O PPdeG demanda ao Goberno de España que impulse dunha vez a execución da autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada

Os deputados do Grupo Popular Miguel Viso e Cristina Campero anunciaron hoxe a presentación no Parlamento de Galicia dunha iniciativa a través da que se demanda ao Goberno de España que impulse dunha vez a execución da autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada, por tratarse dunha infraestrutura estratéxica para acceder á Meseta desde o interior da Comunidade galega, vertebrando as comarcas de Valdeorras, Quiroga e Lemos das provincias de Lugo e Ourense.

Nun encontro celebrado coa portavoz do PP no Barco de Valdeorras, Inmaculada Rodríguez, e veciños desta localidade ourensá, os deputados populares lamentaron “o bloqueo ao que o Goberno de Pedro Sánchez está a someter a esta autovía clave para acceder á Meseta desde o interior de Galicia, unha situación que conta coa complicidade do BNG ao aceptar o incumprimento do pacto que asinaron cos socialistas para colocar a Pedro Sánchez na Moncloa”.

NIN PLANIFICACIÓN NIN ORZAMENTOS

“O Goberno central nin avanza na planificación dos tramos necesarios para impulsar a A-76 nin habilita os investimentos correspondentes”, criticaron os deputados populares, quen apuntaron a negativa do Ministerio de Transportes a facilitar información algunha sobre o estado da tramitación desta autovía e as previsións reais para a súa execución.

Miguel Viso e Cristina Campero lembraron que esta autovía foi considerada como prioritaria pola patronal das empresas construtoras (Seopan) nun informe sobre as actuacións a acometer polo Estado no horizonte 2024-2035.

A esta demanda sumouse o recente informe realizado polo Eixo Atlántico sobre infraestruturas viarias e ferroviarias da Eurorrexión, no que se pon de manifesto que, “vinte anos despois da inclusión da A-76 no Plan Estratéxico de Infraestruturas do Transporte 2005-2020, non se ten materializado nin un só quilómetro desta autovía, que é reiteradamente reivindicada non só como conexión de Galicia coa Meseta norte, senón tamén como medio para acadar unha mellor comunicación de Valdeorras coa súa capital de provincia e o resto de Galicia”.

O PPdeG leva ao Parlamento galego a demanda para que o Goberno central arranxe con urxencia o tramo da N-550 na Ponte en Padrón

O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Roberto Rodríguez, acompañado do deputado e concelleiro padronés Ángel Rodríguez anunciaron hoxe a presentación dunha iniciativa no Parlamento galego a través da que se solicita ao Goberno central a realización urxente das obras de humanización do tramo da estrada N-550 ao seu paso pola Ponte en Padrón, actualizando o proxecto existente para mellorar a seguridade viaria e peonil, a renovación da sinalización e a mellora da iluminación deste treito.

Ángel Rodríguez lembrou que “o proxecto de orzamentos aprobado polo Goberno de Mariano Rajoy en 2018 xa recollía unha partida económica de 4,5 millóns de euros para a mellora da N-550 ao seu paso polo municipio de Padrón, pero a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno de España, logo da moción de censura, privou de levarse a cabo esta obra, chegando ao punto de que desapareceu dos orzamentos do Estado desde aquela data”.

PREOCUPACIÓN COMÚN

Os deputados populares fixeron un percorrido pola marxe deste treito da estrada N-550 e comprobaron “o extremo deterioro no que se atopa esta estrada nacional logo de moitos anos de esquecemento por parte do Goberno central”. En concreto, as condicións malas e de inseguridade desta vía tradúcense en fochancas, sinalización deficiente polo desgaste da pintura e, sobre todo, as graves carencias de accesibilidade e de seguridade peonil, ademais de insuficiente iluminación nalgúns puntos que derivan dun incremento do risco de accidentes.

“O deterioro que presenta este tramo da N-550 é unha preocupación de todos os grupos políticos do Concello de Padrón e o seu arranxo unha demanda compartida, que agora o Grupo Popular queremos levar ao Parlamento galego porque é imprescindible que o Goberno central adopte as medidas oportunas para mellorar a seguridade e a humanización desta estrada”, sinalou Ángel Rodríguez.

Paula Prado: “O PPdeG representa á Galicia que goberna fronte ao independentismo e o socialismo que bloquean”

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, subliña a importancia que ten para os concellos galegos o feito de contar con gobernos estables na medida en que isto contribúe a fortalecer “a Galicia que goberna” fronte ao “bloqueo” do independentismo e o socialismo.

Así o manifestou esta mañá en declaracións aos medios antes de participar nunha reunión de traballo na sede do PP de Oleiros con representantes do partido na área metropolitana da Coruña. Unha reunión na que tamén participaron o vicesecretario de Organización e Territorio do PP na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, e o deputado autonómico Jesús Fernández Rosende.

A número dous dos populares galegos remarcou a importancia deses gobernos estables precisamente nunha área onde “brillan pola súa ausencia”, tal e como se puido comprobar esta semana en Cambre. Por sorte, apuntou, os veciños e veciñas si poden contar coa estabilidade un Goberno como o de Alfonso Rueda, que está facendo realidade o novo complexo hospitalario da Coruña (Chuac).

“Máis de 500 millóns de euros de inversión para renovar e ampliar edificios sanitarios, construír novos accesos e aparcamentos ou mesmo poñer en marcha unha gardería infantil”, explicou poñendo en valor que o Chuac “ano tras ano recolle premios como un dos mellores hospitais públicos de Galicia e de España”.

Algo que é posible, tal e como engadiu, grazas “á Galicia que goberna, que lidera e é referente grazas á súa aposta por medidas arriscadas e o seu investimento en infraestruturas, en tecnoloxía e en reforzo do persoal” e a pesar do “alarmismo” dos partidos da oposición.

“Como en tantos temas, o PSOE e o BNG só saben alarmar e ao final acaban dándose de fronte coa realidade”, asegurou ao tempo que afeaba ao socialismo a súa “submisión a un Pedro Sánchez que leva 6 ministros de Sanidade en 7 anos e ningún foi quen de tomar as medidas necesarias dentro das súas competencias”.

Do mesmo xeito, definía ao BNG como “o partido do ‘non’ a todo” sinalando que os independentistas galegos “son incapaces de apoiar calquera medida da Xunta, nin en Galicia nin en Madrid, pero despois son os primeiros que se poñen detrás dunha pancarta”.

Fronte a todo isto, concluíu, o PPdeG “seguirá dedicándose a gobernar, en Galicia e, en dous anos, espero que en máis concellos desta área metropolitana”.