O PPdeG salienta que 320 mozos gandeiros, 133 novos agricultores e 370 explotacións beneficiáronse das axudas para a modernización do sector e a incorporación de novos profesionais

Os deputados do Grupo Popular Miguel Viso e Víctor Manuel Baladrón salientaron hoxe que 320 mozos menores de 40 anos, 133 novos agricultores e 370 explotacións galegas beneficiáronse o pasado ano das axudas da Xunta para a modernización do sector gandeiro e a incorporación de novos profesionais ao sector.

Miguel Viso e Víctor Baladrón visitaron a explotación gandeira familiar Gandainas no concello ourensán de Riós, que se beneficiou dunha axuda da Xunta para a construción dun novo almacén, infraestrutura fundamental para optimizar a xestión de recursos e garantir o almacenamento de forraxe, ademais de acceder a un plan de mellora destinado ao peche perimetral da explotación, mellorando así a seguridade e o benestar animal.

GANDERÍA SOSTIBLE E RENDIBLE

Miguel Ángel Viso resaltou que “a modernización das explotacións gandeiras é clave para manter un sector competitivo e preparado para afrontar os retos do futuro”. Deste xeito, lembrou que desde a Xunta “apostamos por un modelo de gandería sostible e rendible, facilitando aos profesionais as ferramentas necesarias para mellorar as súas instalacións e procesos produtivos”. Ademais, destacou que “estes investimentos favorecen a profesionalización e a incorporación de novos profesionais ao agro galego”.

Pola súa banda, Víctor Manuel Baladrón sinalou que “estas axudas non só melloran as condicións laborais no sector agrogandeiro, senón que tamén axudan a fixar poboación no rural, dinamizando economicamente as nosas vilas e aldeas e garantindo que o rural galego sexa un espazo de oportunidades”. “Contar con instalacións modernas e ben acondicionadas é esencial para que os profesionais do sector poidan desenvolver o seu traballo con maior eficiencia e comodidade”, apuntou.

Finalmente, ambos os deputados “felicitaron aos responsables da explotación visitada polo seu esforzo e compromiso cun modelo produtivo que combina tradición e modernidade, contribuíndo a facer do rural galego un lugar atractivo para vivir e traballar”.

O PPdeG solicita ao Goberno central o arranxo urxente da estrada N-550 entre A Coruña e Santiago

As deputadas do Grupo Popular Carmen Pomar e Cecilia Vázquez anunciaron hoxe a presentación dunha iniciativa no Parlamento de Galicia solicitando ao Goberno central o arranxo urxente da estrada N-550 entre A Coruña e Santiago, “un exemplo evidente dunha vía extremadamente perigosa, tanto para os condutores como para os peóns, polo pésimo estado do firme, a sinalización e a iluminación”.

Carmen Pomar e Cecilia Vázquez percorreron diversos tramos desta estrada nacional acompañadas dos alcaldes de Ordes, José Luís Martínez, e de Oroso, Álex Doval, para comprobar “as condicións deplorables nas que se atopa, cun asfalto moi deteriorado que precisa dunha intervención integral urxente, tanto para a seguridade como para a comodidade dos usuarios”.

DESPREZO DO GOBERNO CENTRAL

Así mesmo, as deputadas populares comprobaron como “a sinalización e a iluminación desta estrada, tanto horizontal como vertical, é deficiente en moitos puntos, o que incrementa a sensación de inseguridade para os condutores e incluso para os peóns que cruzan esta estrada nas numerosas poboacións polas que pasa”.

“Os galegos xa sufrimos o desprezo e o castigo do Goberno de Pedro Sánchez co aprazamento sine die da transferencia da AP-9 a Galicia e as maiores peaxes de España nesta autoestrada, pero non podemos consentir que tamén teñamos que sufrir a penitencia dunha N-550 que se atopa nunhas condicións deplorables, poñendo en serio risco aos que circulamos habitualmente por esta estrada e tamén aos veciños que viven nos seus arredores”, sinalaron.

Rueda comprométese a ir a Teo durante esta lexislatura para facer moitos proxectos realidade

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, comprometeuse hoxe a ir a Teo ao longo desta lexislatura para facer realidade os proxectos que o Goberno galego ten en marcha neste concello con “moitísimo futuro”. “Imos facer moito no que queda destes catro anos”, subliñou.

Rueda participou na I Xuntanza Anual do Partido Popular de Teo, na que exerceu como anfitrioa a alcaldesa e presidenta do PP local, Lucía Calvo, e na que participaron preto de 600 persoas.

“A diferenza entre un concello que durmía e un concello que espertou e vai a por todas chámase Lucía Calvo”, salientou sobre a rexedora, e asegurou que “desde hai dous anos, en Teo respírase outro ambiente”.

Así, o líder dos populares galegos sinalou que este municipio “necesitaba un revulsivo para saír desa parálise na que estaba e necesitaba unha persoa que lle puxera as pilas a todo o mundo e que dixera que as oportunidades que estaban aproveitando noutros sitios, aquí había que aproveitalas tamén”.

Neste sentido, destacou tamén de Lucía Calvo que é “unha persoa que non acepta un non por resposta, insistente e firme á hora de esixir o que faga falta”: “O único que quere é protagonismo para o concello que goberna”.

Entre os proxectos, Rueda mencionou o avance para completar a autovía entre Santiago e A Estrada (AG-59), que beneficiará directamente aos veciños de Teo.

DIEGO CALVO: “EN TEO QUEREMOS MÁIS PP E MÁIS LUCÍA”

Pola súa banda, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, felicitou á agrupación local e a Lucía Calvo pola iniciativa desta xuntanza, un tipo de encontros que “dan forza” para seguir co proxecto que os populares puxeron en marcha hai dous anos. “Un proxecto de estabilidade e de seriedade no seo do goberno local, pensado só para servir aos veciños de Teo e para conseguir que Teo teña todo aquilo que necesita”, subliñou.

Calvo abundou en que agora este concello está “apartado de liortas de tripartitos formados por todo o que os galegos levamos anos dicindo que non queremos: nin BNG, nin PSOE, nin mareas”. “Por iso, aquí en Teo queremos máis PP e máis Lucía, un grande exemplo por moitas cousas e todas boas”, concluíu.

MIGUEL TELLADO: “O PSOE É O PARTIDO DOS PEORES GOBERNOS”

Pola súa banda, o portavoz do PP no Congreso dos Deputados, Miguel Tellado, acusou ao Goberno de Sánchez de non ter principios por sentar a Bildu na Moncloa. Segundo denunciou, o Executivo “sen principios” de Sánchez borrou os delitos de malversación e sedición e “normalizou” aos herdeiros de ETA.

“Esta semana tivemos que ver unha imaxe tremendamente lamentable: como a portavoz de Bildu accedía ao Palacio da Moncloa para pactar non se sabe que co Goberno de Pedro Sánchez”, censurou, á vez que afirmou que o PSOE é hoxe “o partido da corrupción, dos peores gobernos, do enchufismo e do amiguismo, e de tanta hipocrisía”.

Miguel Santalices participa nas xornadas ‘Máis España, máis Europa’ sobre democracia e parlamentarismo

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, participou nas xornadas ‘Máis España, máis Europa. A preservación dos valores democráticos no debate parlamentario’, un foro no que se abordaron os principais desafíos que afectan á democracia e ao parlamentarismo en España.

Durante a súa intervención, Santalices resaltou o compromiso dos presidentes autonómicos na defensa da dignidade da democracia e do parlamentarismo democrático, como base para fortalecer a confianza da cidadanía nas institucións. Apostou tamén por unha rexeneración política e institucional que garanta o respecto aos valores democráticos e fortaleza o debate parlamentario como instrumento esencial na vida política do país.
Estas xornadas serviron como espazo de reflexión e diálogo sobre o futuro da democracia en España e en Europa, poñendo de manifesto a necesidade de traballar en conxunto para preservar os principios fundamentais que sustentan as nosas institucións.

Paula Prado celebra que os veciños de Outes volvan ter en Fran Calo un alcalde responsable e centrado nas necesidades do concello

O Partido Popular de Galicia celebra que os veciños de Outes volvan ter, da man de Fran Calo, un alcalde responsable e centrado en atender as necesidades deste concello desde a responsabilidade e o sentidiño.

Así o manifestou hoxe a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, que arroupou ao novo rexedor e á familia do PP de Outes na 27ª edición da laconada organizada pola agrupación local do partido e na que todos eles brindaron polo inicio dunha nova etapa de éxitos e de maior benestar para os veciños.

Na xuntanza, con máis de 150 asistentes, tamén estiveron presentes o responsable de Cultura, Lingua e Xuventude no Goberno galego, José López Campos, e o secretario xeral provincial do PP da Coruña, Evaristo Ben.

Logo de ser o candidato máis votado nas pasadas eleccións municipais, con case un 46% de apoio, Fran Calo vén de ser investido alcalde como resultado dunha moción de censura na que o PP actuou desde a responsabilidade e co único obxectivo de impulsar Outes ante a inestabilidade dun goberno paralizado e derivado dun pacto de perdedores que en nada beneficiou á cidadanía.

Por último, Paula Prado agradeceu á agrupación local o traballo realizado para que, hai pouco máis dun ano, o presidente Alfonso Rueda recibira neste municipio máis de 2.000 votos e un 57,37 % de apoio para lograr a súa primeira maioría absoluta.

O PPdeG celebra o avance no obxectivo de que España rebaixe o nivel de protección do lobo e garantir así o equilibrio no medio rural

 

Un gran avance que se acadou esta semana logo de que o Senado aprobase as emendas dos populares á lei de desperdicio alimentario e nas que o partido incluíu esta reiterada reivindicación das comunidades lobeiras e do sector gandeiro.

Non obstante, lamentan desde o PPdeG, as emendas contaron co voto en contra tanto dos senadores galegos do PSOE como da representante do BNG, que “en Galicia din defender o medio rural, pero en Madrid fan todo o contrario”.

Agora, as emendas deberán ser ratificadas o próximo xoves no debate do proxecto de lei no Congreso dos Deputados e, no caso de que os partidos que as apoiaron no Senado manteñan a coherencia do seu voto na Cámara Baixa, isto suporá a saída inmediata e definitiva do lobo do Lespre.

O GOBERNO DE ESPAÑA NON ATENDEU O MANDATO DE EUROPA

Deste xeito, tal e como destaca o eurodeputado do PPdeG Adrián Vázquez, España situaríase na mesma liña que Europa no que se refire á defensa do equilibrio entre a conservación desta especie e a garantía de futuro do sector gandeiro.

Recorda neste sentido que Bruxelas “cambiou as regras de xogo” para avanzar no control cinexético do lobo “outorgando aos Estados membros liberdade para decidir como manexar as superpoboacións desta especie que tantos problemas está a causar aos nosos gandeiros”. Algo que nunca fixo o Goberno de España, que desde 2021 outorga ao lobo a categoría de especie especialmente protexida.

Trátase dun nivel de protección que, tal e como denuncia, está “frustrando o esforzo diario de quen sofre os seus ataques e ve minguados os seus gandos”, un extremo que se pode comprobar no caso de Galicia, que é unha das comunidades máis afectadas e onde o sector gandeiro leva anos pedindo solucións.

“Ninguén cuestiona que o lobo deba ser protexido, pero tampouco debería cuestionarse que é imprescindible garantir un control efectivo da súa poboación para frear os danos que está provocando”, explica incidindo en que, co novo marco europeo e cos avances lexislativos acadados polo Partido Popular, España ten agora a oportunidade de equilibrar a conservación do lobo e a supervivencia dun sector gandeiro “que xa non aguanta máis abandono”.