O Grupo Popular levará ao Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se propón que o Parlamento de Galicia reprobe a campaña sexista levada a cabo polo sindicato nacionalista CIG que desvaloriza o traballo da conselleira de Política Social, quen, á súa vez, comparecerá na sesión plenaria para dar conta das políticas en materia de igualdade que está a desenvolver a Xunta. A orde do día tamén inclúe a comparecencia do conselleiro de Facenda, para informar da reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira; o debate para a aprobación da Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia; e outra proposición non de lei do Grupo Popular para que o Goberno central declare o Xacobeo 2027 como acontecemento de excepcional interese.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, sinalou que o Pleno da vindeira semana estará marcado pola celebración este sábado, 8 de marzo, do Día Internacional da Muller. Así, a comparecencia, a petición propia, da consellería de Política Social dará conta das políticas que en materia de igualdade está a desenvolver a Xunta, “un ámbito no que é patente o compromiso firme do Goberno galego por impulsar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes con medidas transversais nas que participan todos os departamentos do Goberno galego”.
Así mesmo, o Grupo Popular demandará que o Parlamento galego reprobe a campaña sexista levada a cabo pola CIG, que claramente desvaloriza o traballo dunha muller que ostenta un cargo público, neste caso o da conselleira de Política Social, e que “a día de hoxe segue sen ser condenada nin rexeitada tanto pola portavoz do BNG como por calquera das autoproclamadas defensoras nacionalistas a ultranza do feminismo”.
“Estamos diante dunha demostración máis de que para o nacionalismo galego o feminismo é unha cuestión sectaria, xa que só é reprobable cando son elas mesmas as afectadas, pero gardan un repugnante silencio cando a vítima é unha muller que non segue a súa doutrina política”, criticou o portavoz popular.
Alberto Pazos pediu aos deputados e deputadas do BNG que “recapaciten a súa decisión e teñan a ben condenar este ataque machista á conselleira de Política Social”, para o que disporán “dunha nova oportunidade no Pleno apoiando esta iniciativa do Grupo Popular, que solicita a condena de calquera manifestación que vulnere o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes ou se denigre a dignidade das mulleres, solicitando expresamente á señora Pontón e aos deputados do BNG que amosen o seu rexeitamento ao contido sexista e machista destes carteis do sindicato nacionalista CIG”.
CONDONACIÓN DA DÉBEDA
O Pleno inclúe a comparecencia, a petición propia, do conselleiro de Facenda e Administración Pública para dar conta do tratado no Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado a pasada semana, no que todas as comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular rexeitaron a imposición dunha condonación da débeda, así como outras medidas decididas unilateralmente polo Goberno central prexudiciais para as facendas autonómicas.
“Galicia rexeita de forma tallante esta quita da débeda das comunidades autónomas acordada polo Goberno de España e os seus socios independentistas cataláns, porque supón un ataque directo ás comunidades que, como Galicia, foron responsables no control do seu déficit e a súa débeda nos tempos de crise económica e premia a aquelas que despilfarraron os cartos pagando intentos de golpes de Estado, como o que levaron a cabo os independentistas en Cataluña, ou creando embaixadas por medio mundo para vender o que non tiñan nin chegaron a ser”.
Dentro do apartado de iniciativas lexislativas, a sesión plenaria inclúe o debate para a súa aprobación do proxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, unha nova lei que adapta a normativa galega á lexislación española e europea e dota a estes medios dun marco normativo co que poidan dar resposta aos retos de futuro nun mercado tan competitivo como é o audiovisual.
DESGRAVACIÓNS FISCAIS PARA O XACOBEO 2027
Volvendo ás iniciativas incorporadas polo Grupo Popular á orde do día do Pleno, Alberto Pazos apuntou que “imos solicitar ao Goberno de España a declaración do Xacobeo 2027 como acontecemento de excepcional interese, de xeito que as empresas que desexen implicarse e participar na promoción deste evento poidan beneficiarse dos correspondentes beneficios fiscais”.
Neste sentido, lembrou que as desgravacións fiscais ás que puideron acollerse as empresas que patrocinaron o Xacobeo 2021-22 supuxeron unha aportación total de 28 millóns de euros, o que da mostra “da importancia da declaración como acontecemento de excepcional interese para o Xacobeo 2027 e da urxencia deste recoñecemento, a menos de dous anos de que se volva abrir a Porta Santa na Catedral de Santiago e cando as empresas necesitan coñecer con antelación suficiente as opcións de investimento e beneficios fiscais dos que van dispoñer”.
Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular cuestionará sobre as medidas que ten previsto levar a cabo para mellorar a seguridade do persoal sanitario e dos usuarios do Servizo Galego de Saúde; a deficiente xestión do tratamento de residuos de Nostián, logo dos sucesivos incumprimentos por parte do Concello de A Coruña aos requirimentos realizados pola Xunta para mellorar esta planta de tratamento; e as accións que está a desenvolver o Goberno galego para elaborar o plan de usos do Teatro-Cine Fraga de Vigo.