O Partido Popular de Galicia ponse como reto para as próximas eleccións municipais de 2027 que haxa máis alcaldesas do partido e para iso comprométese a traballar estes dous anos na incorporación de máis mulleres como cabezas de lista nas candidaturas municipais.
Así o manifestou esta mañá a secretaria xeral do partido, Paula Prado, na reunión do Foro de Alcaldesas celebrado en Boimorto para conmemorar o Día Internacional da Muller e celebrar que o PPdeG é “o partido das mulleres que gobernan”. Algo que acredita o feito de ser a formación con máis alcaldesas de Galicia (29), con máis concelleiras (un total de 700), con máis deputadas no Parlamento galego e con máis representantes no Congreso e no Senado.
“Somos o partido das mulleres e, grazas a iso, en Galicia somos o partido máis apoiado polas mulleres eleccións tras eleccións”, asegurou a número dous do PPdeG poñendo en valor a identificación das mulleres galegos co seu partido e coas medidas que pon en marcha alá onde goberna, xa sexa na Xunta ou nos concellos.
Paula Prado destacou que as 29 alcaldesas do seu partido “trazan un feminismo real e un mellor camiño para as súas veciñas e veciñas” e “non son só unha referencia para as mulleres, senón para toda Galicia”. Neste sentido puxo en valor que o 90% das alcaldesas do PPdeG gobernan con maioría absoluto e cunha porcentaxe media de apoio nos seus concellos do 60% e, en varios casos, superior ao 70%.
UNHA ESQUERDA AVERGOÑADA POLO DANO QUE FAI AO FEMINISMO
Manifestou acto seguido que se o PPdeG non ten máis alcaldesas é “polos pactos de perdedores protagonizados principalmente polo PSOE e o BNG”, así como por “unha esquerda que este ano está conmemorando o 8 de marzo moito menos que anos anteriores”.
Algo que na súa opinión se debe a que “senten vergoña do dano que lle están facendo ao feminismo e ás mulleres”. Fixo así referencia a que PSOE, BNG e Sumar “seguen apoiando a Lei do ‘só si é si’ que xa rebaixou as penas a máis de 1.500 agresores sexuais” e a que “estase descubrindo que a esquerda tapou durante anos a depredadores sexuais como Errejón ou Monedero e mesmo a pederastas como Xabier Ron ou o candidato do BNG en Coles”.
Por todo isto, e facendo referencia ao lema elixido polo PSdeG para o seu Congreso, Paula Prado ironizou que máis que “A esquerda que pode” debería ser “A esquerda que poda”, xa que “están podando os dereitos ás mulleres, as condenas dos agresores sexuais, o benestar das galegas e os avances do feminismo”.
“Esa ‘esquerda que poda” mañá estará representada por Pedro Sánchez, un presidente que non debería vir dar leccións, senón que debería vir a pedir perdón, a Galicia e ás mulleres”, concluíu.
FABIOLA GARCÍA: “XUNTAS SOMOS MOITO MÁIS FORTES”
Pola súa banda, a responsable de Igualdade no Goberno galego, Fabiola García, referiuse ás alcaldesas populares como “referentes que deron un paso adiante para poñerse á fronte dos seus concellos” e manifestou o seu orgullo por “contar con tantas mulleres representando aos seus veciños e loitando polos seus dereitos”.
Rememorando o moito que se ten avanzado desde que hai 100 anos Concha Pérez se convertera, en 1925, na primeira muller alcaldesa de Galicia, amosou a esperanza de que as mulleres galegas no seu conxunto “poidamos seguir celebrando o 8 de marzo unidas, traballando da man e conscientes de que xuntas somos moito máis fortes”.
A responsable de Igualdade no Goberno galego destacou tamén a importancia do poder feminino na política local na medida en que os concellos son as administracións máis próximas á xente. Por iso, na súa opinión, o traballo diario das alcaldesas representa un feminismo transformador e inclusivo que contribúe a crear unha sociedade cada vez máis xusta, equitativa e solidaria.
Xunto a Paula Prado e Fabiola García estiveron tamén presentes a responsable do departamento de Promoción da Igualdade do Goberno galego, María Quintiana, e a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo.
A rexedora coruñesa é, de feito, a alcaldesa do PP máis votada na provincia da Coruña, cun 65% de apoio nas pasadas eleccións municipais. De aí que o seu partido elixira este concello para celebrar esta nova reunión do Foro de Alcaldesas.
“Desde este Centro de Maiores quero reivindicar ás mulleres do rural”, apuntou María Jesús Novo facendo referencia ao lugar elixido para esta reunión e no que día a día as veciñas do concello se reúnen para realizar actividades e desfrutar do seu tempo de lecer.