Paula Prado lamenta que o PSdeG inicie a súa nova etapa “poñendo a alfombra vermella” a Sánchez e consolidando a unha presidenta “acurralada pola corrupción”

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, lamentou hoxe que o PSdeG iniciara a súa nova etapa “póñenlle a alfombra vermella” ao presidente do Goberno máis lesivo para Galicia da Historia da democracia: Pedro Sánchez” e, ao mesmo tempo, mantivera na presidencia do partido a unha persoa “acurralada pola corrupción”, Carmela Silva.

De feito, os populares galegos pregúntanse se os socialistas “non se cansan de facer o ridículo” despois de que Besteiro lle dixera hoxe a Sánchez “benvido á túa casa” e “un bulo aínda peor, dicirlle que é o presidente máis galego de toda a Historia”.

“Esta semana dicía que Sánchez tiña que vir hoxe pedir perdón aos galegos e galegas por todos os agravios e por todas as débedas que acumula con Galicia, pero a súa arrogancia non llo permitiu”, subliñou a número dous do PPdeG.

De feito, lembrou, Sánchez levaba máis dun ano sen pisar Galicia, “desde que os galegos lle pecharon a porta do goberno autonómico e lle deron o peor resultado do socialismo na nosa Comunidade”.

E hoxe veu, ademais, “esquecéndose do cambio climático e empregando un jet privado para unha viaxe entre Madrid e Santiago de Compostela”: “Esta debe ser a mobilidade sostible que promociona o Goberno de España”, ironizou Prado.

Así mesmo, denunciou que onte o ministro Félix Bolaños tivo “o descaro” de facer aquí un anuncio en materia de violencia de xénero, cando segue sen cumprir o compromiso que fixo por escrito —no pacto co BNG— de crear de cinco novos xulgados específicos de violencia de xénero en Galicia, un deles onde estivo este sábado, en Santiago de Compostela.

“Estamos ante un PSdeG desorientado, con moitísimos problemas internos en Santiago de Compostela, na Coruña ou en Narón, e que aínda por riba mantén na presidencia a unha persoa que, ao igual que o Goberno central, está acurralada pola corrupción: Carmela Silva”, abundou a secretaria xeral.

“Pedímoslle ao PSOE galego que deixe a un lado a corrupción e o seu apoio a Sánchez, que deixen de ser soldados de Sánchez e que realmente se preocupen polos galegos e galegas, que cumpran todas esas débedas que teñen en infraestruturas, en materia ferroviaria ou en traspaso de competencias”, apuntou.

Neste sentido, os populares non entenden que despois de dicir o ministro Óscar Puente en máis dunha ocasión que a gratuidade da autoestrada AP-9 era “tremendamente difícil”, hoxe Besteiro volvera prometer diante de Sánchez a “liberación das peaxes”. “Non o cre nin el”, engadiron.

Paula Prado desexoulle “o mellor” a Xosé Ramón Gómez Besteiro tras ser elixido secretario xeral do PSdeG, pero lamentou que “mal empeza”.

OVIDIO RODEIRO SEMPRE TEN O SEU CONCELLO “A PUNTO”

Por último, Paula Prado sinalou que mentres o PSOE galego “non ten nada que celebrar”, Galicia “ten algo que festexar cada fin de semana”, e “iso tamén é o resultado do benestar do que gozan os galegos e as galegas, e das políticas con sentidiño do PPdeG”.

Así, en clave local asegurou que é “unha ledicia” desfrutar da xornada na Festa da Filloa de Lestedo, en Boqueixón, xunto ao alcalde Ovidio Rodeiro, que sempre ten o seu municipio “a punto” para esta gran celebración.