O Grupo Popular asegura que xa existen organismos que compren as funcións da Valedoría da Igualdade que propón o BNG

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a proposta do BNG de crear unha Valedoría da Igualdade “só serviría para xerar duplicidades e solapamentos innecesarios con outros organismos xa existentes”, como o Valedor do Pobo, o Consello Galego das Mulleres ou a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Paula Prado criticou que o BNG “recicle e descafeine as súas propostas coas que supostamente pretenden cumprir a estratexia feminista que lles mandan dos coroneis da UPG”. Así, explicou que “esta vetusta iniciativa nacionalista, que xa vén dos tempos de Anxo Quintana, pasou de ser unha proposición de lei de 24 folios en 2023 a converterse nunha proposición non de lei de apenas catro páxinas, de tantas boas intencións como imprecisións e termos excesivamente amplos”.

ESFARELAMENTO E ANEMIA DO FEMINISMO NACIONALISTA

“As funcións desta Valedoría entrarían en colisión coas funcións doutros departamentos xa existentes, como o Consello Galego das Mulleres, as direccións xerais de Promoción da Igualdade e de Relacións Laborais da Xunta, ou a inspección de Traballo do Goberno central”, explicou Paula Prado.

Así mesmo, indicou que “non é necesario crear un órgano deste tipo cando en Galicia xa contamos cunha institución como é a Valedora do Pobo, que precisamente ten entre as súas competencias a de velar pola igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres, así como pola erradicación da discriminación por razón de sexo”.

“O único que se atopa en situación de esfarelamento e anemia é o falso feminismo da esquerda”, asegurou a viceportavoz popular, quen criticou ás deputadas do BNG por “gardar silencio ante o machismo que rezuma o seu sindicato ao perpetuar os estereotipos sexistas coas súas viñetas de humor de taberna”. Ademais, lamentou que este silencio dos nacionalistas “tamén lles privou de condenar o ataque desta fin de semana á conselleira de Medio Ambiente e á súa familia”, polo que dixo que “aínda están a tempo para condenar este escrache na porta da súa casa, porque en política non vale todo”.

O Grupo Popular critica que o BNG fale de reto demográfico mentres boicotean o desenvolvemento industrial e enerxético de Galicia

O deputado do Grupo Popular Argimiro Marnotes criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o BNG “fale de reto demográfico mentres boicotean o desenvolvemento industrial e enerxético de Galicia”. “Se queremos que a xente quede en Galicia e que outros veñan, mellorando demograficamente esta terra, non basta con mellorar cada ano a aportación aos concellos desde a Xunta, porque tamén compre facilitar que novas empresas se implanten e que as empresas existentes sigan investindo e creando emprego”, anotou.

Argimiro Marnotes manifestou que “falar de mecanismos de reto demográfico negándose si ou si á implantación de novas industrias xeradoras de emprego é dicir claramente que ao BNG lle importa absolutamente nada o reto demografico”. Neste sentido, acusou aos nacionalistas galegos de “pretender impoñer o bloqueo ideolóxico que impide o progreso e pon en perigo o emprego e o incremento da poboación”.

IGUALDADE DE TRATO

O deputado popular salientou que “todos os concellos de menos de 15.000 habitantes xa son considerados como municipios en situación prioritaria para a Xunta, de aí que no reparto de fondos sexan os primeiros beneficiarios”. Neste sentido, explicou que “o carácter xeral de reparto garante a igualdade de trato entre os concellos de Galicia e o cumprimento da normativa de subvencións, sendo o sistema xeneralizado o de concorrencia competitiva”.

“Galicia conseguiu frear as previsións de perda de poboación e gañar poboación ata superar os 2,71 millóns de habitantes, acadando unha esperanza de vida no máximo histórico de 83,62 anos”, indicou Marnotes. Así, salientou que “a Xunta é consciente de que para seguir mellorando as cifras demográficas é fundamental ofrecer facilidades ás familias, intensificando medidas como a gratuidade das escolas infantís e universidade, a tarxeta Benvida, a posta en marcha de máis de 100 casas-niño e máis de 140 casas do maior, o Bono Concilia e os beneficios para as familias numerosas e monoparentais”.

O Grupo Popular critica que “ninguén do BNG amosara hoxe no Pleno a súa condena expresa ao ataque sufrido pola conselleira de Medio Ambiente”

O deputado do Grupo Popular Gonzalo Trenor criticou hoxe que “ningún dos tres voceiros do BNG que interviñeron esta mañá no Pleno do Parlamento galego amosara a súa condena expresa ao ataque sufrido esta fin de semana pola conselleira de Medio Ambiente e pola súa familia a través de persoas próximas ao nacionalismo galego”. Sobre o expediente do proxecto de Altri en Palas de Rei, Trenor insistiu que “a autorización é un asunto técnico que dependerá dos expertos e do persoal funcionario da Xunta”, polo que demandou “deixalos traballar con tranquilidade e evitar calquera tipo de presión política sobre eles”.

“En política non vale todo”, dixo o deputado popular, quen rexeitou expresamente “o acoso ás familias, as coaccións, os insultos, a manipulación ou a difusión de bulos que se están a facer en relación co proxecto de Altri”. Neste sentido, amosou a “rotunda condena ao ataque que sufriu a conselleira de Medio Ambiente e a súa familia esta fin de semana no seu domicilio por persoas que foron nas listas do BNG e que teñen un completo álbum de fotos coa señora Pontón”. Porén, lamentou que “ningún dos tres do politburó do BNG que falaron esta mañá no Pleno tiveron a máis mínima palabra de apoio coa conselleira”.

RESPONSABILIDADE

Gonzalo Trenor afirmou que no BNG “son profesionais da manipulación, do engano e da difusión de bulos, inventando argumentos pseudocientíficos para poñer á xente en contra do proxecto de Altri, porque necesitan alterar a realidade para que o seu discurso chegue á cidadanía”.

“Non é propio dunha democracia as presións que están a facer a través do seu sindicato machista para dobregar a independencia dos expertos e funcionarios que traballan neste expediente”, sinalou o deputado popular, quen demandou “responsabilidade para trasladar á sociedade que os técnicos da Administración informan baixo premisas técnicas e non atendendo a presións de partidos políticos”.

O PPdeG esixe ao Goberno de Sánchez que cese no seu boicot á transferencia da AP-9 a Galicia e aborde a posibilidade de rescatar a súa concesión

O PPdeG esixe ao Goberno de Pedro Sánchez que cese no seu boicot á transferencia da autopista AP-9 a Galicia e cumpra o mandato parlamentario de analizar os custos e os aspectos xurídicos vinculados a un posible rescate da concesión desta infraestrutura.

Así llo trasladou esta mañá o deputado galego Celso Delgado á secretaria xeral de Transporte Terrestre na súa comparecencia na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso dos Deputados para responder á pregunta formulada polo Grupo Popular sobre, precisamente, as razóns polas que o Goberno central aínda non realizou o estudo sobre as vías xurídicas para a anulación da prórroga e a valoración dos custos económicos que tería para o Estado a asunción da xestión directa da AP-9.

“O Goberno que preside desde hai sete anos Pedro Sánchez non respecta a división de poderes, senón que ningunea ás Cortes Xerais e despreza ao Parlamento de Galicia”, afirmou o parlamentario galego citando os diferentes acordos aos que se chegou en ambas Cámaras instándoo tanto á elaboración de dito estudo como ao desbloqueo da tramitación da proposición de lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 a Galicia.

O TRATO DIFERENCIADO DE SÁNCHEZ EN MATERIA DE INFRAESTRUTURAS

En relación a isto último, Delgado esixiu o “cese” do “boicot” que se está producindo no Congreso dos Deputados e denunciou que hoxe mesmo a Mesa desta institución –dominada por PSOE e Sumar– acordou a prórroga número 23  nesta lexislatura do prazo de presentación de emendas á referida lei. “En total, xa son 38 as prórrogas desde que Sánchez asumiu a Presidencia do Goberno de España”, engadiu cualificando a situación de “indignante” e “inaceptable”.

Unha situación á que hai que engadir a promesa realizada esta última fin de semana por Xosé Ramón Gómez Besteiro no Congreso do PSdeG en alusión á AP-9, asegurando que “chegaremos á liberación das peaxes”. Esta promesa supón, en opinión dos populares, “máis palabras baleiras e mentiras como as pronunciadas polo mesmo Besteiro en campaña electoral cando dixo, supostamente co aval de Pedro Sánchez, que con el a autopista sería gratuíta”.

“Mentres a Galicia se lle boicotea a transferencia e a liberación das peaxes, outras comunidades autónomas reciben un trato diferenciado”, alegou Delgado poñendo como exemplo o recente acordo para prorrogar a gratuidade da AP-7 en Alacante e os traballos para liberala definitivamente de peaxes cando, en cambio, o Goberno “non accede nin a eliminar o pago da peaxe do tramo Vigo-O Porriño da AP-9”.

O MOMENTO PROPICIO E NECESARIO PARA DAR PASOS ADIANTE

Para cumprir a reclamación unánime do Parlamento de Galicia sobre a transferencia  da titularidade e a gratuidade da AP-9, o deputado galego sinalou que “é necesario dar pasos” como a consideración dos custos que está soportando o Estado para financiar as actuais bonificacións e peaxes na sombra. “Este é un momento moi propicio para analizar os custos e os aspectos xurídicos dun rescate da concesión da AP-9”, subliñou.

Un obxectivo no que o Goberno galego si ten avanzado, xa que en xuño de 2024 encargou a unha empresa experta e independente un estudo pormenorizado do custo dos diferentes escenarios “que xa obra en poder do Goberno de España”.

“O primeiro escenario era o da transferencia da titularidade da AP-9 á Comunidade Autónoma e, segundo este estudo, tería un valor de 526 millóns de euros adicional ás bonificacións vixentes. Un segundo escenario avaliaba o rescate e, en consecuencia, a gratuidade; cuxo custo podería chegar aos 2.355 millóns de euros”, explicou urxindo ao Executivo central a elaborar o seu propio estudo tendo en conta o xa entregado pola Xunta.

O Pleno do Parlamento galego aproba a Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital

O Pleno do Parlamento galego aprobou hoxe a nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que “garante o futuro dos medios públicos para que sigan servindo á cidadanía dun xeito efectivo nun panorama dixital en constante e imparable transformación”, manifestou a deputada popular, Carmen Pomar. Así mesmo, asegurou que os medios públicos galegos “seguirán a ser independentes, cun modelo de xestión baseado na boa gobernanza, na administración rigorosa, na estabilidade e non na interinidade”.

Carmen Pomar manifestou que a nova lei “garante uns medios públicos que incorporan as necesidades das audiencias, capaces de ofrecer contidos de calidade que os conectan coa sociedade galega e o fan con rigor, pluralidade, obxectividade e profesionalidade”. “Estamos garantindo uns medios públicos na vangarda tecnolóxica, coa transformación dixital como piar que, ademais, son un motor da nosa industria audiovisual”, apuntou.

ADAPTADA AO MARCO NORMATIVO ESPAÑOL E EUROPEO

Ademais, afirmou que “sobre todo garántese a promoción, difusión e o impulso da lingua galega, e o coñecemento da identidade cultural e lingüística de Galicia”. Así, subliñou que “mantense sempre con firmeza e esixencia a principal razón de ser dos medios públicos autonómicos, que radicaba na súa creación e segue a facelo, na promoción, difusión e impulso da lingua galega para dar a coñecer a identidade cultural e lingüística de Galicia”. “Así foi ata o de agora e así continuará a suceder no futuro porque esta lei así o recolle explicitamente, con claridade e sen ningún tipo de dúbida”, puntualizou.

“Unha lei necesaria para actualizar o noso marco normativo á lexislación española e á europea”, indicou a deputada popular, quen sinalou que, “na liña das directrices europeas, a nova lei contempla a creación dun Consello Asesor de participación social e profesional, onde haberá representantes dos traballadores dos medios públicos”. En concreto, asegurou que “a nova lei prevé os mecanismos necesarios para garantir a independencia, a rendición de contas, a transparencia e a responsabilidade”.

Carmen Pomar destacou a “aposta polo diálogo e o consenso” que guiou a tramitación desta nova lei, que recibiu na súa fase de anteproxecto 111 alegacións, das que arredor dunha cuarta parte foron incorporadas total ou parcialmente. Neste sentido, dixo que “a Lei de medios é froito dun proceso transparente e participativo, que multiplica a pluralidade da futura Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, a través, por exemplo, do Consello Asesor de Participación Social e Profesional, cunha maioría dos seus integrantes elixidos por este Parlamento galego para dar cabida a practicamente todos os sectores relacionados e tamén a unha representación dos profesionais da Corporación”.