O PP defende a política como “instrumento útil” trala retirada do lobo da LESRPE, unha medida para “frear algo prexudicial para o sector gandeiro”

O PP defende a política como “instrumento útil” trala retirada do lobo da Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (LESRPE), unha reivindicación do sector “como confirma a cantidade de gandeiros e gandeiras que hoxe nos acompañan na Cruz da Cancela”, segundo sinalou a presidenta do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, que participou no encontro xunto a deputados nacionais, senadores, deputados autonómicos, alcaldes e portavoces da zona.

Candia subliñou que “a capacidade de consenso do Partido Popular” conseguiu “frear algo que era prexudicial para o sector agrogandeiro, especialmente para a gandería en extensivo e para as persoas que apostan por vivir e traballar en lugares coma este”.

No marco do encontro con gandeiros e gandeiras afectadas por ataques de lobo aos animais das súas explotacións; o deputado lucense no Congreso, Francisco Conde, destacou a importancia de conseguir este obxectivo “que levabamos catro anos reivindicando en conxunto co sector agrogandeiro. Temos que agradecerlles que confiara en nós”. Así, “hoxe podemos compartir a noticia de que se reverteu unha situación que prexudica aos gandeiros e gandeiras”.

Conde subliñou tamén que esta medida permite avanzar cara ao equilibrio: “a protección necesaria da especie, pero tamén do desenvolvemento da actividade gandeira”. Polo que agarda que “se respecte por parte do PSOE e do BNG esta decisión adoptada no Congreso para volver á situación de equilibrio de protección do lobo e a actividade agrogandeira”.

E lembrou que “a Xunta dende o primeiro momento intentou que non se introducira o lobo nesta listaxe”, pero o Goberno de España adoptou esa decisión no 2021 de forma unilateral e sen avais técnicos.

A saída do lobo da LESRPE queda aprobada definitivamente co apoio maioritario no Congreso á proposta do Partido Popular e despois de pasar xa polo Senado onde se aprobara tamén a semana pasada.

Os gandeiros e gandeiras confirmaron “ataques continuos” aos seus animais, especialmente crías: “atopámonos poldros mortos tódolos días”. De feito, explican que “xa non hai poldros” e, polo tanto, non hai relevo. “Neste momento, o lobo está demasiado estendido”. Incluso lembraron un ataque recente en Mondoñedo: “no Couto, no medio das casas, a semana pasada matou 6 ovellas”.

No ano 2024 a provincia de Lugo rexistrou máis de 1.000 avisos de ataques e contabilizáronse máis de 1.000 reses afectadas do total de máis de 2.000 avisos en Galicia e dos máis de 3.000 animais que sufriron ataques. É dicir, 1 de cada 3 animais afectados en Galicia era da provincia de Lugo.

CANDIA: “O CAMBIO ENTRE O SI E O NON DO PSOE E O BNG A ALTRI FORON AS PASADAS ELECCIÓNS AUTONÓMICAS”
Elena Candia quixo enviar unha “mensaxe de confianza e tranquilidade” en relación ao proxecto da biofábrica de Altri: “Son 34 informes realizados por 42 técnicos que avalan os requisitos medioambientais a esta industria”. Ademais, trasladan ao promotor “máis de 60 requisitos para garantir o cumprimento normativa en materia ambiental”.

A presidenta do PP da provincia preguntouse cal foi o motivo do “cambio de criterio de PSOE e BNG” que, incluso, “reclamaban que este proxecto se implantara na Mariña. O que pasou entre o si e o non foron as pasadas eleccións autonómicas”.

Candia reivindicou “o dereito a implantar industria e xerar emprego na provincia”, tal e como “nos pediron os galegos nas pasadas eleccións autonómicas co 54% de apoio”. E engadiu “queremos apostar porque a mocidade teña oportunidade de traballar na provincia, defendemos os proxectos e promotores que invistan na provincia. E non vai a ser a costa de incumprimentos medioambientais”, remarcou.

A popular subliñou que “seguiremos traballando para que Lugo sexa un territorio de oportunidades e o noso proxecto político, igual que dicía antes das eleccións, segue dicindo si a Altri, un proxecto garantido medioambientalmente e que pechará o ciclo nun sector importantísimo na nosa provincia”.

O PPdeG destaca o compromiso de Alfonso Rueda por resolver os problemas da mocidade galega fronte ao abandono de Pedro Sánchez

O Partido Popular de Galicia pon en valor as medidas do Goberno galego en materia de vivenda e contrapón a un Alfonso Rueda que “se preocupa e se ocupa” dos problemas da mocidade fronte a un Pedro Sánchez que “segue sen asumir a súa responsabilidade e esquece o moito que ten que dicir e facer para mellorar o acceso á vivenda no noso país”.

Así o manifestou hoxe a deputada do PPdeG no Parlamento de Galicia e presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, na súa intervención no acto ‘La voz de los jóvenes en el debate parlamentario’ organizado polo PP nacional en Mérida e ao que tamén acudiron os deputados autonómicos Raúl Santamaría e Cristina Campero e o deputado nacional Juan Andrés Bayón.

Grueira puxo en valor o reforzo do Goberno galego nas súas iniciativas orientadas á mocidade co obxectivo de facilitarlle o acceso a unha vivenda e, con iso, permitir que os mozos e mozas galegas poidan iniciar un proxecto de vida e aproveitar todo o seu talento. Iniciativas, como, por exemplo, o Aval Mozo, a prioridade dos menores de 36 anos no acceso ás vivendas de promoción pública ou o Bono Emancípate.

O PPdeG salienta as oportunidades que abre Artesanía Alimentaria aos produtores galegos que comercializan a través deste selo de calidade

Os deputados do Grupo Popular Juan Casares e José Luís Ferro salientaron hoxe as oportunidades que se lles abren aos produtores galegos que comercializan a través do selo de calidade Artesanía Alimentaria.

Juan Casares e José Luís Ferro visitaron Queixos Feijóo, unha industria fundada en 1949, localizada no concello de Celanova e que segue unha longa tradición queixeira sempre en mans da mesma familia. “Estamos a falar dunha empresa que aposta claramente pola calidade e pola posta en valor das materias primas da zona, xa que ten como un dos seus provedores a produtores instalados na aldea-modelo de Xacebáns”, sinalaron.

Durante a visita, os deputados populares salientaron a importancia de que este tipo de empresas estean adheridas a selos e marcas de calidade, como Galicia Calidade, a denominación de orixe protexida Queixo Tetilla ou a Artesanía Alimentaria no caso da empresa Queixos Feijóo.

CALIDADE AGROALIMENTARIA

Artesanía Alimentaria é unha marca de calidade que ampara producións de todo o abano do sector alimentario que teñen a súa elaboración a pequena escala, de xeito predominantemente manual, con intervención directa do titular da empresa, con materias primas seleccionadas, sen aditivos e cunha presentación moi coidada.

“Esta aposta pola calidade agroalimentaria de Queixos Feijóo traduciuse en galardóns que, ano a ano, obtén nos certames e concursos queixeiros máis prestixiosos a nivel nacional como internacional, como o Gourmets ou o World Cheese Awards”, destacaron os deputados populares.

O PPdeG critica “a mentira e o engano aos galegos” de BNG e PSdeG coa protección do lobo ao votar unha cousa en Galicia e a contraria en Madrid

Os deputados do Grupo Popular Rubén Lorenzo e Ethel Vázquez criticaron hoxe que “os deputados do BNG e do PSdeG viven na mentira e o engano permanente aos galegos” e concretaron que “a última falcatruada fixérona coa rebaixa da protección para o lobo: primeiro votaron a favor de quitarlle esta protección no Parlamento galego e o pasado xoves no Congreso votaron posicionáronse en contra”.

Rubén Lorenzo e Ethel Vázquez, acompañados do alcalde, José Manuel Mato, visitaron a explotación Devesa Langueirón en Ponteceso para poñer en valor a aprobación o pasado xoves no Congreso da saída do lobo da listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lespre), “unha medida que permitirá que o rural galego e os nosos gandeiros volvan ter a protección que merecen fronte aos ataques deste animal”.

Neste sentido, criticaron o voto en contra no Congreso dos deputados do PSOE e do BNG a este acordo, “cambiando a súa postura so catro meses despois de que no Parlamento galego votarán a favor de quitarlle a protección ao lobo”. “O que puxeron de manifesto os deputados galegos, tanto socialistas como nacionalistas galegos, é que o único que lles interesa é atender sempre os intereses de Pedro Sánchez, dando as costas neste caso aos nosos gandeiros e a defensa das súas explotacións”, indicaron.

CRITERIOS RESPONSABLES

“Galicia sempre defendeu que a inclusión do lobo no Lespre non obedecía a criterios responsables, porque o lobo está moi lonxe de estar en perigo de extinción, xa que está presente en máis do 90 por cento do territorio galego, e, de xeito paralelo, o número de avisos por ataques incrementouse un 72 por cento desde 2021, cunha aumento das reses afectadas do 57 por cento”, explicaron.

Porén, os deputados popular afirmaron que este acordo “non suporá unha persecución desapiadada do lobo a partir de agora, senón que levará aparellada a adopción de medidas de control da especie e o restablecemento do equilibrio entre a súa protección e as actividades gandeiras que se desenvolven no rural”.