O Parlamento de Galicia solicita a posta en marcha de máis recursos en apoio das persoas con trastorno do espectro autista

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita a posta en marcha máis recursos en apoio das persoas con trastorno do espectro autista (TEA) e das súas familias, co obxecto de que poidan recibir os coidados, intervencións e desenvolver o seu proxecto vital con calidade.

A portavoz popular de Política Social, Raquel Arias, sinalou que o TEA “acompaña ao longo de toda a súa vida á persoa, aínda que as súas manifestacións poden variar en función da etapa vital, das experiencias e da axuda coa que conte”. “Deste xeito, a intervención debe ir orientada a proporcionarlle á persoa con TEA os apoios que necesite en cada etapa para que poida desenvolver o seu proxecto de vida en base aos seus intereses e preferencias”, apuntou.

“As familias son o principal apoio da persoa autista, así como a actividade das entidades que traballan na mellora da calidade de vida das persoas con TEA”, concretou a portavoz popular, quen dixo que por este motivo “o Goberno galego pon a disposición das persoas autistas, das súas familias e asociacións unha rede de servizos e recursos en ámbitos de especial sensibilidade, como son o sanitario, o educativo e o social”.

COLABORACIÓN

Dentro do ámbito social, Raquel Arias salientou que “a Xunta incrementou nos últimos anos as prazas e recursos baixo a premisa de que resulta un obxectivo prioritario manter a colaboración entre administracións, familias e entidades sociais, co obxectivo de garantir un acompañamento ás persoas con TEA e conseguir mellorar a súa autonomía; e impulsar a concienciación na sociedade para favorecer a súa integración”.

Na actualidade, a Xunta financia 267 prazas para persoas co autismo por toda Galicia, unha cifra que se incrementará coas 20 prazas específicas que se habilitarán dentro do CAPD de Ourense e outras máis que se porán a disposición nos centros de Nigrán, Moraña ou Vilagarcía.

Raquel Arias destacou a futura posta en marcha na localidade lucense de Friol dunha residencia pioneira en España destinada a persoas con autismo, coa fin de axudalos a desenvolver vidas independentes e autónomas. Este proxecto, que suporá un investimento de 4 millóns de euros, xorde da colaboración entre a Xunta e a asociación Aspanane e porá a disposición das persoas con TEA 48 prazas en seis módulos independentes e autónomos.

O Parlamento pide ao Goberno central que actualice o Estatuto Marco do persoal de sanidade en coordinación coas comunidades autónomas

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que plantexe a actualización do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos públicos de saúde en coordinación coas comunidades autónomas. “A reforma proposta impoñería novas restricións que dificultarían a retención do talento e a estabilidade no sistema sanitario galego”, sinalou a portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo.

O Estatuto Marco é a normativa básica que regula as relacións laborais do persoal sanitario e non sanitario do Sistema Nacional de Saúde. “Na actualidade, despois de 20 anos da súa aprobación, é necesario actualizalo para adaptalo aos novos desafíos do sistema de saúde”, sinalou Encarna Amigo.

Porén, lamentou que “o Ministerio de Sanidade elaborou a proposta de novo Estatuto Marco sen consultar previamente cos axentes implicados, o que xerou un clima de malestar e incerteza no sector”. “Esta reforma debe ser froito dun proceso participativo, no que se escoiten as necesidades das comunidades autónomas, responsables da xestión sanitaria, e dos profesionais, quen serán directamente afectados polos cambios”, dixo.

PETICIÓNS DESDE GALICIA

Deste xeito, a portavoz popular concretou que “desde Galicia pedimos que a reforma do Estatuto Marco teña en conta as particularidades de cada comunidade autónoma; inclúa un estudo económico detallado que garanta a viabilidade financeira das medidas; reforce a estabilidade e retención do talento no sector sanitario; e non impoña restricións innecesarias que limiten a conciliación e o desenvolvemento profesional dos sanitarios”.

“O Estatuto Marco require unha actualización, pero a reforma impulsada polo Ministerio xerou un forte rexeitamento por falta de consenso, impacto negativo na organización sanitaria e vulneración de competencias autonómicas”, indicou a portavoz popular, quen anotou que “as medidas propostas poderían agravar o problema de falta de médicos, dificultar a xestión dos servizos autonómicos de saúde e xerar un maior gasto sen financiamento garantido”.

O Parlamento de Galicia pide ao Goberno de España que asuma o 50 por cento dos custes da dependencia e abone a débeda de 2.500 millóns de euros que ten coa Comunidade galega

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do PSdeG, a través da que se pide ao Goberno do España que asuma o 50 por cento dos custes das prestacións de atención á dependencia, en cumprimento do establecido na Lei de dependencia, e abone os 2.500 millóns de euros de débeda acumulada que ten con Galicia polo impago dos servizos prestados aos dependentes.

A portavoz popular de Política Social, Raquel Arias, manifestou que “a atención aos dependentes está condicionada polas débedas do Estado nesta materia, xa que a Xunta afronta case o 70 por cento do gasto cando o financiamento debería ser a partes iguais”.

EN DETRIMENTO DOS DEPENDENTES

“Galicia sempre foi e segue sendo solidaria, pero esiximos planificación, financiamento e equidade porque estamos falando de persoas que necesitan atencións”, indicou.

Ademais, Raquel Arias criticou que “menten cando afirman que o Goberno central paga unha maior porcentaxe cada ano, cando o certo é que en 2023 a súa aportación foi do 40 por cento e o pasado 2024 pasou ao 34,9 por cento”. “Esta situación vai en detrimento do conxunto dos galegos, porque ese gasto hai que detraelo doutras partidas, pero sobre todo vai en detrimento dos dependentes, que poderían ter moitas máis prazas en residencias, centros de día ou servizo de axuda no fogar”, apuntou.

Porén, a portavoz popular afirmou que “a situación pode empeorar porque o Goberno de Pedro Sánchez aprobou, na véspera das eleccións xerais, un Real-Decreto que supuxo máis horas de axuda no fogar en todos os graos e maiores prestacións económicas, sen falar coas comunidades autónomas nin os concellos e, o que é peor, sen que o Estado aporte o financiamento necesario”. “Unha situación que se repite na reforma da Lei de dependencia que está a tramitar para dar máis prestacións económicas e servizos para os dependentes, pero que se fará, unha vez máis, sen financiamento estatal”, engadiu.

O Parlamento de Galicia reitera a solicitude ao Congreso para que desbloquee a tramitación da proposición de lei de transferencia da AP-9

O Parlamento de Galicia acordou hoxe, a través dunha proposición non de lei do Grupo Popular aprobada por unanimidade, dirixirse ao Congreso dos Deputados, en particular á Mesa e a súa Presidenta, co fin de que desbloquee a tramitación da proposición de lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto, acordando, de xeito inmediato, a finalización do prazo para a presentación de emendas para permitir que este texto lexislativo avance cara ao debate de aprobación definitiva. Así mesmo, demándase ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para que avalíe a oportunidade do rescate da autoestrada AP-9, xa que logo sería máis económico que o mantemento das bonificacións das peaxes ata o fin da concesión.

O portavoz popular de Infraestruturas, Roberto Rodríguez, lembrou que o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade o pasado 19 de decembro de 2023 a proposición de lei para que o Goberno de España transfira a Galicia a titularidade e competencias sobre a AP-9.

NOVA TOMADURA DE PELO AOS GALEGOS

“O que constituía unha boa nova estase a converter nunha nova tomadura de pelo como consecuencia do bloqueo que está a impoñer o Goberno de Pedro Sánchez a esta transferencia”, criticou o portavoz popular, quen puxo de manifesto ás 39 prórrogas ou ampliacións de prazos de emendas que xa leva esta proposición de lei na súa tramitación no Congreso.

Roberto Rodríguez reclamou ao Goberno central que “aborde as cuestións relativas á AP-9 con maior transparencia, porque a situación actual desta estrada, con incrementos continuos nas peaxes ata convertela na mais cara de España, supón un agravio que está a prexudicar a economía das familias e a competitividade de sectores estratéxicos como o transporte e a construción”.

Para rematar, o portavoz popular demandou “un estudo serio e transparente do que custaría transferir e rescatar a AP-9” e asegurou que “os galegos esperan responsabilidade do Goberno central e que adopte as medidas necesarias para conseguir unha AP-9 100 por cento galega e gratuíta, tal e como prometeron aos galegos”.

O Parlamento de Galicia pide á Xunta que realice unha campaña de medición da calidade de aire na contorna da factoría de Tableros Hispanos en Lugo

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable de BNG nin de PSdeG, a través da que se solicita á Xunta que realice unha campaña de medición indicativa da calidade do aire na contorna da factoría de Tableros Hispanos, emprazada no termo municipal de Lugo, para avaliar se é necesaria a instalación dunha nova estación permanente de medición da calidade do aire. Así mesmo, pídese a esta empresa que realice un plan de diminución de emisións que inclúa medidas para reducir ao máximo posible a contaminación no proceso produtivo e favorecer a convivencia da veciñanza con esta actividade nun contorno saudable e libre de molestias.

A viceportavoz popular Cristina Sanz lembrou que “Tableros Hispanos posúe autorización ambiental integrada desde o ano 2016 e, nas sucesivas revisións, foi incorporando os mecanismos de control e melloras técnicas dispoñibles para intentar reducir ao máximo as emisións á atmosfera que teñen lugar como consecuencia do desenvolvemento do proceso produtivo”.

RESPOSTA MÁIS EFECTIVA

“Porén, e a pesar de que Tableros Hispanos cumpre a día de hoxe cos condicionantes da Autorización Ambiental Integrada e conta cunha estación medidora da calidade do aire, en determinadas ocasións a calidade do aire é obxecto de preocupación entre a veciñanza da contorna, que describen molestias nos días de maiores emisións con cheiros, ruídos e problemas respiratorios”, sinalou Cristina Sanz.

Diante desta situación, a viceportavoz popular considerou necesario “dar unha resposta máis efectiva aos veciños e veciñas”, para o que se propón avaliar a necesidade de incorporar medidas adicionais, pensando en garantir a calidade de vida da veciñanza e en mellorar a convivencia con esta actividade.

Cristina Sanz concretou que, en primeiro lugar, “pedimos que a Xunta realice unha campaña de medición da calidade do aire na contorna da factoría de Tableros Hispanos, empregando para iso a unidade móbil da Administración autonómica”. “En función dos resultados acadados nesa medición, avaliarase se é necesaria a instalación dunha segunda estación permanente de medición da calidade do aire, a maiores da existente e tal e como están a reclamar os veciños”, apuntou.

ESFORZO Á EMPRESA

“Paralelamente, tamén pedimos un esforzo á empresa, á que lle instamos a que realice un plan de diminución de emisións que inclúa medidas para reducir ao máximo a posible contaminación no proceso produtivo e favorecer a convivencia da veciñanza coa actividade, que leva desenvolvéndose desde hai décadas nesa planta lucense”, sinalou.

A viceportavoz popular indicou que “estamos poñendo deberes tanto á empresa como á Xunta, que ata o momento amósase como a única administración que está traballando e realizando os controis necesarios para o cumprimento da normativa vixente”. Así, lamentou que o Concello de Lugo “está actuando como un mero espectador ante as queixas veciñais” e lembrou a moción debatida no Pleno municipal do pasado mes de maio no que o BNG rexeitou a emenda de adición do Grupo Popular para que o Concello de Lugo exercera as súas competencias respecto da instalación desta planta, como é o caso do control de ruídos.

O PPdeG subliña a importancia que teñen para o futuro de Galicia e do seu rural a atracción de investimentos e a xeración de emprego

O Partido Popular de Galicia subliña a importancia que ten para o futuro da Comunidade e do seu rural, o feito de que os concellos teñan capacidade para ofrecer servizos, atraer investimentos e xerar emprego no territorio.

Así o puxo de manifesto hoxe a secretaria xeral do partido, Paula Prado, logo de manter un encontro en San Xoán de Río co alcalde Xosé Miguel Pérez e no que tamén participaron a secretaria xeral provincial, Sandra Quintas, os integrantes do grupo municipal e outros representantes do PP na provincia e na comarca.

“A xente ten que poder vivir no rural e do rural”, explicou poñendo como exemplo a seguir o caso deste concello ourensán que, a pesar de ter apenas 500 habitantes, conta cun centro social onde os veciños poden realizar actividades, con establecementos hostaleiros para atraer turismo, cun centro de saúde, cunha Casa de Maior e con moitos outros servizos a disposición dos seus veciños.

Este é, segundo remarcou a número dous dos populares galegos, o modelo dos gobernos dun PPdeG que “sempre apoiará todas aquelas iniciativas empresariais que queiran instalarse en Galicia para xerar emprego, actividade económica, riqueza e contribuír a construír un futuro verde e sostible para a Comunidade”.

Iniciativas como a que prevé poñer en marcha Altri en Palas de Rei e ante a que a esquerda manifesta unha “férrea oposición” a pesar de que conta cunha Declaración de Impacto Ambiental favorable avalada por 34 informes sectoriais e asinada por 42 técnicos da Xunta de Galicia. O cal “acredita que este proxecto cumpre con todas as garantías medioambientais e con toda a normativa europea e nacional”.

De aí que Paula Prado aproveitase a ocasión para facer un chamamento tanto ao BNG como ao PSOE para que “recapaciten” sobre as súas posturas, lamentando que ante unha cuestión como esta os independentistas galegos “digan non a todo” e os socialistas opten pola “indefinición”.

“As críticas da oposición a este proxecto só se poden entender como unha vinganza por perder as eleccións”, concluíu mostrando a súa perplexidade ante os cambio de opinión de partidos que no seu día apoiaban publicamente este proxecto e cuxos alcaldes reclamaban a súa instalación nos seus concellos.