O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central a inmediata rehabilitación integral do firme da N-540 entre Lugo e Ourense

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide ao Goberno Central levar a cabo de maneira inmediata labores de rehabilitación integral do firme da estrada nacional 540 entre Lugo e Ourense.

A deputada popular Katy Varela lembrou que a N-540 é “unha estrada fundamental que une as capitais de provincia de Lugo e Ourense e que ten 80 quilómetros de lonxitude, pero o abandono afecta tamén a cidadáns de concellos como Guntín, Taboada, Chantada e Carballedo, na provincia de Lugo; ou de A Peroxa, Vilamarín e Coles na provincia de Ourense”.

“Resulta incrible como os representantes dos partidos políticos que auparon a Pedro Sánchez á Presidencia do Goberno de España aparezan agora nas manifestacións convocadas polos afectados polo mal estado desta estrada, cando o que deberían é conseguir a execución do arranxo do firme de maneira inmediata”, sinalou a deputada popular.

ATRASO E ABANDONO DA A-56

Así mesmo, Katy Varela lamentou “a paralización, atrasou ou abandono que sofre a construción da autovía A-56 entre Ourense e Lugo”, xa que neste momento só existe un tramo aberto de 8,8 quilómetros entre A Barrela (Carballedo) e San Martiño (Vilamartín) “que quedou totalmente illado e sen funcionalidade”.

A este tramo sumouse o pasado mes de setembro os primeiros movementos de terra do primeiro tramo da variante norte de Ourense, entre Eirasvedras e Quintela, “pero é decepcionante a situación de abandono que viven os restantes tramos”, dixo.

O PPdeG pide ao Goberno de España unha base permanente do Servizo de Vixilancia Aduaneira na ría de Camariñas para reforzar a loita contra o narcotráfico

A deputada do Grupo Popular Paula Mouzo demandará mañá na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia que o Goberno de España estableza unha base permanente do Servizo de Vixilancia Aduaneira na ría de Camariñas, co fin de reforzar a loita contra o narcotráfico. Así mesmo, pedirá que se modernicen e reforcen os medios materiais e tecnolóxicos do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia; ampliar a dotación de medios persoais e materiais empregados polo Goberno de España na loita contra o narcotráfico na provincia de A Coruña; e garantir a plena operatividade horaria do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia para que non se comprometa a execución de operacións contra o narcotráfico ou outras actividades.

A iniciativa que mañá defenderá a deputada popular na Comisión 1ª recolle as demandas e suxerencias realizadas polo responsable autonómico de CSIF-Galicia na Axencia Tributaria, Pablo Burgos, nunha reunión que mantivo co portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, a viceportavoz Paula Prado e a deputada Paula Mouzo.

Neste encontro os deputados populares amosaron todo o seu apoio aos traballadores do Servizo de Vixilancia Aduaneira ante o abandono ao que os ten sometidos o Goberno de Pedro Sánchez, o que implica unha preocupante desprotección das costas galegas pola insuficiente dotación tanto de medios materiais como humanos cos que opera este servizo.

A deputada Paula Mouzo lamentou que “actualmente non existe unha soa base do Servizo de Vixilancia Aduaneira nin un só destacamento da Garda Civil en toda a Costa da Morte, o que converte a este área nun auténtico punto cego na loita contra o narcotráfico e que as mafias operen con total impunidade”.

O Grupo Popular tende a man a estudar e negociar as propostas sensatas e viables que presenten os grupos da oposición no Debate de Política Xeral

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe que “afrontamos o Debate sobre Política Xeral que terá lugar a vindeira semana coas mans tendidas para estudar e negociar as propostas sensatas e viables que nos presenten os grupos da oposición, opoñéndonos a calquera cuestión demagóxica e irrealizable no momento e na sociedade actual”.

A Xunta de Portavoces fixou esta mañá a celebración do Debate sobre Política Xeral da Comunidade galega para os días 23 e 25 de abril, “xusto un ano e dez días despois da toma de posesión de Alfonso Rueda como Presidente da Xunta, o que pon de manifesto a súa vontade total de transparencia e de poñer enriba da mesa o seu proxecto de Goberno para a valoración tanto dos grupos da oposición como de toda a sociedade galega”, manifestou Alberto Pazos.

ÁNIMO CONSTRUTIVO

Neste sentido, lembrou que o Regulamento do Parlamento galego recolle que o Debate sobre Política Xeral non se celebra no mesmo ano no que se investise ao Presidente da Xunta, “pero Alfonso Rueda non quere aprazar máis a súa rendición de contas ante o Parlamento e vaino facer xusto cando se cumpre ese primeiro ano de lexislatura”.

O portavoz popular demandou a BNG, PSdeG e Grupo Mixto que “afronten este debate co mesmo ánimo construtivo co que o imos facer desde o Grupo Popular, para que as resolucións que se aproben finalmente sirvan para mellorar a economía e o benestar de todos os galegos”.

INTENSO TRABALLO PARLAMENTARIO

Alberto Pazos afirmou que “afrontamos este debate coa tranquilidade que nos da o traballo feito ao longo do presente ano, un ano moi intenso a nivel parlamentario”. En concreto, lembrou a aprobación de sete novas leis, entre as que figuran textos tan importantes como os orzamentos da Xunta para o presente ano 2025; a lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia; a nova Lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia; ou as leis de cultura inclusiva e accesible de Galicia, de estatística de Galicia e de impulso da intelixencia artificial.

O portavoz popular salientou que estas tres últimas leis aprobáronse sen o voto en contra da oposición, “un feito que se merece destacar para demostrar que o suposto rolo do Partido Popular que quere trasladar a oposición á cidadanía non é tal, se temos en conta que practicamente a metade das proposicións non de lei que se aprobaron en Pleno nesta lexislatura saíron adiante por unanimidade, unha cifra que se incrementa sensiblemente cando falamos de proposicións non de lei en Comisión, onde 90 das 165 proposicións non de lei se aprobaron foron por unanimidade”.

Ademais, apuntou que os grupos da oposición “son os que se levan a palma nas iniciativas de control ao Goberno galego, xa que levan feito 218 accións de control ao Goberno galego das 297 que se teñen feito en Pleno neste primeiro ano de lexislatura”.

Dentro do traballo parlamentario desenvolvido ao longo deste primeiro ano de lexislatura, Pazos destacou a Comisión de Investigación sobre a sanidade pública galega, impulsada polos grupos da oposición, “que nos permitiu botar abaixo todas e cada unha das falsidades e inexactitudes que están a espallar nacionalistas e socialistas sobre o suposto caos que vive a nosa sanidade pública”.

“Demostrouse, con datos e afirmacións dos propios comparecentes, que non existiu sobrecuste na construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e que a colaboración pública privada era a única opción viable para dotar a Vigo deste centro sanitario nun contexto de crise económica extrema e de incapacidade para recorrer á débeda pública”, manifestou o portavoz popular, quen lembrou que tamén quedou probado que “toda a contratación da Xunta de Galicia en materia de sanidade pública se realiza cumprindo todo o procedemento que está previsto na normativa”.

COMEZO O MÉRCORES, ÁS 10 DA MAÑÁ

O Debate de Política Xeral dará comezo o vindeiro mércores, ás 10 da mañá, coa intervención do Presidente da Xunta. Pola tarde, terá lugar a intervención dos portavoces dos catro grupos parlamentarios, por un tempo máximo de 45 minutos, aos que seguirá a réplica do Presidente da Xunta, ben en conxunto a todos os grupos ou de xeitos individual, sen límite de tempo. A continuación, os portavoces dos grupos terán unha segunda intervención por un tempo máximo de 15 minutos, para poñer fin a esta primeira xornada do Debate de Política Xeral co peche a cargo do Presidente da Xunta.

Os grupos parlamentarios terán de prazo ata as 10.30 da mañá do xoves, 24 de abril, para rexistrar un máximo de 40 propostas de resolución, que serán negociadas ao longo de todo o día tendo como prazo ata as 22.30 para rexistrar as transaccións e propostas de votación por separado.

O Debate sobre Política Xeral retomarase o venres, a partir das 11 horas co debate das propostas de resolución, no que cada grupo parlamentario disporá dunha primeira quenda de 30 minutos para defender as propostas propias e dunha segunda quenda de 10 minutos para a fixación da súa posición respecto das propostas dos demais grupos parlamentarios.