O Parlamento de Galicia pide que a Xunta preserve o prestixio da FP galega na implementación do Real Decreto que permite o acceso a persoas sen titulación básica

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do BNG, a través da que se insta á Xunta a que poña en marcha os mecanismos necesarios para asegurar o prestixio da formación profesional galega, preservando a cultura do esforzo na adaptación e implementación do Real Decreto 86/2025, de 11 de febreiro, de avaliación e acreditación das competencias básicas adquiridas por experiencia laboral, por vías non formais de formación e aprendizaxes informais.

A deputada popular Patricia García salientou que “o modelo de formación profesional galega é un exemplo de éxito, tanto polos seus resultados como polo seu nivel de inserción laboral, e un modelo recoñecido, respectado e que conta co aval da comunidade educativa e do tecido produtivo de Galicia”.

DE XEITO INESPERADO E SEN CONTAR COAS CCAA

Porén, lembrou que o Real Decreto 86/2025, aprobado polo Goberno de Pedro Sánchez de xeito inesperado e sen diálogo coas comunidades autónomas, modifica os criterios de acceso ao sistema de formación profesional, permitindo que persoas sen titulación básica poidan acceder acreditando unicamente competencias mínimas en lingua, matemáticas e dixitalización.

“Non cuestionamos a necesidade de abrir camiños para recoñecer aprendizaxes por vías non formais, pero non pode facerse a costa de desvirtuar o modelo baseado na cultura do esforzo, que é o que lle da valor a unha titulación”, indicou a deputada popular.

Neste sentido, apuntou que “se desvirtuamos os estándares corremos o risco de desvirtuar a FP, de perder a confianza do tecido produtivo e de prexudiciar aos propios estudantes, que poden verse atrapados nun sistema que non lles ofrece unha formación real”.

Para rematar, Patricia García manifestou que “non se pode improvisar coa FP, nin abrir a porta á desvalorización das titulacións, nin ao desprestixio dun modelo que funciona”, polo que considerou “razoable que Galicia poida adaptar a normativa do Estado sen comprometer a excelencia nin o modelo propio; que se garantan criterios claros, esixentes e xustos que aseguren a igualdade de oportunidades, pero tamén a calidade formativa; e que todo isto se faga respectando as competencias autonómicas e contando coa comunidade educativa, co profesorado, coas empresas e co alumnado”.

 

O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central que desbloquee e complete a tramitación do Estatuto do Artista

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que desbloquee e complete a tramitación do Estatuto do Artista, tal e como foi acordado en 2018, por unanimidade, no Congreso dos Deputados. “Sete anos e cinco ministros de Cultura despois, o documento final segue sen ver a luz, e seguen abertas frontes nos eidos fiscal, laboral e da saúde, algunhas delas referidas concretamente ás rebaixas e ás deducións no IVE e no IRPF”, manifestou a portavoz popular de Cultura, Carmen Pomar.

“Pouco despois da chegada de Pedro Sánchez á Moncloa, o 6 de decembro de 2018 o Congreso aprobou o informe para a elaboración dun Estatuto do Artista, un documento que foi desenvolvido pola Subcomisión de Cultura e contou co respaldo unánime de 337 deputados no Pleno”, lembrou a portavoz popular. En concreto, este informe recolle un total de 75 propostas dirixidas a adecuar a regulación que afecta aos autores, artistas e traballadores da cultura para facer máis sostible a súa actividade.

MEDIDAS PENDENTES

Carmen Pomar sinalou que “as e os traballadores do sector cultural tiveron que esperar case catro anos e medio para coñecer as primeiras medidas do Goberno de España que pretenden desenvolver as 75 bases do Estatuto do Artista”. Ademais de estar pendentes medidas referidas á rebaixa e ás deducións no IVE e o IRPF, tamén segue sen ter solución o problema do traballador por conta propia, unha demanda fundamental e moi importante do sector que segue a solicitar unha cota de autónomos adaptada á súa actividade intermitente.

Outras medidas pendentes de resolver fan referencia á dedución de gastos; ás prestacións da Seguridade Social en caso de embarazo ou maternidade; á percepción simultánea de pensión de xubilación e realización de actividades; á ampliación do sistema de representación sindical; á adaptación do IAE á realidade social e cultural; á regulación cos menores de 16 anos; á modificación das regras de cómputo da cotización para a xubilacións e das modalidades na mesma; ás medidas de saúde laboral; ás medidas en materia de transición profesional; ou á consideración dos dereitos de autor como rendementos derivados da propiedade intelectual, nova categoría dentro dos rendementos.

“Moitas medidas sen aprobar pola parálise na que o Goberno de Pedro Sánchez ten sumido ao Estatuto do Artista e que, desde logo, non so únicas, xa que tamén están enriba da mesa as compensacións polo cese de actividade”, indicou a portavoz popular, quen criticou que o Goberno de España “está deixando de lado ao sector cultural e aos seus traballadores, que, ademais da inestabilidade propia do sector, están sumidos nun inferno fiscal que non contribúe a que a súa situación mellore”.

Paula Prado: “O BNG foi, é e sempre seguirá sendo o partido do ‘non’ ao futuro de Galicia”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegura que o BNG “foi, é e sempre seguirá sendo o partido do ‘non’ ao futuro de Galicia” e censura que o independentismo galego leve décadas “envelenando a política galega” cuns postulados propios de “quen nunca tivo aspiración de gobernar, senón que só busca destruír e intoxicar”.

Facendo un repaso ao pasado recente e tirando de hemeroteca, a número dous dos populares galegos recordou o oposición do “Bloque Negacionista Galego” a Alcoa, a Sogama, a Citröen, á OTAN, á AP-9, a Finsa, ao bilingüismo, á caza, ás minas de Touro e san Fiz, a Inditex, a Ence, ás conserveiras, ás granxas extensivas, á Garda Civil e á Policía Nacional, aos eólicos e a Altri.

“Pensaron nalgún momento no dano que lle fixeron a Galicia en xeral e ao emprego dos galegos e galegas en particular? Non. O único no que pensaron foi e segue sendo no rédito electoral que poden obter e en como afondar na súa estratexia de oposición”, concluíu asegurando que “non todo vale e moito menos o ‘non’ a todo”.

A secretaria xeral do PPdeG centrou precisamente a súa intervención no ‘non’ da esquerda ao proxecto de Altri. Unha negativa que, tal e como recordou, non se daba no pasado: “Hai tres anos presentamos no Parlamento unha iniciativa coa que buscabamos que todos os partidos políticos nos uníramos na defensa da instalación desta planta na provincia de Lugo e foi aprobada por unanimidade do PPdeG, o PSdeG e o BNG. Con 70 votos a favor e cero en contra”.

No debate desa iniciativa a deputada socialista Patricia Otero reclamaba ao Goberno galego que “se asegure de que Altri se instala na nosa comarca” e comprometíase a “traballar entre todos para conseguir que os fondos Next Generation cheguen a este proxecto que é fundamental”. Pola súa banda, Daniel Castro, deputado do BNG, afirmaba: “Calquera proxecto que cumpra toda a lexislación, que se instale en calquera parte do país… Nós seremos os primeiros en alegrarnos”.

Esta non sería a única iniciativa polo PSOE e o BNG neste sentido, pero, tal e como defendeu Paula Prado, unha vez pasaron as eleccións e agora que ese mesmo proxecto está cada vez máis preto de ser unha realidade, a esquerda “volve aos bulos e aos cambios de opinión”. Por iso pídelle a ambos que “expliquen por que en tan pouco tempo pasaron de apoiar a Altri a querer boicotear a súa instalación”.

“No PPdeG, en cambio, dixemos, dicimos e seguiremos dicindo ‘si’ a esta e a todas aquelas iniciativas que fagan que Galicia prospere”, remarcou explicando que “a Galicia que goberna é sinónimo dunha Galicia que aproveita e xera oportunidades, que desenvolve todo o seu potencial e avanza cara o futuro sen medo nin límites”.

INTERPARLAMENTARIA DO PARTIDO POPULAR EN SEVILLA

A secretaria xeral do partido aproveitou para anunciar que Galicia estará “moi ben representada” esta fin de semana na Interparlamentaria que o Partido Popular celebra en Sevilla, á que asistirán máis de medio cento de representantes do PPdeG.

Con Alberto Núñez Feijóo e Miguel Tellado á cabeza, a representación galega tamén inclúe ao voceiro do partido no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, que intervirá o sábado nunha mesa redonda, e á propia Paula Prado. Todos eles demostrarán que o PPdeG é “o partido galego maioritario no Parlamento, no Congreso dos Deputados, no Senado e no Parlamento Europeo”.