O Parlamento galego reitera a demanda ao Goberno de España para que culmine o proceso de transferencia a Galicia da titularidade da AP-9

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que impulse todas as iniciativas políticas e executivas que sexan precisas para culminar o proceso de transferencia a Galicia da titularidade e competencias sobre a AP-9, de conformidade coa proposición non de Lei aprobada polo Parlamento galego e que se tramita ante o Congreso dos Deputados. Así mesmo, pídese que, con carácter inmediato e con independencia do proceso anterior, se implante a gratuidade das peaxes nas autoestradas AP-9 e AP-53, as máis caras de España, en cumprimento do compromiso adquirido polas formacións políticas que sustentan o Goberno de Pedro Sánchez nas últimas eleccións autonómicas.

O portavoz popular de Infraestruturas, Roberto Rodríguez, lembrou a proposición de lei aprobada por unanimidade do Parlamento galego a través da que se solicita a transferencia a Galicia da competencia sobre a xestión da AP-9, asumindo o Goberno central as repercusións económicas e financeiras dos convenos en vigor, das actuacións en infraestruturas xa comprometidas e as necesarias no futuro que non sexan responsabilidade da Xunta.

DESCONFIANZA

Porén, Roberto Rodríguez sinalou que “existe unha desconfianza sobre que esta transferencia sexa unha realidade a curto prazo baseada na falta de vontade expresada polo propio Goberno de Pedro Sánchez e na frivolidade coa que o Goberno de España ten abordado o custe deste compromiso”. En concreto, lamentou que xa se produciron 20 aprazamentos nesta lexislatura ao trámite de emendas na tramitación da proposición de lei de transferencia da AP-9 no Congreso, que se incrementan ata 35 aprazamentos desde que Pedro Sánchez está na Moncloa.

“Non é que a Galicia se lle estea a negar a transferencia mentres se rescatan outras peaxes, como recentemente a AP-7 en Alacante, porque é máis: a Galicia estáselle negando mesmo o debate, o que supón unha falta de respecto a un acordo unánime do Parlamento galego que merece unha resposta igualmente unánime”, indicou.

Roberto Rodríguez demandou “un trato xusto e equitativo” ao Goberno de Pedro Sánchez, que tamén está a negar a información que lle foi remitida á Comisión Europea trala apertura dun expediente para analizar a situación da moratoria na concesión a Audasa, así como os termos do estudo realizado polo Goberno de España sobre o custo económico do rescate da concesión da AP-9 e que levaron a concluír que esa medida non é viable.

UN ANO Á ESPERA PARA SER RECIBIDOS

Por último, o portavoz popular criticou que o ministro de Transportes non atendera “ata en oito ocasións no último ano a solicitude para que recibira á conselleira de Infraestruturas, un encontro no que se lle trasladaría a solicitude para que se avalíe a oportunidade do rescate da autoestrada AP-9, toda vez que coa aprobación das últimas bonificacións, cuxo custo anual supera os 81 millóns de euros, se abre un novo escenario que invita ao Goberno central a reconsiderar o rescate desta autoestrada”.

“Hai tempo que a Xunta está a instar ao Goberno central a revisar os acordos con Audasa e adoptar medidas ante as evidencias dun excesivo enriquecemento da concesionaria, que segue incrementando os beneficios mentres sube as tarifas cada ano e a AP-9 e a AP-53 continúan entre as autoestradas máis caras de España”, sinalou Roberto Rodríguez.

O Grupo Popular salienta que a Xunta está a investir 43 millóns de euros na modernización das oficinas rurais para ofrecer un servizo máis eficiente

A deputada do Grupo Popular Nicole Grueira salientou hoxe que a Xunta está a investir 43 millóns de euros nun plan para modernizar as oficinas rurais e ofrecer un servizo máis eficiente á cidadanía. Así mesmo, afirmou que o Goberno galego traballa nun novo decreto que regulará o rexistro do persoal funcionario público habilitado, que permitirá prestar asistencia ás persoas que necesiten axuda para usar os medios electrónicos.

Nicole Grueira destacou que a Xunta “está investindo máis ca nunca nas oficinas agrarias galegas para mellorar os servizos que prestan, adaptalas ás novas necesidades e facilitar a tramitación de todos procesos que xestionan”. Na actualidade, a rede de oficinas rurais conta con 69 oficinas, organizadas en 15 áreas comarcais, nas que traballan máis de 450 profesionais entre veterinarios, técnicos agrarios e administrativos.

OFICINAS DE REXISTRO AUXILIARES

“As oficinas rurais seguen funcionando como oficinas de rexistro auxiliares e de atención á cidadanía, onde calquera persoa pode acudir a facer xestións de forma presencial”, indicou a deputada popular, quen lembrou que a Consellería do Medio Rural habilitou ordenadores públicos na maioría das oficinas, de xeito que calquera persoa pode facer trámites por vía electrónica, contando sempre coa asistencia do persoal funcionario.

Na súa intervención, Nicole Grueira insistiu na necesidade de que o Goberno central exerza as súas competencias en materia de competitividade para garantir o acceso a internet no rural galego. “Non só é a única autoridade con competencia en todo o relativo a conexións a internet, senón que ademais conta con fondos para exercelas”, manifestou referíndose ao Programa UNICO que pon a disposición do Ministerio un financiamento de máis de 4.300 millóns de euros para universalizar as infraestruturas dixitais e a cohesión territorial.

O Parlamento galego demanda ao Goberno central a contratación urxente do persoal e medios materiais necesarios para cubrir a atención aos mariñeiros que presta o Instituto Social da Mariña

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra dos deputados do PSdeG, unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno de España a contratación urxente do persoal necesario para cubrir as necesidades dos centros de atención dos mariñeiros existentes en Galicia de competencia do Instituto Social da Mariña (ISM), dotándoos ao mesmo tempo dos medios materiais e tecnolóxicos necesarios para axilizar os recoñecementos médicos. Así mesmo, mentres non se realizan estas melloras, solicítase establecer un plan de continxencia que permita atender inmediatamente as necesidades dos mariñeiros e impulsar convenios de colaboración con outras institucións sanitarias para garantir a súa cobertura médica.

A deputada popular Dolores Hermelo afirmou que “a falta de persoal no Instituto Social da Mariña está a crear un problema importante para os traballadores do mar, xa que a expedición dos recoñecementos médicos, sen os cales non poden embarcar, está a rexistrar importantes atrasos, poñendo en risco a saúde dos traballadores do mar e o funcionamento das frotas”.

ENVELLECEMENTO DO PERSOAL

Dolores Hermelo explicou que “o envellecemento do persoal que traballa neste sector, tendo en conta que ata os 50 anos as revisións sanitarias son bianuais pero a partir desa idade é anual, pon de manifesto a necesidade de máis facultativos, que tamén son os encargados de revisar os botiquíns das embarcacións e impartir os cursos de formación sanitaria”.

“Na actualidade xa temos direccións do Instituto Social da Mariña sen facultativo e sen enfermería, mentres outras resisten baixo mínimos, o que deriva en que os traballadores do mar están sen garantías sanitarias, tanto preventivas como de revisións e control”, indicou.

Diante desta situación, a deputada popular alertou que os mariñeiros “recorren a médicos ou farmacéuticos de pago para a revisión dos botiquíns ou para conseguir formación profesional”, o que se traduce tamén en que “os barcos non atopan mariñeiros e cando os teñen non hai médicos para tramitar os certificados médicos e poder enrolarse”.

Pepa Pardo vuelve a exigir la dimisión del Fiscal General del Estado por considerarle una “auténtica anormalidad democrática”

La portavoz de Justicia del Grupo Popular en el Senado, la gallega Pepa Pardo, vuelve a exigir la dimisión del Fiscal General del Estado por considerarle una “auténtica anormalidad democrática: “Por higiene democrática y respeto a la institución que representa, váyase”.

Durante la comparecencia del Fiscal General en la Comisión de Justicia del Senado, Pepa Pardo le acusa de “seguir aferrado a su cargo, dinamitando la Fiscalía y el Estado de derecho”, a pesar de que “cada semana, cada día, cada hora le sacude un nuevo escándalo”.

“¿Por qué no dimite? ¿Quién le ha dado la orden de aferrarse al cargo? ¿El número Uno? ¿A quién quiere proteger? ¿Es democrático que quien debe perseguir delitos esté imputado o que el tribunal aprecie una ‘dinámica delictiva’?”, interroga la senadora pontevedresa a Álvaro García Ortiz.

Afirma que el Fiscal General “está al servicio de Pedro Sánchez, es el protector del número Uno”, al tiempo que le dice que “cada vez está más acorralado y más aferrado a su cargo”.

Además, Pepa Pardo acusa al Fiscal de actuar “al más puro estilo de un vulgar delincuente por borrar las pruebas de un presunto delito”, en referencia al borrado de los mensajes de su móvil y los correos de su cuenta privada de Gmail.

“Usted no puede seguir ni un minuto más en su cargo porque es un verdadero esperpento que un FGE borre las pruebas de un presunto delito”, le dice, tras lo que le recuerda “el frenesí telefónico que vivió antes de la filtración de los datos privados de un ciudadano particular, prueba de que existía una operación contra una rival política”.

COMPORTAMIENTO PROPIO DE DELINCUENTES

La portavoz de Justicia del GPP también se refiere a su declaración ante el magistrado del Tribunal Supremo el pasado 29 de enero y critica que se negará a responder a las preguntas del magistrado instructor. “Un comportamiento propio de delincuentes e impropio de quien ostenta su cargo”, reprende a García Ortiz.

“Eso lo puede hacer usted, Álvaro García Ortiz, pero no el Fiscal General del Estado porque entre sus funciones está velar por la independencia judicial, aunque parece que lo ha olvidado”, apostilla.

Por otra parte, Pepa Pardo utiliza calificativos como “vergüenza, obscenidad, incidencia e inmoralidad” al describir la actuación del Fiscal General al frente de la Institución: “Primer FGE considerado inidóneo por el CGPJ, acusado de desviación de poder por el Tribunal Supremo por su política de nombramientos y promover a Dolores Delgado a la máxima categoría de la carrera fiscal”.

Así mismo, recrimina a García Ortiz por “no reconocer la legitimidad del magistrado del Tribunal Supremo; callar antes las acusaciones de lawfare a sus compañeros; por erigirse en abogado defensor de Pedro Sánchez en lugar de los intereses generales; por dictar circulares en contra del criterio de la mayoría de los fiscales por su servilismo al Gobierno sanchista; y por impulsar una circular apoyando la ley del sólo sí es sí en contra del criterio mayoritario de los fiscales”.

La senadora del PP también le reprocha no haber hecho nada por “esclarecer los más de 300 asesinatos sin resolver de ETA”, así como pedir el archivo de la investigación por el secuestro y asesinato de Miguel Ángel Blanco y dar “carpetazo” a la investigación contra Otegui.

“Usted representa la historia negra de la Fiscalía y su gestión se resume en dos palabras: servilismo e imputación”, subraya Pepa Pardo, tras lo que concluye su intervención reiterando que “por higiene democrática y respeto a la institución que representa, váyase señor García Ortiz”.

O Parlamento de Galicia pide á Comisión Europea a exclusión do atún do acordo de libre comercio con Tailandia e do proceso de liberalización arancelaria

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra dos deputados socialistas, a través da que se demanda ao Goberno de España que defenda ante a Comisión Europea a exclusión total do atún do Acordo de Libre Comercio con Tailandia e, por tanto, do proceso de liberalización arancelaria, así como o establecemento de normas sólidas e equitativas que garantan a igualdade de condicións entre Tailandia e a Unión Europea que evite a competencia desleal en todos os produtos pesqueiros.

O portavoz popular do Mar, Miguel Fidalgo, explicou que a Unión Europea e Tailandia están ultimando as negociacións para a sinatura dun acordo de libre comercio, que podería pecharse a mediados do presente ano 2025. O obxectivo deste acordo é impulsar o comercio e o investimento, así como a eliminación de obstáculos ao comercio dixital e ao comercio de enerxía e materias primas, apoiando así as transicións dixital e ecolóxica.

POUCA TRANSPARENCIA

“O avanzado estado das negociacións comerciais e a pouca transparencia en canto a información preocupan á industria transformadora de conservas de peixe e marisco en Galicia”, sinalou o portavoz popular. Tailandia, cunha produción superior a 550.000 toneladas segundo os datos da FAO, é o principal produtos e exportador mundial de conservas de atún, tendo unha boa cota do mercado da Unión Europea.

Porén, a ausencia de frota propia, cunhas capturas de atún enteiro tailandesas inferiores a 4.000 toneladas anuais, fai pensar que Tailandia teña que realizar unha importación masiva de peixes onde existen serias dúbidas do cumprimento en materia de pesca ilegal ou sanitaria, e tamén en materia de dereito ao traballo. Esta situación conlevaría que estean a utilizar materias primas que non serían aptas na Unión Europea e implicando unha rotura da igualdade de condicións coas empresas europeas.

Miguel Fidalgo manifestou que “un acordo de libre comercio entre a UE e Tailandia que supoña unha apertura do mercado comunitario aos produtos do atún sería un golpe letal para a industria galega e española de peixe e marisco”, polo que “resulta fundamental que a Comisión Europea esixa a exclusión total do atún deste proceso de liberalización arancelaria e o establecemento de normas sólidas e equitativas que garantan a igualdade de condicións entre Tailandia e a Unión Europea que evite a competencia desleal”.

O Grupo Popular pedirá no Pleno que o Parlamento de Galicia solicite á Mesa e á Presidenta do Congreso o desbloqueo da tramitación da proposición de Lei de transferencia da AP-9

O Grupo Popular proporá no Pleno da vindeira semana a aprobación polo Parlamento de Galicia dunha resolución a través da que se pide á Mesa e á Presidenta do Congreso que desbloquee a tramitación da proposición de Lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9, acordando de xeito inmediato a finalización do prazo para a presentación de emendas para que este texto lexislativo avance cara a súa aprobación definitiva. Así mesmo, pedirase ao Goberno central que recupere o 100 por cento da bonificación polas baixas de maternidade ou paternidade, logo de que as substituíra por unha bonificación fixa de 366 euros sobre a cotización do empregado en situación de baixa.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, comezou a súa comparecencia ante os medios celebrando que “hoxe fai un ano das eleccións autonómicas nas que os galegos volveron confiar maioritariamente no Partido Popular de Galicia e Alfonso Rueda conseguiu a súa primeira maioría absoluta para seguir gobernando con todo o sentidiño Galicia”. “Foron 12 meses nos que Alfonso Rueda xa deu mostras do seu xeito de gobernar e de ter cumprido ou en proceso de realización os máis de 800 compromisos recollidos no programa electoral co que se presentou ás eleccións”, anotou.

“Nos imos seguir gobernando centrados no que realmente preocupa e necesitan todos os galegos, deixando para BNG e PSdeG a demagoxia e as difamacións coa que xa nos teñen acostumados, sen iniciativas que aporten algo novidoso ao que xa está facendo a Xunta ou viables coas que poder complementar a acción do Goberno de Rueda, pero con continuas faltas de respecto a conselleiros e funcionarios públicos”, manifestou.

En concreto, Alberto Pazos referiuse á “indignante e sexista caricatura da conselleira de Política Social realizada polo sindicato satélite do BNG que coñecemos onte, e que aínda estamos á espera de que as tan cacarexadas feministas galegas rexeiten e pidan a retirada desa campaña, así como unha rectificación pública desta falta de respecto a unha conselleira, que por enriba de todo é unha muller traballadora e respectable”.

Respecto da orde do día da sesión plenaria que terá lugar a vindeira semana, o Grupo Popular defenderá unha proposición non de lei a través da que se pide á Mesa e á Presidencia do Congreso o desbloqueo da tramitación da proposición de Lei orgánica de transferencia da titularidade da AP-9, de xeito que se poña fin ao prazo de presentación de emendas para que este texto lexislativo avance cara ao seu debate de aprobación definitivo.

“Ademais, incluímos nesta ocasión que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible avalíe a oportunidade do rescate da AP-9, tendo en conta que, coas novas bonificacións das peaxes anunciadas polo Goberno central, o custo da indemnización polo rescate e o custo das bonificacións ata o final da concesión supoñen uns importes moi semellantes”, apuntou.

20 PRÓRROGAS

Alberto Pazos criticou que “levamos 20 prórrogas no Congreso, contando xa a que se aprobou esta mesma mañá, ao prazo de presentación de emendas á proposición de lei para a transferencia da titularidade da AP-9, prórrogas que chegan ata as 35 se contabilizamos as habilitadas pola Mesa do Congreso desde a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa, o que pon de manifesto o nulo interese do Partido Socialista en tramitar esta transferencia a Galicia, manexando ao seu antollo á Presidenta da Mesa do Congreso”.

A segunda das proposicións non de lei que o Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana ten que ver coa recuperación do 100 por cento da bonificación polas baixas de maternidade, logo de que o Goberno de Pedro Sánchez fixera desaparecer esta bonificación, sendo substituída por unha fixa de 366 euros sobre a cotización do empregado en situación de baixa.

“Estas medidas representan un risco para a estabilidade laboral das persoas que substitúen a traballadores durante situacións vinculadas ao nacemento e coidado de menores, así como no exercicio da atención aos menores lactantes ou os riscos asociados ao embarazo e lactancia natural, polo que consideramos que a bonificación na contratación nestes casos é esencial para avanzar na materialización dos dereitos das mulleres e promover unha participación máis equitativa dos homes nas responsabilidades do coidado”, afirmou Alberto Pazos.

A sesión plenaria inclúe a comparecencia do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para informar das liñas de actuación en materia de I+D+i da Xunta de Galicia.

Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola actualización das entregas a conta a Galicia, logo do cambio de criterio discrecional do Goberno central para tentar forzar a aprobación das medidas esixidas polos seu socios de goberno, “unha decisión arbitraria que no caso de Galicia suporá unha redución das entregas a conta de 700 millóns de euros respecto das que se comunicaron a comezos de ano”.

A segunda das preguntas ten que ver coa sanidade e a atención nos hospitais comarcais e, en concreto, o resultado das medidas postas en marcha pola Xunta para incentivar a cobertura de prazas nestes hospitais comarcais. E, por último, o Grupo Popular tamén se interesará pola evolución e a finalidade das axudas extraordinarias ao retorno que ofrece a Secretaría Xeral de Emigración, dirixidas especialmente a facer fronte aos gastos derivados do seu regreso a Galicia.

SOLICITUDE INFORMACIÓN INTERRUPCIÓN DO PLENO

Por outra banda, Alberto Pazos informou de que na Xunta de Portavoces “solicitamos
información sobre a interrupción premeditada, planificada e coordinada que sufrimos do pasado Pleno”. Neste sentido, considerou “intolerable que grupos políticos amparen actuacións claramente antidemocráticas como é a interrupción deliberada dunha sesión plenaria do máximo órgano de representación e debate de Galicia”.

“Consideramos necesario garantir que calquera grupo se exprese con total liberdade e cando é o quenda do Goberno galego o poida facer nas mesmas condicións”, manifestou o portavoz popular, quen lamentou que “parece que hai quen aplaude que esas condicións non sexan as mesmas e consideran que o Goberno de Galicia e a representación do PPdeG non temos dereito a expresarnos con mesma liberdade como a que o fan outros grupos políticos”.

O PPdeG denuncia que as prórrogas á tramitación da transferencia da AP-9 no Congreso alcanzan xa 20 só no que vai desta lexislatura e 35 en total

Os deputados do PPdeG no Congreso denuncian que as prórrogas á tramitación da proposición de lei para a transferencia da AP-9 alcanzan xa as 20 só no que vai desta lexislatura e ascenden ata as 35 desde a chegada de Pedro Sánchez á Presidencia do Goberno de España.

Fano logo de que hoxe mesmo a Mesa do Congreso dos Deputados, dominada polo PSOE e Sumar, acordase a 20ª prórroga no prazo de presentación de emendas a esta proposta a pesar de que no seu día se acordou que se tramitaría polo procedemento de urxencia.

“Unha vez máis acredítase o boicot do Goberno de Sánchez, coa conivencia do PSOE galego, impedindo que unha iniciativa avalada pola unanimidade do Parlamento de Galicia poida pasar a Comisión para ser debatida na ponencia”, sostén o deputado galego e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado. Ademais, engade non entender “como o BNG apoia constantemente a este Goberno”.

Denuncia tamén que, mentres isto ocorre nesta e noutras cuestión de vital importancia para Galicia, outras comunidades autónomas, en cambio, están a recibir un trato diferenciado e moito máis beneficioso por parte do Goberno de España.

Pon o exemplo de que hai poucos días o Goberno acordou prorrogar un ano máis a gratuidade da AP-7 en Alicante e traballa para levantar definitivamente a peaxe de dita autopista. En cambio, nunha situación análoga, négase a liberar de peaxe o tramo Vigo-O Porriño da AP-9.

O PPdeG acusa ao Goberno central de estar máis ocupado en tapar a súa corrupción que en axilizar o traspaso da xestión do litoral a Galicia

O PPdeG denuncia os escasos avances por parte do Goberno de Pedro Sánchez no referido ao traspaso dos medios necesarios para que Galicia poida exercer as súas competencias sobre a xestión do litoral e apunta á “corrupción na que está sumido o PSOE” como motivo desta “parálise”.

Así o manifestou esta mañá a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, nunha visita ao concello de Cangas na que estivo acompañada polo presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e a deputada autonómica e concelleira do partido nesta localidade, Loli Hermelo, e na que afirmou que “Galicia necesita xa os medios para desenvolver a súa Lei do litoral”.

Recordou que xa hai máis de ano e medio que se aprobou esta norma que, partindo do convencemento de que “para os galegos o mar é emprego, riqueza e vida”, ten como obxectivo que “o noso litoral poida ser xestionado desde Galicia e para os galegos”. Algo para o que é necesario que o Goberno central transfira á Xunta non só as competencias de xestión do dominio público marítimo-terrestre, senón tamén os medios persoais, materiais e económicos para exercelas.

“Chegamos a febreiro de 2025 e Galicia aínda non recibiu eses medios”, lamentou ao tempo que denunciaba que “non se pode seguir perdendo o tempo” nesta cuestión e moito menos a causa da “parálise” dun Goberno central “ocupado exclusivamente en tapar a corrupción que envolve ao PSOE e que se estende xa por todo o territorio”.

Paula Prado fixo así referencia aos casos nos que están implicados desde varios ministros do Goberno de Pedro Sánchez ata o propio irmán do presidente, así como o fiscal xeral do Estado. Unhas tramas corruptas ás que se engade ademais a recente detención dun concelleiro socialista en Cangas logo de ser acusado dun presunto delito tráfico de influencias e suplantación de identidade.

“Unha detención da que aínda non escoitamos ningunha explicación do seu xefe de filas, o señor Besteiro, e ante a que a alcaldesa nacionalista de Cangas garda o mesmo silencio que a señora Pontón no que se refire á corrupción dun Pedro Sánchez ao que segue a apoiar incondicionalmente”, subliñou.

A número dous dos populares galegos esixiu aos dirixentes do socialismo e do independentismo galego que dean explicacións sobre este caso e que tomen as accións pertinentes xa que, en casos como estes, asegura “non hai cabida para o silencio nin a indiferenza”.

O ÚNICO PARTIDO QUE DEFENDE O LITORAL GALEGO

O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, insistiu na reclamación ao Goberno central para que cumpra e axilice o traspaso dos medios precisos para que a transferencia das competencias sexa efectiva: “Mentres o Goberno de Sánchez nin xestiona nin deixa xestionar, Galicia conta cun goberno que goberna e avanza”.

O presidente provincial precisou tamén que, malia todas as novas que se están coñecendo estes días e que están manchando o nome de Cangas, o Partido Popular “será sempre a solución para devolver a dignidade, a boa política e a estabilidade a Cangas e para defender a súa imaxe e a dos seus veciños”.

“Cangas xa era noticia polas liortas do seu Goberno tripartito, pero agora, ademais, o é tamén por ser un buraco negro de escándalos”, asegurou citando a dimisión forzosa da tenente de alcalde socialista en agosto e o recente arresto doutro membro socialista do goberno. Feitos que, na súa opinión, “repercuten moi negativamente na estabilidade e no futuro do Goberno local, ademais de  abochornar aos veciños deste gran concello”.

A deputada canguesa Loli Hermelo, pola súa banda, quixo aproveitar a ocasión para reivindicar que o PPdeG é “o único partido que pelexa para que Galicia poida xestionar o seu litoral” e lamentou a parálise na que está sumido o seu Concello.

Alfonso Rueda: “Seguiremos correspondendo a confianza dada con traballo, con compromiso e co obxectivo de que Galicia siga crecendo”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, apelou hoxe á confianza que os galegos depositaron nel hai un ano comprometéndose a “seguir renovándoa cada día” e ofrecéndolles a cambio “traballo sen descanso” para “responder aos compromisos dados e facer que Galicia siga crecendo”.

Fíxoo no acto organizado polos populares galegos en Santiago para celebrar o primeiro aniversario da maioría absoluta acadada o pasado 18 de febreiro. Un acto que superou todas as expectativas de afluencia –asistiron 2.500 persoas– e na que o presidente invitou a todos a involucrarse no que considera a “tarefa colectiva” de “seguir escribindo as mellores páxinas de Galicia”.

“Quero unha Galicia na que caiba todo o mundo, na que haxa igualdade de oportunidades e na que a vivenda sexa un dereito e non unha ilusión. Unha Galicia con identidade, aberta aos investimentos que crean traballo, e potente en I+D+i”, salientou como algúns dos seus obxectivos neste sentido.

Uns obxectivos que han de ser acadados “ao estilo de Galicia” e desde o inconformismo, a esixencia, a humildade e a ambición. “O noso estilo é máis de convencer que de impoñer, máis de convivir que de dividir, máis de sentidiño que de tolerías e máis de esixirnos a nós que de esixir aos demais”, explicou.

“Nós somos de cumprir a palabra dada e por iso estou orgulloso de que 2 de cada 3 medidas das que estaban no noso programa electoral xa están feitas ou en marcha para que sexan unha realidade antes do remate da lexislatura”, engadiu.

Enumerou así medidas como a gratuidade das matrículas universitarias, o reforzo da FP, as 2.000 vivendas públicas xa en marcha, as baixadas de impostos, as facilidades para as mulleres que se queiran someter a tratamentos de fertilidade, o plan de choque en dependencia, o rescate das autovías con peaxes en sombra ou a posta a disposición das empresas de solo público gratuíto durante oito anos.

“DERIBAREMOS OS OBSTÁCULOS COA FORZA DA CONSTITUCIÓN, DA RAZÓN E COA CONFIANZA DA XENTE”

“Xa sexa ‘Galicia cumpre’, ‘Galicia funciona’ ou ‘Galicia goberna’, o significado dos nosos lemas é sempre o mesmo e todo o contrario da oposición que temos”, afirmou Rueda referíndose a partidos que “fan cero autocrítica, cren que teñen a razón absoluta e están enfadados porque a xente non os vota”.

Animando aos seus a “non perder o tempo con eles”, o presidente non dubidou en subliñar: “Son os mesmos de sempre e elixidos a dedo polos de sempre: un polo dedo infalible de Pedro Sánchez e outra polo dedo infalible da UPG”.

O presidente recordou a campaña electoral á que o PSdeG se presentou “sen ter un programa electoral e coa única promesa de que a AP-9 ía ser gratuíta”, mentres que o BNG fíxoo cun “programa oculto que non lles interesaba que se soubese”. Un programa que, tal e como engadiu, supoñía un “branqueamento absoluto” do ideario nacionalista galego que “sempre defenderon e volveron defender desde o día seguinte das eleccións”.

Rueda apuntou a que a vitoria de hai un ano ten que servir para “derribar os obstáculos dun nacionalismo que levanta fronteiras utópicas e dun Pedro Sánchez que divide a sociedade en dous e non dá nada a Galicia” e facelo “coa forza da Constitución, da razón e coa confianza da xente”.

“Ao igual que o fixemos coa Lei do litoral, farémolo coa transferencia da AP-9 e co financiamento autonómico. E seguirémolo facendo cada vez que a oposición enfurruñada diga ‘non’ aos turistas, á industria, aos investimentos, e a os servizos públicos de calidade”, concluíu.

En clave nacional, o presidente do PPdeG remarcou que “a España lle iría moito mellor coa normalidade extraordinaria que temos en Galicia, coa seriedade coa que nos tomamos as cousas en Galicia, coa política útil que practicamos en Galicia e cun presidente como Alberto Núñez Feijóo”.

Rueda referiuse ao seu antecesor reafirmando o seu orgullo por suceder a quen apostou por el e a quen considera un mestre que “ten que ser presidente do Goberno de España porque el o merece e Galicia o necesita”.

Tamén reivindicou o orgullo por suceder “a quen foi o primeiro presidente elixido democraticamente en Galicia”, Xerardo Fernández Albor; e a “quen anos despois da súa partida temos que seguir reivindicando e que aínda provoca o nerviosismo dos que son incapaces de asimilar que sempre lles ganou as eleccións”, Manuel Fraga.

No acto tamén interviñeron o presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e os presidentes provinciais Diego Calvo, Elena Candia, Luis Menor e Luis López.

Alberto Pazos advirte que a reforma da Lei da dependencia estatal “derivará nun incremento considerable e preocupante da débeda de máis de 2.500 millóns de euros do Estado con Galicia”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, advertiu hoxe que a reforma da Lei de dependencia, aprobada o pasado martes polo Goberno central, “derivará inevitablemente nun incremento considerable e preocupante da débeda de máis de 2.500 millóns de euros que na actualidade xa ten con Galicia” pola atención aos dependentes, polo que demandou que o Goberno de Pedro Sánchez “adapte a súa aportación aos novos servizos que esta modificación obriga a prestar tanto a comunidades autónomas como a concellos”.

Alberto Pazos lembrou que na sesión plenaria celebrada esta semana aprobouse unha proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados socialistas, a través da que se reitera ao Goberno central a solicitude para que cumpra o recollido na Lei de dependencia e abone a Galicia os máis de 2.500 millóns de euros que lle debe por non sufragar o 50 por cento do custo da atención aos dependentes que lle corresponde.

MÁIS SERVIZOS SEN FINANCIAMENTO

“Cantas horas do servizo de axuda no fogar poderíamos financiar nos concellos con estes cartos?, cantas prazas de centros de día e novas casas do maior poderíamos poñer en marcha por toda a xeografía galega? ou canto poderíamos mellorar e axilizar a atención aos nosos dependentes se o Goberno central saldara a súa débeda de 2.500 millóns de euros con Galicia?”, cuestionouse Alberto Pazos.

O portavoz popular lamentou que “o Goberno de Pedro Sánchez, para tapar a súa incompetencia no cumprimento das súas obrigas en materia de dependencia, ponse de perfil e deu un paso máis o pasado martes aprobando unha reforma desta Lei de Dependencia, que obriga a comunidades autónomas e concellos a prestar máis servizos aos maiores e dependentes, pero sen poñer enriba da mesa o financiamento necesario para sufragar estes servizos nin ter feito consulta algunha previamente cos responsables autonómicos para a adopción destas novas medidas”.

“Saudamos a incorporación dalgunhas destas medidas ou os cambios introducidos na Lei de dependencia, máxime tendo en conta que a gran maioría foron propostos pola propia conselleira ao ministro o pasado mes de decembro e unha boa parte delas xa se están aplicando en Galicia desde tempo”, indicou o portavoz popular.

Porén, criticou que, “unha vez máis, o Goberno de Pedro Sánchez obrigue a comunidades e concellos a prestar novos servizos en materia de dependencia sen o correspondente respaldo financeiro, o que inevitablemente vai derivar nun incremento considerable e preocupante da débeda que na actualidade xa ten con Galicia de 2.500 millóns de euros”. Ademais, apuntou que esta ampliación de actividades do servizo de axuda no fogar fora do domicilio “se faga sen ter en conta a opinión dos concellos e se dispoñen do persoal suficiente para prestar estes servizos, cando xa é patente, a día de hoxe, a manifesta falta de persoal que teñen os concellos para atender o actual servizo de axuda no fogar”.

Alberto Pazos demandou aos socialistas galegos que “deixen de poñerse de perfil ante este grave problema financeiro que ten a Comunidade galega polo desprezo que amosa o Goberno de Pedro Sánchez para atender as necesidades dos maiores e dependentes e amosen a valentía e decisión que se lles está pedindo, non só desde o Goberno galego, senón desde os propios concellos de Galicia, que, da boca do presidente socialista da Fegamp, xa amosaron a súa preocupación pola falta de financiamento dos servizos que se presta aos dependentes”.

BOICOT AO GALEGO

Por outra banda, o portavoz popular cualificou de “penoso espectáculo o BNG está protagonizando coa súa moi particular defensa da nosa lingua”. Así, indicou que “primeiro foi a súa rotunda negativa a participar no proceso aberto pola Xunta de Galicia para renovar o Plan Xeral de normalización lingüística, do que os nacionalistas galegos se botaron fora voluntariamente polo simple feito de que non se ía facer o que eles queren facer”.

“E non lles chegou con illarse voluntariamente deste proceso de renovación e impulso da nosa lingua senón que intentaron boicotear a celebración desta primeira reunión, incitando a todos os asistentes a abandonar o encontro”, sinalou Pazos, quen apuntou que “felizmente os dous individuos que o BNG mobilizou para incendiar esta reunión quedáronse totalmente sos e foron os únicos que se marcharon da reunión, quedando os máis de cen convocados traballando con normalidade e poñendo o seu grao de area para garantir o futuro e a promoción do galego a través do consenso, o diálogo e a vontade de escoita”.

Alberto Pazos criticou que “a loita do BNG e das súas organizacións satélites por apropiarse de todo o que teña que ver coa nosa lingua tamén a tivemos que sufrir na sesión plenaria desta semana, cando un grupo de exaltados, convidados todos polo BNG e entre os que figuraba mesmamente a súa coordinadora de Organización e moitos concelleiros e liberados sindicais da CIG, intentaron rebentar o Pleno no momento en que o conselleiro de Cultura estaba respondendo a dúas interpelacións da oposición sobre a situación do galego”.

ACCIÓNS PLANIFICADAS E PREMEDITADAS

“Estamos a falar de dúas accións totalmente planificadas e premeditadas, que forman parte da liña de acción coordinada entre o BNG, a Mesa pola Normalización Lingüística e Queremos Galego para apropiarse de todo o que teña que ver coa nosa lingua e someter aos cidadáns para que acaten a súa ideoloxía, porque son incapaces de entender e respectar que o galego é propiedade de todos e que será entre todos como debemos chegar a un pacto social e político para o impulso do galego”, incidiu.

Pazos afirmou que “o que pon de manifesto esta situación é que no BNG e, por suposto, no propio Grupo Parlamentario, xa hai quen manda máis e da ordes por enriba da propia Ana Pontón, atendendo expresamente os desexos sobre o futuro da lingua galega expresados pola propia UPG, disposta a abordar a situación da lingua desde ‘o activismo social e cultural de maneira permanente’, coa convicción de que ‘a plena normalización da nosa lingua precisa dun Estado propio soberano’, defendendo que ‘o galego ten que ser a lingua vehicular no ensino e o idioma normal e xeral de uso na administración e servizos públicos e no conxunto da sociedade’, renunciando expresamente a calquera uso tolerante das dúas linguas oficiais de Galicia”.