O Grupo Popular critica que BNG e PSdeG pidan hoxe suspender as axudas do Fondo de Transición Xusta cando hai 15 días pedían axilizar a súa concesión

O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, criticou hoxe “a incongruencia de BNG e PSdeG ao demandar hoxe no Pleno suspender a convocatoria das axudas do Fondo de Transición Xusta cando na sesión plenaria de hai 15 días pedían que se axilizase a concesión destas mesmas axudas”.

Rubén Lorenzo lamentou que “Galicia sofre as consecuencias de decisións precipitadas do Goberno de Pedro Sánchez no marco dunha transición inxusta que agora emendan”. En concreto, lembrou que España recibirá a través do Fondo de Transición Xusta 868 millóns de euros que recalará nos territorios de seis comunidades autónomas españolas, entre elas Galicia, afectados polo peche de minas de carbón e centrais térmicas de carbón.

CRITERIOS MARCADOS POR MADRID E EUROPA

“O programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027, deseñado polo Goberno de España e aprobado pola Comisión Europea, chega tarde, porque este retraso impediu que as axudas xa se puidesen activar ao longo do ano 2022; e chega mal, porque beneficia unicamente a concellos da provincia de A Coruña e exclúe os tres concellos da provincia de Lugo afectados polo peche de minas e centrais térmicas do carbón”, explicou o portavoz popular.

Deste xeito, apuntou que “as axudas artelladas pola Xunta, a través dos convenios de transición xusta, non poden facer outra cousa que non fose seguir os criterios marcados polo Goberno central e Europa, o que non supón que estes concellos se vexan favorecidos por outras axudas, a través do Inega ou do Igape, para paliar os efectos do peche das centrais térmicas”.

O Parlamento galego reproba a campaña sexista levada a cabo polo sindicato CIG contra a conselleira de Política Social

O Pleno do Parlamento de Galicia acordou hoxe, a través dunha proposición non lei do Grupo Popular, coa abstención do PSdeG e a ausencia de voto do BNG, reprobar a campaña sexista levada a cabo polo sindicato CIG contra a conselleira de Política Social, que claramente desvaloriza o traballo dun cargo político; así como calquera manifestación que vulnere o principio de igualdade. Ademais, exprésase a vontade de que o Bloque Nacionalista Galego, a través da súa voceira, a señora Ana Pontón, rexeite o contido sexista destes carteis.

A portavoz popular de Igualdade, Raquel Arias, considerou “imprescindible a reflexión conxunta e a condena dun dos ataques machistas e sexistas máis graves dos últimos tempos sobre unha muller con responsabilidades públicas, que xa foi reprobado por todos os sectores da sociedade galega agás o BNG e a súa lideresa, Ana Pontón”.

COVARDÍA QUE NORMALIZA TRATO VEXATORIO

“Ao non condenar esta viñeta, Ana Pontón demostra o covarde que é e normaliza o trato vexatorio cara unha muller que exerce responsabilidades públicas”, indicou Raquel Arias, quen apuntou que “tampouco se loita a prol do feminismo cando unha muller se queda sen argumentos no debate político e usa a súa condición de muller para no ser atacada, algo que usa a señora Pontón unha e outra vez neste Parlamento”.

Así mesmo, manifestou que a viñeta da CIG e a negativa do BNG a condenar expresamente a viñeta “vai en detrimento dos principios de igualdade e equidade, ademais de representar un descrédito profesional ao desvalorizar o traballo dunha persoa simplemente polo seu xénero”. “Desde o Grupo Popular consideramos que este tipo de actos non axudan en absoluto ao recoñecemento do valor da experiencia profesional das mulleres e ao traballo que se desenvolve pola igualdade das mulleres e dos homes”, dixo.

Coa decisión do BNG de negarse a votar esta iniciativa parlamentaria, Raquel Arias subliñou que “o nacionalismo galego, con Ana Pontón á fronte, queda absolutamente deslexitimado para falar de igualdade e feminismo, porque cada vez que teñen que elixir entre nacionalismo e igualdade, elixen nacionalismo; e cada vez que teñen que elixir entre a CIG e o feminismo, elixen a CIG”.

“Unha Ana Pontón que se presenta como unha feminista absolutamente combativa pero que, cando a vítima do machismo é unha muller que non pensa como ela, mira para outro lado, lanzando a mensaxe letal de que algunhas mulleres merecen menos protección que outras”, criticou a portavoz popular.

Para rematar, Raquel Arias considerou necesario “deixar moi claro que a igualdade e o feminismo é un principio ético universal, e que este Parlamento non tolera nin tolerará o uso político interesado da igualdade nin o silencio ante agresións políticas e persoais a ningunha muller, sexa cal sexa o seu partido político”.

O Grupo Popular avoga porque talento e esforzo sexa o único que determine o futuro laboral das mulleres galegas

A portavoz de Emprego do Grupo Popular, Noelia Pérez, destacou no Pleno do Parlamento galego o “firme compromiso do Goberno galego para seguir impulsando medidas que rompan barreiras en materia de igualdade laboral e garantan que o talento e o esforzo sexa o único que determine o futuro laboral das mulleres galegas”. En concreto, salientou que nunca houbo tantas mulleres traballando en Galicia, o paro feminino é dous puntos máis baixo que a media estatal e a fenda salarial está na menor cifra da serie histórica.

Noelia Pérez referiuse ás medidas adoptadas polo Goberno galego para combater a desigualdade laboral e fomentar a incorporación das mulleres en sectores masculinizados, así como os máis de 72 millóns de euros que este ano se destinarán ao apoio a autónomas e emprendedoras.

MEDIDAS DO GOBERNO CENTRAL

Neste sentido, demandou ao Goberno central que “adopte as medidas que lle estamos pedindo desde Galicia para abordar de verdade as desigualdades laborais e sociais que aínda persisten”. En concreto, solicitou que “o Goberno de Pedro Sánchez flexibilice os fondos finalistas de emprego para que a Xunta poida adaptalos á realidade e ás necesidades das mulleres de Galicia ou que transfira a Galicia a recadación do IRPF das cotizacións das traballadoras autónomas en concepto de formación profesional”.

“Non podemos aceptar que queiran vir a darnos leccións sobre igualdade laboral os mesmos que teñen afogados ás pequenas e medianas empresas e autónomos e autónomas, porque desde que o Partido Socialista chegou a Madrid, co apoio gratuíto do BNG, os custos laborais disparáronse un 40 por cento, acadando os 54.000 millóns de euros”, manifestou a portavoz popular. Así, apuntou que “esta situación supón máis custes sociais, que se traducen en menos empregabilidade para as mulleres e unha rebaixa dos salarios”.

Por outra banda, Noelia Pérez criticou o “feminismo intermitente” do BNG, “para o que existen mulleres de primeira e de segunda, pedindo respecto para unhas e non para as outras”. “Iso non é feminismo, é sectarismo, e están a xerar división baixo o paraugas de igualdade”, incidiu.

“A inmensa maioría das mulleres de Galicia estamos fartas de que o BNG nos use para o seu discurso mentres temos que soportar os seus machismos, os seus desprezos e o seu paternalismo”, afirmou a portavoz popular.

O Parlamento de Galicia reitera ao Goberno central a solicitude para que declare o Xacobeo 2027 como evento de excepcional interese para que as empresas poidan acceder a beneficios fiscais

O Pleno do Parlamento de Galicia reiterou hoxe ao Goberno de España, a través dunha proposición non de lei do Grupo Popular que foi aprobada por unanimidade, a solicitude para que declare o Xacobeo 2027 como acontecemento de excepcional interese ao abeiro do previsto Lei 49/2002 de réxime fiscal de entidades sen ánimo de lucro, e de incentivos ao mecenado, e con efectos xa desde o presente ano 2025.

O portavoz popular de Turismo, Borja Verea, lamentou que, “a pesar de que existe un consenso total en que o Xacobeo 2027 sexa declarado evento de excepcional interese público, aínda non o é a día de hoxe”. Neste sentido, apuntou que “a causa principal é a falta de orzamentos estatais”, ante o que demandou “vontade política para poñer en marcha esta declaración a través doutra lei ou incluso dunha lei independente aos orzamentos”. “O que fai falta é vontade política por parte do Partido Socialista e do Goberno de Pedro Sánchez”, dixo.

Borja Verea explicou que esta declaración “permite poñer en marcha os incentivos fiscais de apoio ao Xacobeo 2027 e, polo tanto, abre a porta á colaboración público-privada”, que no anterior Xacobeo 2021-22 permitiu poñer a disposición de todos os galegos 28 millóns de euros procedentes de 40 empresas colaboradoras.

TEMPO DO URXENTÍSIMO

“Estamos no tempo do urxentísimo para que se declare o Xacobeo 2027 como evento de excepcional interese público, porque de non facelo terá consecuencias negativas para Galicia e para os galegos”, sinalou o deputado popular, quen anotou que, “se a insistente unanimidade do Parlamento de Galicia non é suficiente para activar ao Goberno de España, só quedaría a triste conclusión de que estamos ante un boicot doloso co único obxectivo de facer dano a Galicia por intereses partidistas”.

Para rematar, Verea manifestou que o próximo Ano Santo Xacobeo 2027 “representa unha oportunidade única para reforzar o posicionamento internacional de Galicia como destino cultural de referencia a nivel mundial, e isto terá un impacto directo sobre os sectores estratéxicos da economía galega e, tamén, sobre iniciativas de sostibilidade e preservación do patrimonio, porque o Camiño de Santiago e o Ano Santo son os produtos culturais máis sostibles, máis socializadores e máis ecolóxicos que existen, e que temos a sorte histórica que sexan 100 por cento galegos”.