Na sanidade, todos deberiamos remar no mesmo sentido

Encarna Amigo.

Vaia por diante que son unha defensora da sanidade pública galega, como profesional, como usuaria e como política do PPdeG, a formación na que as galegas e galegos confiaron para exercer a responsabilidade de goberno de Galicia.

Contamos na nosa comunidade cunha sanidade de excelencia, que sempre debéramos poñer en valor. Con todo, tamén é innegable que, especialmente a Atención Primaria, e no conxunto de España, enfróntase a un grave déficit de especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria, un problema previsto desde 2018.

Naquel ano, o Goberno de Mariano Rajoy impulsou medidas para paliar a situación, pero tras a chegada do PSOE ao poder, estas quedaron sen aplicar. Desde entón, sucedéronse seis ministros de Sanidade sen tomar medidas efectivas, o que levou a que 13 comunidades autónomas, de diferentes cores políticas, incluída a nosa, Galicia, reclamasen reformas urxentes ao Goberno central, sen éxito.

En resposta á inacción do ministerio, a Xunta de Galicia adoptou medidas propias para mellorar a situación. Unha das máis innovadoras foi a creación dun sistema pioneiro de acceso a prazas de difícil cobertura mediante concurso de méritos, sen oposición, a través da Lei 2/2022. Grazas a esta medida, xa en 2022 se ofertaron 106 prazas, e ata a data cubríronse máis de 350 vacantes, incluíndo postos especialmente sensibles en hospitais comarcais.
Ademais, Galicia aumentou a oferta de prazas en formación MIR en Medicina Familiar e Comunitaria ata 207, máis do dobre das ofertadas polo Goberno bipartito en 2009 (88 prazas). Tamén se melloraron as condicións laborais dos titores MIR, con incentivos como a reserva de tempo na axenda, prioridade formativa e melloras na carreira profesional.

Ao mesmo tempo, o orzamento da sanidade galega tamén experimentou un aumento significativo. O presuposto do Sergas creceu un 45,8% dende 2009, pasando de 3.655 millóns a 5.331,75 millóns en 2025, cun incremento notable nos gastos de persoal (+43%). O número de profesionais sanitarios tamén aumentou en máis de 8.700 persoas desde 2008, chegando aos 45.000 en 2024.

A Xunta impulsou melloras nas condicións laborais dos médicos de atención primaria, como a actualización das retribucións por gardas e prolongacións de xornada, a redución progresiva da xornada anual en 112 horas e a compensación pola cobertura de vacantes. Ademais, nos últimos cinco anos convocáronse nove ofertas de emprego con case 9.000 prazas ofertadas.

En definitiva, Galicia fixo un gran esforzo, dentro das súas competencias, para paliar o déficit de médicos de familia, pero a solución máis efectiva depende da vontade do Goberno central. Por iso, a Xunta segue demandando medidas urxentes que garantan a cobertura de prazas e o fortalecemento da atención primaria en toda España.

A falta de médicos en Atención Primaria é responsabilidade, en gran parte, do Goberno Sánchez, que ignora as demandas das comunidades autónomas. Ante esta realidade, en Galicia, a oposición en lugar de apoiar as reivindicacións da Xunta e apoiar á poboación alíase cunha postura electoralista de ‘canto peor, para eles mellor’ promovendo mobilizacións, tensión e alarma social.

Coincidirán comigo que o que nos fai máis vulnerables é a falta de saúde. Esa é a razón polo que a sanidade debe ser coidada e valorada por todos, sen tentar obter beneficios políticos curtopracistas e demogóxicos á conta do benestar dos cidadáns e sen ter a valentía de reclamar ao Goberno de España que tome en serio a súa responsabilidade na procura de solucións. En defensa da sanidade pública todos deberiamos remar no mesmo sentido.

O Grupo Popular pedirá que institucións como o Consello da Cultura ou a Real Academia Galega participen no estudo para a posible modificación da letra do himno de Galicia

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, avanzou hoxe que “solicitaremos a participación no plan de traballo da Comisión de estudo para a sobre a posible modificación da letra do himno de Galicia das organizacións e entidades máis representativas da cultura e da historia de Galicia, como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura de Galicia”.

Alberto Pazos explicou que esta mañá tivo lugar unha sesión desta Comisión de Estudo na que se aprobaron as normas de funcionamento, con dúas únicas puntualizacións: que os membros da Comisión teñan á súa disposición, coa maior brevidade posible, toda a información que chegue á Mesa e poidan comezar a estudar e analizar a mesma de inmediato; e que os traballos da Comisión estean rematados o antes posible.

“Se en algo coincidimos todos os grupos parlamentarios é que esta Comisión debe desenvolverse dun xeito áxil, para que non se prolongue sine die sen chegar a unhas conclusións definitivas”, manifestou o portavoz popular, quen apuntou que “mostra deste interese é que xa se fixou un prazo de 20 días para que os grupos parlamentarios formulemos as nosas suxestións para a elaboración do plan de traballo”.

NON FACER Á LIXEIRA

Pazos asegurou que “desde o Grupo Popular afrontamos esta Comisión cunha gran sensación de responsabilidade, porque estamos a falar dun símbolo de Galicia, que, xunto coa bandeira e o escudo, nos identifica e representa en cada recuncho do mundo”. Por este motivo, apuntou que “a modificación do himno galego é algo que non se debe facer á lixeira, senón dun xeito moi estudado e consensuado, tanto entre os grupos parlamentarios como coas organizacións sociais e entidades máis representativas da cultura e da historia de Galicia”.

Deste xeito, avanzou que “o Grupo Popular proporá facer partícipes deste estudo para a modificación do noso himno de dúas institucións senlleiras, como son a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, a quen solicitaremos expresamente dentro do Plan de Traballo da Comisión a súa colaboración, para que fagan as aportacións que consideren oportunas respecto dunha posible modificación da letra do noso himno”.

Neste punto, no nome do Grupo Popular trasladou a felicitación ao que será o novo presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, “a quen desexamos o mellor á fronte desta institución e a quen ofrecemos a nosa máxima colaboración”.

Ademais do Consello da Cultura galega e da Real Academia Galega, Alberto Pazos anunciou que na proposta de Plan de Traballo “solicitaremos a presenza, ben a través de comparecencias ou ben a través de informes específicos, de todas aquelas entidades e expertos que consideremos poden aportar o seu coñecemento para adoptar a decisión definitiva”, porque reiterou que “temos a máxima predisposición para estudar calquera evidencia científica que poida xustificar a modificación da letra do noso himno, sempre dentro dunha análise pausada e reflexiva, e co respaldo de todos, porque estamos a falar da posible modificación de algo que é patrimonio e que nos representa a todos os galegos”.

SOLUCIÓN PARA SARGADELOS

Respecto da situación que atravesa a planta de Sargadelos en Cervo, Alberto Pazos considerou “necesario que todas as partes amosen a súa plena disposición para buscar unha solución”. En concreto, dixo que “o propio empresario debe recapacitar a súa fulminante decisión, porque comprobouse que as deficiencias detectadas na empresa son totalmente subsanables para garantir a seguridade e a saúde dos traballadores sen implicar o peche da empresa, pero tamén hai que ser conscientes da complexidade que supón a adaptación dun entorno laboral nun espazo declarado como ben de interese cultural, como é o caso da planta de Sargadelos en Cervo”.

“Agradecemos tanto a disposición amosada pola Inspección de Traballo como polo propio propietario da empresa para buscar unha solución que permita manter en Galicia un referente tanto a nivel empresarial como da nosa cultura, e esperamos que finalmente todo volva á normalidade e Sargadelos manteña tanto a súa produción como todos os postos de traballo, tan importantes para unha comarca como a de A Mariña, pero tamén para a imaxe exterior de Galicia que transmite esta empresa”, sinalou.

DEMAGOXIA COA SANIDADE GALEGA

Por último, Pazos fixo unha breve reflexión sobre a situación da sanidade pública galega e criticou que “os mesmos que teñen convocada unha manifestación para o vindeiro domingo son os que nos seus propios informes recoñecen o gran avance rexistrado pola sanidade pública galega nos últimos anos, que pasou de estar á cola no ano 2010 na valoración da sanidade entre todas as comunidades autónomas a situarse nos anos seguintes nun nivel intermedio”.

“Pero é que tamén os que convocan esta manifestación son os mesmos que nos seus informes poñen de manifesto que o orzamento destinado en 2025 a sanidade pública por habitante en Galicia está por enriba da media das comunidades autónomas (2.007 euros fronte a 1.944 euros de media) cando en 2010, pouco despois de que o PP chegara á Xunta, o gasto sanitario por habitante en Galicia estaba por baixo da media (1.333 euros fronte a 1.343 euros de media estatal)” apuntou.

Ademais, o portavoz popular subliñou que, “se non lles chegan os seus propios datos, os convocantes desta manifestación tamén poden botarlle un vistazo aos últimos datos facilitados polo Ministerio de Sanidade respecto ás listas de espera: para cirurxía, a espera en Galicia está en 71 días, 50 días menos que a media estatal; e para consultas, a espera na Comunidade galega é de 72 días, 22 días menos que a media estatal”.

“Son datos contrastados que botan abaixo calquera intento demagóxico de minusvalorar a situación da sanidade galega e o traballo dos profesionais que nos atenden día tras día, pero como hai grupos que teñen que aceptar con submisión todos os ditames que emanan dos coroneis da UPG, hai que montar algaradas públicas todas as fins de semana”, lamentou.