As deputadas Carmen Pomar e Ethel Vázquez trasladan a mozos e mozas os beneficios que terán co Plan Estratéxico de Xuventude

As deputadas populares Carmen Pomar e Ethel Vázquez mantiveron un encontro con mozos e mozas en Santiago para coñecer as súas preocupacións e necesidades á hora de independizarse e ser autónomos, e explicaron que o novo Plan Estratéxico de Xuventude 2025-27 da Xunta facilitaralles as ferramentas, recursos e oportunidades necesarios para o seu pleno desenvolvemento na vida activa e a súa emancipación.

Carmen Pomar e Ethel Vázquez explicaron que o novo Plan Estratéxico de Xuventude conta cunha dotación económica de máis de 700 millóns de euros e inclúe máis de 130 medidas a desenvolver nos vindeiros tres anos para facilitar a empregabilidade da xente moza, o seu benestar e contribuír á súa emancipación.

500 NOVAS PRAZAS EN RESIDENCIAS

“Os mozos e mozas puxeron enriba da mesa que a vivenda, a mobilidade internacional, a inserción laboral ou a saúde mental son os temas que máis lles preocupan e demandan, e para iso consideran necesarios plans específicos que teñan en conta as dificultades que teñen nestes ámbitos e accións concretas destinadas a minoralas”, indicaron as deputadas populares.

Ademais de incorporar medidas concretas para atender estas demandas da xuventude, o Plan Estratéxico tamén inclúe a creación de 500 novas prazas en residencias para os mozos que estean estudando ou aqueles se procedan á súa incorporación ao mercado laboral.