou o programa de mobilización de vivendas para alugamento, así como medidas fiscais orientadas a estimular a posta de ben inmobles no mercado do alugueiro.

O Grupo Popular amosa a disposición a aumentar o persoal de saúde mental e acadar a media estatal sempre que existan profesionais dispoñibles

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, amosou hoxe no Pleno a disposición da Xunta a aumentar os recursos humanos na área de saúde mental no sistema público de Galicia, ata acadar a finais de 2026 a media de profesionais de España, “sempre que existan profesionais dispoñibles para súa contratación”.

Encarna Amigo salientou que “Galicia está facendo un esforzo sostido por reforzar a atención á saúde mental, tanto no eido administrativo, coa creación dunha subdirección específica de Atención á Saúde Mental na Consellería de Sanidade, como no incremento de recursos e profesionais para a atención aos pacientes”.

En concreto, referiuse á creación de 244 novas prazas, das que xa están cubertas máis do 90 por cento, o que permite que a media diaria de profesionais da saúde mental en Galicia sexa hoxe de 557, case o dobre das que había en 2009. “Ademais, pasamos dos 7,4 psiquiatras por cada 100.000 habitantes no 2019 a 8,6 na actualidade”, apuntou.

Dentro do ámbito da formación, incrementáronse un 38,46 por cento as prazas para profesionais de psiquiatría, dobráronse as prazas para psicoloxía clínica e multiplicouse por 10 a oferta de prazas formativas para enfermería especialista en saúde mental.

“Fomos pioneiros co desenvolvemento dun Plan de Saúde Mental 2020-2024, que supuxo a creación de novas unidades de saúde mental, a unidade de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil do Álvaro Cunqueiro, os hospitais de día infanto-xuvenís en todas as áreas sanitarias ou as novas unidades de psicoxeriatría e primeiros episodios psicóticos de A Coruña”, subliñou.

O Grupo Popular asegura que “o noso modelo lingüístico non é a imposición, senón que os que xa coñecen o galego o utilicen con máis frecuencia e se sintan orgullosos da nosa lingua”

O portavoz de Lingua do Grupo Popular, José Luís Ferro, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “o noso modelo lingüístico non é a imposición senón conseguir que a maioría dos galegos que xa coñecen a nosa lingua un paso máis e comecen a utilizala con máis frecuencia e a sentirse orgullosos dela”. “Neste proxecto cabemos e caben todos, chámense como se chamen, naceran onde naceran e falen a lingua que falen, porque temos as portas abertas coa única condición de que respecten aos que se chamen de forma distinta, pensen distinto ou se sintan distintos, pero que estean dispostos a colaborar neste proxecto de igualdade e liberdade”, apuntou.

José Luís Ferro manifestou que “a nosa lingua non é, nin debe ser, algo que entre no debate partidista, senón un ben común que nos une e singulariza que todos debemos defender usando con absoluto coñecemento e normalidade, sen excluír para nada o manexo conveniente doutras linguas”.

TEMPOS PASADOS

Na súa intervención, lembrou que “durante séculos o galego foi violentado no máis íntimo do pobo, transmitindo o sentimento absurdo de que a nosa fala era cousa de xentes de segunda”, pero subliñou que “eses tempos xa pasaron e déronse nun contexto histórico que non se pode xulgar cos ollos da actualidade, porque se así se fixera sería cometer un erro tan grande como querer circunscribir a grandes figuras de Galicia, como Castelao, Curros ou Rosalía, nunha determinada ideoloxía actual”.

O portavoz popular recordou que a Xunta “impulsou un escenario de diálogo constituíndo grupos sectoriais para renovar o Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004, composto por máis de 100 profesionais comprometidos coa nosa fala e poñendo un prazo de 15 meses para rematar os traballos, ao tempo que xa se anunciou unha senda de crecemento orzamentario para seguir impulsando políticas en beneficio da nosa lingua”.

“Mentres vostedes viven nun nacionalismo desintegrador e excluínte, nós estamos nun galeguismo dual, ou de dobre nacionalidade, integrador e incluínte”, manifestou Ferro dirixíndose aos deputados do BNG, para continuar asegurando que “a nosa bancada é galeguista porque nos identificamos coa comunidade na que nacemos, identificámonos coas nosas tradicións, patrimonio cultural e, sobre todo, coa nosa lingua, orgullosos de ser galegos pero sen excluír a ninguén”.

O PPdeG salienta que o modelo de coxestión do marisqueo entre Xunta e o sector é avalado e posto como modelo pola Comisión Europea

O portavoz do Mar do Grupo Popular, Miguel Figaldo, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o modelo de coxestión do marisqueo entre Xunta e o sector “está sendo avalado e posto como modelo pola propia Comisión Europea”. Neste sentido, lembrou que “o mariscador quere vivir do seu traballo e non das axudas, polo que a prioridade é recuperar a produtividade dos bancos marisqueiros, que é o que está a facer o Goberno galego”.

Miguel Fidalgo afirmou que o marisqueo “é un sector estratéxico pola súa relevancia socioeconómica e medioambiental, ao contar con máis de 3.600 permisos de explotación, case 2.500 embarcacións na modalidade de marisqueo a flote e 700 permisos con algunha modalidade de recursos específicos”. Ademais, destacou que “é unha actividade na que participan máis de 70 entidades asociativas que, no último exercicio, alcanzou unha produción superior ás 5.100 toneladas, cun valor de 62,6 millóns de euros”.

SITUACIÓN COMPLEXA

Na súa intervención, o portavoz popular recoñeceu que o sector marisqueiro galego “está a vivir unha situación complexa”, pero avogou por “fuxir da demagoxia á que acostuman os grupos da oposición, porque a Xunta está a afrontar as dificultades conxuntamente co sector”.

“Somos a única rexión que ten un sistema real de cogobernanza a través dos 92 plans de xestión elaborados polo propio sector, que se aproban cada tres anos e se ocupan tanto da explotación dos recursos como da organización dos traballos non extractivos, como son as labores de conservación das condicións das poboacións explotadas”, indicou.

Ademais, Miguel Fidalgo lembrou que a Xunta xa publicou, desde outubro de 2023 ata a actualidade, 13 ordes de axudas relacionadas directamente co marisqueo no marco do Plan de Competitividade e Sostibilidade, que superan os 50 millóns de euros, ás que hai que engadir outras actuacións destinadas á mellora do marisqueo e dirixidas a axudas tanto a confrarías como á xestión da biodiversidade ou actividades marisqueiras.

O PPdeG denuncia o “agravio comparativo” que supón que o Congreso debata todas as solicitudes dos socios de Sánchez mentres a transferencia da AP-9 a Galicia acumula xa 36 adiamentos

Os deputados do PPdeG no Congreso denuncian o “agravio comparativo” que supón o feito de que a Cámara Baixa admita a trámite todas as iniciativas que rexistran os socios de Pedro Sánchez mentres, ao mesmo tempo, siga bloqueando o debate sobre a transferencia da AP-9 a Galicia.

Fano logo de que hoxe mesmo a Mesa do Congreso dos Deputados, dominada polo PSOE e Sumar, acordase a 36ª prórroga no prazo de presentación de emendas á proposición de lei orgánica relativa a esta cuestión desde que Pedro Sánchez asumise a Presidencia do Goberno de España.

“É absolutamente inexplicable e inxustificable que non se faga caso a esta demanda aprobada pola unanimidade do Parlamento de Galicia e siga bloqueándose a súa tramitación parlamentaria”, denuncia o deputado galego e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado.

O parlamentario popular pon o foco en que, mentres o Goberno de Sánchez segue afondando na súa aldraxe a Galicia, o Congreso si debate iniciativas a petición do resto de grupos e especialmente aquelas relativas derivadas dos partidos separatistas e do resto de socios de Pedro Sánchez.

“Non nos explicamos como o BNG pode seguir apoiando ao Goberno de Sánchez e subscribindo moitas destas iniciativas cando é a costa de seguir maltratando a Galicia”, lamentan desde o PPdeG.

O Grupo Popular reitera a súa aposta polo modelo da Unidade de Policía Adscrita a Galicia e agarda que frutifiquen as conversas para cubrir as vacantes

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, reiterou hoxe no Pleno do Parlamento galego que no PPdeG “apostamos polo modelo da unidade de Policía Adscrita” e agardou que “as conversas que se están mantendo ao máis alto nivel frutifiquen nun acordo favorable para Galicia e se cubran as vacantes existentes na actualidade”. “Para nós, o autogoberno non é botar ás forzas e corpos de seguridade do Estado”, manifestou a viceportavoz popular, quen anotou que “se asumir as competencias de tráfico e seguridade viaria supón renunciar á presenza da Policía Nacional e da Garda Civil en Galicia preferimos non ter esas competencias”.

Paula Prado subliñou que o PPdeG “sempre amosou unha actitude sensata pero comprometida no que se refire a reforzar o noso autogoberno, pero sempre desde a lealdade e o respecto ás forzas e corpos de seguridade do Estado”.

“Nós sempre estivemos de acordo con que Galicia asumira o desempeño das competencias de tráfico e, máis concretamente, as actuacións referidas á planificación, ordenación, xestión e vixilancia do tráfico, así como as denuncias sobre infraccións nesta materia”, lembrou a viceportavoz popular, pero amosou o seu rexeitamento á proposición de Lei do BNG debatida hoxe no Pleno porque “non quere as competencias para mellorar a seguridade dos galegos e galegas, senón avanzar cara o obxectivo que sempre tiveron: botar á Policía Nacional e á Garda Civil fóra de Galicia”.

NUNCA CEDEREMOS A CHANTAXES

Neste sentido, asegurou que, “mentres goberne o Partido Popular, a Policía Nacional e a Garda Civil seguirán en Galicia prestando os seus servizos, e nunca cederemos ás chantaxes do independentismo nin nunca empregaremos ás forzas e corpos de seguridade do Estado como moeda de cambio para obter beneficios políticos ou simplemente para seguir no poder”.

A viceportavoz popular explicou que o BNG “xa puxo sobre a mesa hai unhas semanas a través dun documento da UPG cales son as súas verdadeiras intencións: lanzar iniciativas encamiñadas á independencia de Galicia, entre elas a creación dunha Policía galega”. “Esta proposta leva anos no ADN dos nacionalistas galegos e nas pasadas eleccións autonómicas a plasmaron no seu programa electoral, que tentaron afastar o máximo posible da vista dos galegos: aparte de propoñer a expulsión do castelán das aulas, detallaban paso a paso o seu plan para expulsar tamén á Policía Nacional e á Garda Civil de Galicia, como fixeron os seus camaradas de Bildu en Navarra”, concretou.

Para rematar, Paula Prado afirmou que o BNG “son irrelevantes, porque o seu apoio incondicional a Pedro Sánchez é a cambio de nada” e cuestionou “onde quedou aquelo de asegurar a Galicia o mesmo estatus que a Cataluña ou o País Vasco”, citando en contrato os 156 axentes que se necesitan para completar a Unidade de Policía Adscrita a Galicia ou os cinco xulgados de violencia de xénero comprometidos.