O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central diálogo e financiamento para as comunidades autónomas no reparto de migrantes menores non acompañados

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra de BNG e PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita Goberno de España que, en diálogo co conxunto das comunidades autónomas, acorde unha repartición de migrantes menores non acompañados dun xeito planificado e acompañado do financiamento preciso. “Calquera menor ten dereito a ser acollido nunhas condicións dignas e coas máximas garantías, polo que estamos en contra de acoller a menores para os que non haxa cabida sen garantir os seus dereitos”, manifestou a portavoz popular de Política Social, Raquel Arias.

Na súa intervención, Raquel Arias asegurou que “Galicia e os galegos somos solidarios e así o vimos demostrando nos últimos anos, en particular coa acollida e integración de inmigrantes”. Neste sentido, apuntou que Galicia ten acollidos neste momento 276 menores non acompañados, o que supón unha sobreocupación da rede galega do 108 por cento.

INTOLERABLE

“É intolerable que a modificación do artigo 35 da lei de estranxeiría sexa froito dunha nova chantaxe e imposición dos independentistas cataláns para que Pedro Sánchez permaneza na Moncloa un tempo máis, como tamén é intolerable que o Goberno de España tome decisións que afectan ás comunidades sen ningún tipo de diálogo coas mesmas e que esta imposición sexa sen planificación e non vaia acompañada do financiamento necesario”, indicou.

Neste sentido, considerou “absolutamente necesario este financiamento, porque estamos falando de menores, de persoas tremendamente vulnerables e aos que temos que darlle a mellor calidade de vida”. Así, lembrou que “cada vez que un menor entra a formar parte do sistema de protección da Xunta recibe atención integral na que se contempla a súa formación, coidados e todos os servizos que un neno ou adolescente pode necesitar as 24 horas do día”.

Respecto dos 326 menores que lle corresponderían a Galicia no reparto acordado polo Goberno de Pedro Sánchez cos independentistas cataláns, a portavoz popular indicou que “suporía para a nosa Comunidade un custo anual de 30 millóns de euros, cando o Estado só contempla destinar 100 millóns de euros para toda España, pagando unicamente o primeiro ano de acollemento”.

“Pero, o máis preocupante é que non temos capacidade suficiente para acoller a 326 menores máis e atendelos axeitadamente”, asegurou Raquel Arias, quen lembrou que “as competencias en política migratoria e de control de fronteiras son exclusivas do Estado”.

O Parlamento galego demanda ao Goberno central por unanimidade que presente de inmediato un Plan Director do Corredor Atlántico ferroviario

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que presente de inmediato un Plan Director do Corredor Atlántico ferroviario que inclúa compromisos concretos, cifras detalladas e prazos definidos para a execución das obras.

Así mesmo, demándase que aclare a composición e funcionamento do grupo de traballo creado recentemente e, de ser o caso, garanta a participación da Xunta no mesmo; ao tempo que nomea, con carácter urxente, o interlocutor de Renfe coa Xunta, comprometido hai máis de oito meses, para informar das incidencias e avances en infraestruturas ferroviarias; e acelere os traballos da saída sur de Vigo para garantir a súa finalización nun prazo razoable, garantindo así a conexión efectiva de Galicia co resto do Corredor Atlántico e con Portugal.

O portavoz popular de Mobilidade, Gonzalo Trenor, criticou que “a relación do Goberno de Pedro Sánchez con Galicia está marcada polos incumprimentos, polas deslealdades e polo trato desigual”, e puxo como exemplo a financiación autonómica, os recursos para a dependencia, o reparto dos PERTES para a industria, o control do lobo, a transferencia da AP-9 ou a condonación da débeda.

DÉBEDAS EN MATERIA FERROVIARIA

“Pero hai un tema que sobresae e é todo o que ten que ver co ferrocarril”, concretou o portavoz popular, quen apuntou que “son moitas as demandas que están sobre a mesa: desde que o AVE chegue a todas as cidades galegas, que os servizos existentes cumpran os mínimos estándares de puntualidade, que se recuperen os servizos suprimidos pola pandemia, que se incrementen as prazas, que se nomee ao interlocutor con RENFE ou que podamos ver xa o plan director do Corredor Atlántico”.

Gonzalo Trenor lembrou que, no caso do Corredor Atlántico ferroviario “estivemos anos pelexando porque se escoitase a Galicia e, despois, estivemos máis anos reclamando un plan director e un comisionado”. “Só cando o Goberno galego, o asturiano e o castelán-leonés convocaron en Santiago a máis de mil representantes da empresa, da universidade e dos colexios profesionais, o Goberno de Pedro Sánchez anunciou o nomeamento deste comisionado”, lembrou.

Ademais, o portavoz popular manifestou que “todo o que imos coñecendo respecto ao Corredor Atlántico é moi pouco alentador para os intereses de Galicia, desde que a finais do pasado mes de xullo soubemos que volvemos a quedar fora, por segundo ano consecutivo, dos fondos europeos para este proxecto; ata que descoñecemos as propostas que presentou o Goberno de España ao mecanismo Conectar Europa; ou a novas sobre o abandono absoluto de Galicia no que respecta á planificación de diferentes actuacións”.

Para rematar, Gonzalo Trenor agradeceu que esta iniciativa “saíra co voto unánime de todos os deputados do Parlamento de Galicia”, aínda que augurou que “despois seremos nós, os deputados do PP, os que nos quedemos sos defendendo o Corredor Atlántico ferroviario”.

O Grupo Popular salienta que a axilidade na reacción da Xunta ante a caída dun falso teito no Hospital Materno-Infantil de Ourense

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, criticou hoxe “a demagoxia e o alarmismo do BNG” respecto do incidente ocorrido no Hospital Materno-Infantil de Ourense, logo do caída dun falso teito, e salientou que a Xunta “reaccionou con axilidade, dando unha solución urxente adiantando a reubicación dos servizos de paritorios, hospitalización infantil e obstétrica noutros espazos do Hospital de Ourense para manter a actividade asistencial e garantir tranquilidade a pacientes e profesionais”.

“Mentres se moderniza o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, con proxectos rigorosos baseados en criterios técnicos e no diálogo cos profesionais, o BNG insiste en desinformar e xerar alarma”, lamentou a portavoz popular, quen afirmou que “o BNG pretende dar leccións sobre planificación sanitaria cando, en realidade, actúa como a inquisición moderna: atacando sen fundamento, opinando sen coñecemento técnico e poñendo en dúbida o traballo de profesionais e expertos”.

A RENOVACIÓN MÁIS AMBICIOSA DA HISTORIA

Encarna Amigo salientou que a Xunta está a acometer “a renovación hospitalaria máis ambiciosa da historia de Galicia” e situou como un dos exemplos máis contundentes as obras do Complexo Hospitalario de Ourense, onde os investimentos superan os 80 millóns de euros desde o ano 2020.

En concreto, referiuse á nova área UCI, dotada con equipamento de última xeración tras un investimento de 10 millóns de euros; ou a nova unidade de medicina nuclear, con 2,8 millóns de euros investidos e que, por primeira vez, permite facer probas PET en Ourense.

“O núcleo central deste proceso de modernización e renovación é o novo edificio hospitalario de 12 plantas e 52,6 millóns de euros de investimento, que albergará áreas de hospitalización, urxencias e radioloxía; e no que tamén se construirá un novo Hospital Materno-Infantil, que substituirá o actual para garantir un maior rendemento do investimento, unha vida útil máis longa e unha mellor atención para as familias ourensáns”, manifestou.

O Grupo Popular salienta o compromiso, esforzo e responsabilidade da Xunta para facilitar a emancipación da mocidade galega

A portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Nicole Grueira, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta “está a traballar con compromiso, esforzo e responsabilidade para facilitar a emancipación da mocidade galega” e puxo como exemplo o novo Plan Estratéxico de Xuventude 2025-2027, aprobado onte no Consello da Xunta e que conta con 133 medidas ás que se destinarán máis de 700 millóns de euros.

Nicole Grueira recoñeceu que “a xuventude galega se enfronta a importantes dificultades á hora de emanciparse”, situando “o problema da vivenda como un dos principais obstáculos”. “Este é un reto real que require vontade política, traballo, planificación e accións reais, que se materialicen en medidas e axudas positivas á mocidade”, dixo.

MEDIDAS CONCRETAS

En concreto, a portavoz popular referiuse ás medidas postas en marcha pola Xunta, como o bono Emancípate; as bonificacións fiscais para facilitar a compra dunha vivenda en Galicia; as axudas directas de ata 20.000 euros para vivenda pública; a reserva do 40 por cento das novas vivendas públicas en alugueiro para menores de 36 anos e do 25 por cento para os que decidan comprar; os avais que cobren o 20 por cento da hipoteca; o bono alugueiro mocidade; ou a axuda ao alugueiro do plan de vivenda.

A portavoz popular tamén salientou que a Xunta “ten en marcha a Estratexia Galicia Retorna, dotada con 450 millóns de euros para favorecer a volta de 30.000 persoas”. “Unha estratexia positiva, como se pode comprobar na última enquisa sobre inmigración realizada polo INE en 2023, onde se indica que o saldo migratorio en Galicia foi positivo, volvendo acadar por terceiro ano consecutivo unha cifra histórica, xa que case 8.500 galegos volveron para a súa terra!”, indicou.

O PPdeG mostra a súa “indignación” co Goberno central tras o 42º adiamento do debate da transferencia da AP-9 no Congreso

O deputado galego e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado, asegurou hoxe que “indigna moito” a aprobación, esta mañá, da prórroga número 42, desde que Pedro Sánchez chegou á Moncloa, ao prazo de presentación de emendas á proposición de lei relativa á transferencia da AP-9 a Galicia.

“E indigna moito máis o desprezo que semana tras semana vimos denunciando. Existen reclamacións constantes desde a Xunta, desde o Parlamento e desde outras instancias”, lamentou Delgado.

A prórroga foi acordada pola Mesa do Congreso dos Deputados, dominada polo PSOE e Sumar, o que supón que, só no que vai de lexislatura, xa se adiase en 27 ocasións a tramitación parlamentaria desta iniciativa.

Os deputados do PPdeG sinalan que, unha semana máis, “o Goberno de Sánchez segue desprezando a decisión unánime do Parlamento de Galicia e, polo tanto, aos galegos e galegas”. “Isto implica é que a proposición de lei orgánica non pode pasar á Comisión e, polo tanto, non pode ser obxecto de discusión e de elaboración do ditame”, explica Celso Delgado.

Desde o seu punto de vista, o Executivo central segue “impedindo e coartando” un debate lexítimo sobre esta cuestión: “En Madrid hai un Goberno insensible que só está preocupado polos intereses propios de Sánchez á fronte do poder e por renderse ante as demandas de aqueles que o apoian, mentres maltratan ás comunidades autónomas onde os votantes non lle dan respaldo”.

“Pero esta non é unha cuestión nin de respaldos nin de afinidades políticas, é unha cuestión de Estado, un dereito lexítimo que ten a Comunidade galega”, rematan os populares galegos, que aspiran a “acabar canto antes con este agravio”.

O Grupo Popular salienta que a Xunta achegará este ano aos concellos a cifra histórica de 626 millóns de euros

O deputado do Grupo Popular Argimiro Marnotes salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta achegará este ano aos concellos de Galicia a cifra histórica de 626 millóns de euros, un 4,20 por cento por riba da contía de 2024. Neste sentido, reclamou ao Goberno central “que desbloquee o uso de remanente de tesourería dos concellos para que poidan ser utilizados, tal e como están a reclamar todos eles”.

Argimiro Marnotes concretou que o Fondo de Cooperación Local, logo das subas do 67,63 por cento respecto do ano 2022 e do 24,08 por cento con relación a 2023, no ano 2025 acada os 168 millóns de euros, un 6,3 por cento por enriba da suba media do orzamento da Xunta para o presente ano.

UN 40% MÁIS QUE O ESTADO

“A aportación autonómica aos concellos galegos é un 40 por cento superior á estatal, co feito relevante de que esta maior aportación está centrada naqueles municipios con menor poboación, ao representar as transferencias autonómicas un 88 por cento máis que a estatal a este grupo de concellos”, explicou.

O deputado popular rexeitou a proposta dos socialistas de crear un plan único autonómico para o financiamento de proxectos locais porque “xa temos un plan que é único en garantir unha cantidade anual, aínda que a economía estea en receso; en medrar economicamente cada ano desde 2011; en dar prioridade aos concellos de menos de 15.000 habitantes; en afrontar os grandes abandonos do Goberno central para que os concellos non se resintan; en garantir recursos que se poden utilizar para as necesidades que estime cada concello; e en ter recursos suficientes para chegar a calquera imprevisto urxente de calquera dos concellos de Galicia”.

O Grupo Popular defende un aproveitamento dos recursos dun xeito sostible, respectuoso co territorio e que deixe un retorno para os cidadáns

O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “temos unha oportunidade de aproveitar os avances tecnolóxicos e esixir aos promotores o uso destas tecnoloxías limpas acompañadas de plans de restauración ambiciosos”. “Estamos ante un debate entre o medioambientalismo radical que busca o inmobilismo ou a aposta dun Goberno galego responsable por un aproveitamento dos recursos dun xeito sostible, respectuoso cos territorios e que obrigue aos promotores a deixar un retorno para quen vivimos neles”, manifestou.

No debate dunha proposición non de lei sobre a planificación do sector mineiro en Galicia, Rubén Lorenzo salientou que “temos en Galicia un sector dunha longa tradición e que é estratéxico, xa que proporciona materias primas a moitos dos sectores considerados fundamentais para a economía galega, creando emprego e mellorando os datos de produción ano a ano”.

EQUILIBRIO ENTRE OPORTUNIDADE E PRECAUCIÓN

Neste sentido, avogou porque o aproveitamento dos recursos deixe un retorno para a sociedade que vive neles, para o que lembrou que a Lei de recursos naturais de Galicia “garante que calquera proxecto que se desenvolva na Comunidade galega xere riqueza social e económica no noso territorio”. “Cómpre atopar un equilibrio entre a oportunidade e a precaución, e para iso temos un marco normativo moi estrito, moito máis que o que aplica o Goberno central, que debe velar por ese desenvolvemento sostible”, dixo Rubén Lorenzo.

Con este fin, lembrou que o Goberno galego convocou nos primeiros días deste ano os concursos de dereitos mineiros nas catro provincias: un total de 51 dereitos con permisos caducados que abre a súa posible explotación, a fin de seguir afondando en materiais fundamentais para sectores estratéxicos.

“Pero sempre debe ser en colaboración e cooperación co Goberno central, que tamén debe promover as iniciativas lexislativas necesarias para avanzar no recoñecemento destas materias primas minerais como recursos de primeira necesidade e de carácter estratéxico”, manifestou o portavoz popular, quen apuntou que “as terras raras son materias primas críticas e imprescindibles”.

O Grupo Popular salienta que “a política social do Goberno de Alfonso Rueda consiste en non deixar a ninguén atrás”

A deputada do Grupo Popular Raquel Arias salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “a política social do Goberno de Alfonso Rueda consiste en non deixar a ninguén atrás” e destacou que o plan de simplificación e axilización das valoracións de dependencia e discapacidade “xa resolveu no primeiro trimestre máis de 23.200 expedientes, 3.000 máis das previsións feitas no momento da súa presentación”.

Raquel Arias concretou que a política social do Goberno galego “consiste en contar con máis de 16.000 prazas públicas en residencias, o triplo máis que cando gobernaban socialistas e nacionalistas e unha cifra que se incrementará en 1.500 novas prazas nos vindeiros meses; ou en multiplicar por 6 o número de prazas en centros de día desde que gobernaron PSdeG e BNG”.

“Ao mesmo tempo, dotamos de recursos de conciliación a todos os municipios de Galicia coa creación de 140 casas de maior que atenden a 700 persoas; multiplicando por 6 as persoas que reciben o servizo de axuda no fogar; facilitando o bono coidado no fogar a máis de 20.000 persoas; ou entregando máis de 17.000 menús semanais co servizo de Xantar na Casa”, apuntou.

DÉBEDA DE MÁIS DE 2.500 MILLÓNS DE EUROS

Ademais, engadiu que “todos os maiores de 65 anos de Galicia gozan xa de descontos en máis de 700 establecementos de todo tipo gracias ao Carné +65, que chega a todos os fogares dos beneficiarios sen ter que pedilo”.

“E todo isto cun Goberno galego ao que o Estado lle debe máis de 2.500 millóns de euros da dependencia, porque nunca pagou o 50 por cento que lle corresponde por lei, e incluso recorta as aportacións, xa que no ano 2023 pagou o 40 por cento e ao ano seguinte só o 34,9 por cento”, lamentou.

A deputada popular rexeitou o “Plan Estratéxico de Servizos Sociais que nos propoñen o BNG e o PSdeG, porque xa sabemos en que consiste: en privatizar as residencias da terceira idade, como veñen facendo na Deputación de Lugo; en ter rematadas residencias desde hai tres anos, como a de Becerreá, e non ser capaces de abrila; en asinar convenios con concellos hai máis de sete anos, ter licenzas e non poñer nin un só ladrillo, como no Caurel; ou en botar a correr e deixar desamparados aos maiores e ás súas familias, como na residencia municipal de Foz”.

“Ademais, este plan estratéxico de nacionalistas e socialistas consiste en privatizar o servizo de axuda no fogar en máis do 60 por cento dos concellos nos que gobernan; en ser dos que menos invisten en políticas sociais de toda España, como é o caso do Concello de Pontevedra; en deixar desamparados aos enfermos de ELA e ás súas familias, aprobando unha lei que, logo de decenas de aprazamentos, non pon cartos enriba da mesa para que as medidas se poidan levar a cabo; ou en deixar desamparados aos dependentes galegos, aos que o Goberno central debe máis de 2.500 millóns de euros”, rematou.

O Grupo Popular pide a BNG e PSdeG que “abandonen a estratexia deliberada de desprestixio da sanidade pública galega”

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, pediu hoxe a BNG e PSdeG que “abandonen esa estratexia deliberada de desprestixio da sanidade pública galega” e acusounos de “ser incapaces de reclamar ao Goberno de Pedro Sánchez máis médicos, de votar a favor das medidas da Xunta para cubrir as prazas de difícil cobertura e mesmo rexeitan iniciativas para previr a violencia contra os sanitarios”.

“Recoñecendo que queda marxe de mellora e que niso está o Goberno galego, hoxe a sanidade en Galicia ten máis actividade, menos espera, mellores resultados e responde con eficacia aos retos presentes e futuros”, afirmou a portavoz popular, polo que demandou aos grupos da oposición “unha política construtiva e capaz de votar a favor das cousas importantes, comezando por unirse ao Partido Popular para facer fronte ao principal problema da sanidade pública en Galicia e en toda España, que é a falta de profesionais que só o Goberno central pode arranxar e non quere facelo”.

REFERENTE DA SANIDADE PÚBLICA UNIVERSAL E DE CALIDADE

Encarna Amigo lamentou que BNG e PSdeG “son incapaces de asumir que hoxe a sanidade en Galicia conta co maior orzamento da súa historia, de aceptar cando os usuarios fan valoracións positivas do sistema de saúde de Galicia ou de recoñecer a evolución da activiade asistencial do SERGAS”. “A gran mentira da esquerda é esquecer que en Galicia somos referente da sanidade pública universal e de calidade”, subliñou.

A portavoz popular recoñeceu que “existen retos e problemas que hai que afrontar para prestar o mellor servizo sanitario aos cidadáns”, pero tamén puxo en valor “o extraordinario traballo, esforzo e implicación que fan os profesionais da sanidade publica galega para incrementar a actividade asistencial en todas as áreas e reducir paulatimente as listas de espera”.

En concreto, salientou que “superamos as 200.000 operacións cirúrxicas nun só ano, o que supuxo incrementar un 5,6 por cento respecto do pasado ano; situando o tempo medio para operarse en Galicia en 67,1 días”. “Somos a terceira comunidade con mellores tempos de espera cirúrxica, mentres que en 2008, cando gobernaban socialistas e nacionalistas, éramos a cuarta comunidade pola cola”, apuntou.

O Grupo Popular pide ao Goberno central máis psiquiatras e psicólogos clínicos, así como fondos para implantar o Plan estatal de saúde mental

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, demandou hoxe no Pleno ao Goberno central “máis profesionais de psiquiatría e psicoloxía clínica, así como máis fondos para a implantación do Plan estatal de saúde mental, que se aprobou a pasada semana no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde pero que nace sen orzamentos, do mesmo xeito que pasa coa Lei da ELA, a modificación da Lei de dependencia e con todas as leis que está aprobando o Goberno de Pedro Sánchez e os seus socios”.

Raquel Arias manifestou que “o compromiso da Xunta coa saúde mental quedou patente xa hai moitos anos” e lembrou a implementación en 2017 do Plan de prevención do suicidio en Galicia, o primeiro plan autononómico posto en marcha en España; ou a aprobación en 2022 do Plan de saúde mental 2022-2024, ao que se sumou nesta lexislatura a creación dunhs Subdirección específica de saúde mental.

CREACIÓN DE UNIDADES PSICOXERIÁTRICAS NAS RESIDENCIAS

“Ademais, e con respecto ao Goberno bipartito de PSdeG e BNG, os gobernos do PPdeG dobraron os psicólogos clínicos formados e multiplicáronse por 10 as prazas de formación de enfermería en saúde mental”, apuntou.

Respecto das persoas usuarias de residencias con enfermidades mentais, Raquel Arias asegurou que “teñen dereito a unha praza pública residencial exactamente igual que calquera outra persoa, sufra a patoloxía que sufra e sen estigmas nen señalamentos”. “Por iso, desde a Xunta avógase pola atención, pola conciliación, pola sensibilización, e pola inclusión de todas as persoas que padecen esta enfermidades”, indicou.

Por este motivo, recordou que a carteira de servizos para a atención á dependencia da dependencia “conta con programas específicos de atencións psicosocial e se incrementou a atención en residencias para persoas con patoloxías psiquiátricas con especialistas en saúde mental a través de acción directa, a consultoria e o apoio por telemedicina, ao tempo que xa se está a traballar nunha maior especialización dos diferentes servizos e dos diferentes recursos con que contamos nestes momentos”.

A portavoz popular explicou que “a propia Valedora do Pobo recolle no seu informe sobre a atención nas residencias de maiores galegas que ‘as medidas que está tomando a Xunta entendemos que son axeitadas, e que soamente teñen como obxectivo a mellora constante, tanto para os propios traballadores como para os propios usuarios dos diferentes centros residenciais”. “E neste proceso de mellora contínua, o novo modelo de residencias de Galicia xa inclúe a creación de unidades psicoxeriátricas especializadas nos centros de maiores”, afirmou.