Deputados do Grupo Popular estudan con Aetinape medidas para mellorar a sinalización e a visualización dunha emerxencia en alta mar

Os deputados do Grupo Popular Miguel Fidalgo e Jesús María Fernández Rosende mantiveron unha reunión con representantes da Asociación Española de Titulados Náutico-Pesqueiros (Aetinape) na que se estudaron distintos aspectos para mellorar a sinalización e a visualización dunha situación de emerxencia en alta mar, así como outras posibles actuacións relacionadas con esta situación.

Na xuntanza, na que estiveron presentes o presidente de Aetinape, José Manuel Muñiz, xunto cos asesores desta organización José Manuel Costas e Vicente Yáñez, acordouse a presentación dunha iniciativa no Parlamento de Galicia con cuestións relacionadas coa formación e as prácticas, tanto de mariñeiros mercantes como de profesionais da pesca ou de recreo, en materia de utilización de medios de salvamento, así como o estudo da sinalización de mexiloeiras e outros artefactos flotantes que poidan ocasionar accidentes na navegación, e posibles intervencións no caso de condicións climáticas moi adversas que aconsellen ás embarcacións quedar en porto.

O PPdeG lamenta que Sánchez dea vía libre aos “caprichos” do independentismo catalán mentres a transferencia da AP-9 a Galicia acumula xa 37 adiamentos

Os deputados do PPdeG no Congreso denuncian hoxe o feito de que a Cámara Baixa admita a trámite todas as iniciativas que rexistran os socios de Pedro Sánchez, aínda que vaian en contra do interese xeral, mentres, ao mesmo tempo, segue bloqueando de forma “obstinada” o debate sobre a transferencia da AP-9 a Galicia.

Fano logo de que hoxe mesmo a Mesa do Congreso dos Deputados, dominada polo PSOE e Sumar, acordase a 22ª prórroga nesta lexislatura de presentación de emendas á proposición de lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da autoestrada á Comunidade galega. Polo tanto, son xa 37 as prórrogas desde que Sánchez asumise a Presidencia do Goberno de España.

“É absolutamente inexplicable e inxustificable o desprezo a esta iniciativa lexislativa aprobada pola unanimidade do Parlamento de Galicia e que siga bloqueándose a súa tramitación parlamentaria, mentres Sánchez cumpre os caprichos do independentismo catalán”, denuncia o deputado galego e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado.

Un claro exemplo deses “desexos cumpridos” ao independentismo é a proposición de lei rexistrada onte no Congreso por PSOE e Junts para a delegación de competencias en materia de inmigración e control de fronteiras.

Unha iniciativa “claramente inconstitucional” xa que vulnera as competencias exclusivas do Estado, que “non poden ser delegadas como pretenden os independentistas de Puigdemont e como transixe Pedro Sánchez”. Ademais, esta proposición de lei “pretende burlar unha serie de controis legais como informes vinculantes de varios organismos constitucionais”, e ao mesmo tempo “non responde á defensa do interese xeral do noso país, senón só ao interese particular de Sánchez por manterse no poder algún tempo máis, o que é indignante”.

“Tampouco nos explicamos como o BNG pode seguir apoiando ao Goberno de Sánchez e subscribindo esta nova iniciativa de Junts mentres seguen maltratando a Galicia”, denuncia Celso Delgado.

Por último, os populares lembran que a semana pasada os socialistas, tamén os galegos, votaron no Senado en contra da transferencia e da gratuidade da AP-9, o que dá conta do seu “escaso interese” en que se fagan efectivas.