O Parlamento solicita ao Goberno central que recupere a vía formativa como unha posibilidade de arraigo para a formación de estranxeiros

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España que recupere a vía formativa das microcredenciais como unha posibilidade do arraigo para a formación dos estranxeiros en España. A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez, considerou “paradóxico que, a pesar da evidente oportunidade deste programa para paliar a escaseza de man de obra e facilitar a integración das persoas migrantes que chegan con ganas de traballar, o Goberno de Pedro Sánchez decida de forma unilateral facer desaparecer esta figura”.

Noelia Pérez lembrou que o Goberno de España aprobou no ano 2022 a figura do arraigo para a formación, abrindo un abano de posibilidades e recoñecendo a potencialidade das microformacións e microcredenciais como ferramenta de integración. “Este modelo amosouse especialmente útil en sectores onde a demanda de man de obra é elevada e onde as empresas precisan traballadores que posúan unha capacidade concreta e actualizada, ofrecendo a posibilidade de que persoas en situación irregular regularicen a súa situación mediante un compromiso efectivo de formación”, indicou.

FUNCIONABA E DABA RESULTADOS

Porén, a portavoz popular lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez, a través do Real Decreto 1155/2024 que actualiza o Regulamento sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España, eliminou expresamente a opción das microcredenciais para o arraigo formativo, “sen consultar nin escoitar ás comunidades autónomas, que son as que realmente teñen as competencias en políticas activas de emprego”.

“Reclamamos algo que estaba funcionando e dando resultados positivos en Galicia, polo que consideramos que o Goberno de España ten que reconsiderar recuperar a vía formativa das microcredenciais e atender outras alegacións presentadas pola Xunta”, sinalou Noelia Pérez.

En concreto, a portavoz popular demandou incorporar no articulado do regulamento unha mención explícita as microcredenciais e recoñecelas como certificacións de competencias específicas e de curta duración, permitindo acreditar a formación necesaria para a integración no mercado laboral. Así mesmo, solicita eliminar ou modificar expresións que condicionen a formación unicamente a modalidades tradicionais; incorporar criterios que recoñezan a proporcionalidade na duración e na cantidade de horas, adaptándose á realidade dos contratos fixos discontinuos e ás condicións laborais de colectivos vulnerables; e incluír a opción de matriculación e desenvolvemento de microformacións en modalidades semipresenciais ou presenciais, garantindo un mínimo do 50 por cento de actividades presenciais, de acordo coas necesidades da formación.

O Parlamento de Galicia pide a inclusión do videoxogo no sistema cultural galego

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta ao desenvolvemento de accións que permitan a inclusión do videoxogo no sistema cultural galego. “É o mellor momento para que o Goberno galego desenvolva as accións pertinentes para a plena inclusión deste sector no sistema cultural galego, promovendo a difusión e o impulso que merece, porque a través do videoxogo tamén se pode expresar a forma de ser dunha cultura e dun pobo”, manifestou a portavoz popular de Cultura, Carmen Pomar.

Na súa intervención, Pomar sinalou que “os videoxogos están considerados como cultura, son reflexo da sociedade e non podemos entender a cultura do século XXI sen eles, algúns inspirados en fitos ou movementos culturais para as súas narrativas e outros teñen como obxecto transmitir a cultura e dar a coñecela a través das súas historias”.

“A industria dos videoxogos vén de se converter nunha das industrias culturais líderes e con perspectiva de crecemento por enriba doutras, cunha boa calidade de deseños e de contidos que poden converterse en experiencias totais desde o punto de vista de consumo, pero tamén da creación artística”, sinalou a portavoz popular.

ACCIÓNS REALIZADAS

Carmen Pomar lembrou que a Xunta xa asinou en 2022 un convenio de colaboración coa Asociación Galega do Videoxogo, mediante o que esta entidade se encargou da xestión do polo de aceleración deste sector, que o Goberno galego puxo en marcha cunha dotación de 360.000 euros ao abeiro do hub audiovisual da industria cultural.

Ademais, o Goberno galego aprobou hai poucos meses unha liña de axudas para o sector dos videoxogos, dotada con 150.000 euros e que busca promover a xeración de contidos galegos e en galego, así como a profesionalización, a creación de emprego e a incorporación de mulleres aos equipos que traballan neste ámbito.

Para rematar, a portavoz popular referiuse á recente integración do Museo do Videoxogo de Cangas no Sistema Galego de centros museísticos, motivada polo feito de ser a primeira instalación relacionada co mundo do videoxogo de Galicia e das poucas existentes en España.

“Estamos a falar dunha forma de expresión artística e cultural e como unha ferramenta educativa, máis alá da súa dimensión lúdica”, subliñou Carmen Pomar, quen destacou que no Museo do Videoxogo “está representado todo o que supuxo, supón e suporá este sector para a cultura contemporánea”.

O Parlamento galego insta á Xunta, en colaboración coa Fegamp, a promover a aplicación do protocolo contra as violencias sexuais e LGTBI-fóbicas nos espazos de lecer nocturno

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do BNG, a través da que se insta á Xunta a que, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), promova a aplicación do protocolo contra as violencias sexuais e LGTBI-fóbicas nos espazos de lecer nocturno de todos os concellos de Galicia nos que se empracen este tipo de establecementos, así como en eventos e espazos festivos. Así mesmo, e logo dunha transacción co Grupo socialista, pídese o desenvolvemento de accións de información, prevención e sensibilización en materia de violencia sexual e trata con fins de explotación sexual.

A portavoz popular de Política Social, Raquel Arias, explicou que esta iniciativa “enmárcase no contexto das políticas que está a levar a cabo a Xunta para a promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero”. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego aprobou o pasado 11 de xaneiro o protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGBTI-fóbicas nos espazos de lecer nocturno, “co obxectivo de tolerancia cero ante calquera tipo de violencia e busca previr, detectar e saber como actuar ante calquera caso que aconteza”.

OCIO NOCTURNO SEGURO E LIBRE DE VIOLENCIAS

“Queremos facer de Galicia un lugar seguro e contar con todas as ferramentas posibles para loitar contra a violencia”, indicou Raquel Arias, quen concretou que “búscase xerar un modelo de ocio nocturno seguro e libre de violencias”.

O protocolo promove que os establecementos desenvolvan iniciativas propias de prevención e sensibilización, comprometéndose a non contar con publicidade ou criterios de acceso ao local discriminatorios e sexistas. En canto á detección, bríndase aos profesionais pautas para recoñecer manifestacións violentas, ben relacionadas coa presenza de imaxes ofensivas no recinto ou coa linguaxe sexista ou de contacto físico ou intimidatorio.

En caso de ter que actuar, o protocolo ofrece pautas comúns para seguir por parte dos profesionais, que centran a atención na vítima ante unha situación potencialmente perigosa.

O PPdeG rexeita a condonación da débeda proposta polo Goberno de Sánchez: “Galicia non pode ser comparsa do Entroido do independentismo catalán”

O PPdeG amosa o seu rexeitamento á condonación da débeda ás comunidades autónomas proposta polo Goberno de Sánchez subliñando que “Galicia non pode ser comparsa do Entroido do independentismo catalán e no que o PSOE galego e o BNG están encantados de participar”.

A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, denunciou hoxe a este respecto que “para o Goberno central só existen o independentismo catalán e vasco e o resto, Galicia incluída, non lle importamos nada” e que “é obvio que o último que lles interesa é condonar a débeda ou facer algo bo polas comunidades autónomas”.

“Todo responde a unha estratexia maquiavélica de Pedro Sánchez e do PSOE”, asegurou manifestando a “vergoña” que lle produciu que ao longo desta semana o independentismo catalán “exercese de portavoz de Sánchez comunicando ás comunidades autónomas os recursos cos que contarán nos vindeiros anos”.

Para a número dous do PPdeG o que se demostrou no Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado onte é que do que se está a falar é de “condenar” máis que de condonar, xa que “a pesar do que afirma o Goberno central, non se vai condonar nin un só euro, senón que se vai trasladar a débeda e mutualizala entre todos os españois con independencia da xestión de cada goberno autonómico”.

Trátase, na súa opinión, dun “negocio que a Galicia non lle convén e co que o Goberno central pretende seguir financiando o Entroido independentista”. De aí que insistise na reclamación dunha “mellora do financiamento que necesitamos para poder cubrir todas as necesidades que existen en Galicia e ás que temos dereito.

NON ESTAMOS FALANDO DE CONDONAR, SENÓN DE CONDENAR

Paula Prado asegura que “quen diga que con isto gañamos algo, ou non sabe facer contas ou, directamente, non está a contar a verdade” e referiuse especificamente aos líderes do PSOE galego e do BNG, Xosé Ramón Gómez Besteiro e Ana Pontón, logo do acontecido onte no Pleno do Parlamento de Galicia.

“É decepcionante que aqueles que din defender os intereses dos galegos estean a participar nunha comparsa que ten moi pouco que ver co que interesa a Galicia”, afirmou engadindo que o que estes están defendendo é “que Galicia teña que cargar con 600 millóns de débeda de todas as comunidades a cambio de aforrarse os 42 millóns en xuros que nos corresponden”. E a este respecto concluíu que “a débeda non desaparece”, senón que “será asumida entre todos os españois e suporá que cada galego deba pagar 220 euros máis”.

O FALSO FEMINISMO DA ESQUERDA

A secretaria xeral do PPdeG tamén comparou a “covardía” do BNG co Goberno de Sánchez coa demostrada por Ana Pontón ante a súa incapacidade para enfrontarse ao seu sindicato: “Con que cara se vai atrever a ir á manifestación do 8-M despois de calar ante un cartel sexista e machista contra unha conselleira?”

Considera unha “vergoña” que a líder do independentismo galego “non fose quen de deixar a súa soberbia a un lado e pedir desculpas por non rectificar ao seu sindicato” e, ademais, “leve un mes sen dar explicacións sobre a presenza dun condenado por abusos sexuais a unha menor nas listas do BNG nas municipais”.

“As galegas xa deixaron de crer na defensa das mulleres do BNG, de Ana Pontón e de toda a esquerda”, sentenciou sacando a colación a rebaixa da pena de prisión a outros dous dos condenados de ‘La Manada’ coñecida hoxe e en aplicación da Lei do ‘só si é si’ que “foi aprobada polo PSOE, Podemos e Sumar co apoio do BNG”.

Por todo isto, e á viste dos casos coñecidos recentemente na órbita destes partidos, Paula Prado conclúa: “A esquerda non ten que redefinir a súa estratexia feminista. O que ten que facer é un curso de deconstrución da súa masculinidade”.

O Parlamento galego pide incrementar a oferta de prazas a distancia do máster de profesorado que oferta a UNED e as universidades galegas

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a reforzar os lazos de colaboración coa UNED para incrementar a oferta de prazas a distancia do máster de profesorado que, actualmente, oferta esta institución en Galicia, así como promover que as universidades públicas galegas incrementen a súa oferta neste ámbito formativo.

O viceportavoz popular, Julio García Comesaña, explicou que “a demanda de másteres a distancia experimentou nos últimos anos un crecemento significativo, converténdose nunha opción cada vez máis solicitada polo alumnado”. “Este aumento viu motivado polas vantaxes que este formato ofrece en termos de conciliación da vida laboral e familiar, así como polo avance da dixitalización, que permite un acceso máis amplo e descentralizado á formación superior”, apuntou.

“Precisamente por este incremento da demanda en modalidade en liña, a oferta de opcións a distancia por parte das universidades públicas non sempre é suficiente, o que obriga a moitas e moitos estudantes a adiar a súa formación ou buscar alternativas privadas”, sinalou García Comesaña.

FORMACIÓN HABILITANTE

En concreto, esta situación resulta especialmente paradigmática no caso do máster de profesorado, unha formación que é habilitante para os futuros profesores de educación secundaria e bacharelato, formación profesional e ensinanzas de idiomas, e un requisito imprescindible para o ingreso neste corpo profesional.

Na actualidade, Galicia conta con 825 prazas para o máster de profesorado entre as universidades públicas galegas e a UNED: 740 prazas repartidas entre as universidades de A Coruña, Santiago e Vigo; e 85 prazas na UNED.

“Diante desta situación, as universidades públicas e a UNED deben reforzar a oferta do máster de profesorado, especialmente na modalidade en liña, que é a máis demandada, xa que moitas persoas compatibilizan estes estudos con outras actividades”, demandou o viceportavoz popular, quen lembrou que o conselleiro de Educación xa iniciou contactos co reitor da UNED para trasladar unha proposta de aumento de prazas para Galicia.