A deputada Cecilia Vázquez reúnese con Promabe, quen lle traslada as “boas expectativas” do sector ante a posible posta en marcha de novos proxectos de transformación da madeira en Galicia

A deputada do Grupo Popular e portavoz do PP en Betanzos, Cecilia Vázquez, reuniuse hoxe co presidente da Asociación de Produtores de Madeira de Betanzos (Promabe), José Felipe Vidal Rico, quen lle trasladou as “boas expectativas que para o sector pode supoñer a posta en marcha de novos proxectos de transformación da madeira en Galicia”.

Promabe é unha entidade creada en 2010 en Betanzos, que na actualidade conta con socios que representan a 1.400 familias desta comarca e arredor de 7.500 persoas.

Cecilia Vázquez amosou o interese do PPdeG por impulsar medidas e proxectos que beneficien ao sector forestal galego, que da emprego a cerca de 20.000 persoas en Galicia situando a esta Comunidade autónoma como a que maior volume de cortas de madeira realiza de toda España, superando en 2022 a cifra de 11 millóns de metros cúbidos.

Pola súa banda, Felipe Vidal trasladou “o interese dos produtores de madeira pola implantación en Galicia de novos proxectos de transformación da madeira, que fortalecerán os prezos e impulsarán o desenvolvemento dunha silvicultura adecuada que evite a propagación dos incendios forestais”. “Proxectos que, iso si, deberán respectar sempre escrupulosamente toda a normativa ambiental galega, española e europea”, subliñou.

Rubén Lorenzo salienta o compromiso da Xunta co futuro de Carballo a través dos avances vividos esta semana coa futura variante e a ampliación do polígono de Bértoa

O deputado e portavoz do PP en Carballo, Rubén Lorenzo, salientou hoxe o compromiso do Goberno galego con este concello, que se traduciu esta semana en dúas actuacións importantes: a resolución favorable da Consellería de Medio Ambiente á futura variante e a aprobación polo Consello da Xunta do proxecto de urbanización da segunda fase do polígono industrial. “Ambas actuacións son amplamente demandadas polo empresariado desta comarca e seguen dando pasos firmes para contribuír a que Carballo se manteña como un referente no desenvolvemento económico en Galicia e consolide a súa condición de cabeceira da comarca de Bergantiños”, manifestou.

O Diario Oficial de Galicia publicaba o pasado luns a resolución favorable da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostenibilidade na que, despois dos informes proporcionados por sete departamentos autonómicos e polo Concello de Carballo, se conclúe que no proxecto da variante de Carballo “non son previsibles efectos adversos significativos sobre o medio ambiente e, polo tanto, non se considera necesario someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental ordinaria”, sempre que se cumpran as medidas recollidas nos informes e o programa de vixilancia ambiental.

AVANCE MAIÚSCULO

“Esta resolución chega despois de que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural tamén realizara, a finais do pasado mes de marzo, as últimas aclaracións sobre as medidas a tomar para minimizar o impacto do trazado da variante de Carballo no castro de Queixeiro en Bértoa, ante o que se propuxo a realización de sondaxes arqueolóxicas de avaliación e unha escavación arqueolóxica na área de ser necesario”, lembrou o deputado popular.

Rubén Lorenzo subliñou que a resolución de Medio Ambiente “supón un avance maiúsculo na tramitación dun proxecto que é vital para conectar o polígono de Carballo co sur de Galicia e para desconxestionar de tráfico pesado o centro urbano”. Neste sentido, afirmou que “a Xunta xa ten preparado o proxecto de trazado co anexo de expropiacións, ao que xa lle pode dar o visto e prace provisional para iniciar o procedemento de información pública e proceder á expropiar os terreos afectados, que son 182 propiedades nas parroquias de Bértoa, Artes e Verdillo”.

A primeira fase da circunvalación de Carballo, que conectará o polígono de Bértoa coas estradas de Santiago e Ordes, incluirá no seu trazado un viaduto de 340 metros de lonxitude sobre o río Anllóns na zona de O Silvoso. Ademais, o proxecto contempla a construción doutras estruturas: dous pasos superiores e un inferior sobre a variante e un muro de contención de dique para o rego do Añón.

Por outra banda, o deputado popular destacou que esta mesma semana o Consello da Xunta tamén dou a coñecer a adxudicación do contrato de urbanización e parcelamento da FASE II de ampliación do polígono empresarial de Carballo, que permitirá incorporar 630.000 metros cadrados de solo industrial para atender as demandas de novas industrias e a xeración de riqueza e emprego en toda a comarca.

O PPdeG destaca que a Xunta leva investidos máis de 6 millóns de euros en dotar de novos servizos e tecnoloxía de vangarda ao Hospital de Monforte

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, e a deputada e tamén portavoz do PP en Monforte, Katy Varela, visitaron hoxe o Hospital de Monforte para coñecer os novos servizos e tecnoloxía de vangarda cos que conta este centro sanitario, nos que a Xunta investiu máis de 6 millóns de euros nos últimos dous anos. “Todas estas melloras evidencian o compromiso do Goberno galego coa veciñanza do sur de Lugo e coa necesidade de garantir unha sanidade pública de calidade, accesible e moderna”, manifestaron.

Encarna Amigo e Katy Varela salientaron a recente posta en marcha no Hospital de Monforte do novo mamógrafo, un equipo de última xeración que reforza a capacidade diagnóstica e permite realizar probas de detección precoz do cancro de mama con maior precisión e comodidade. Xunto a este novo aparato, as deputadas destacaron a dotación dun novo TAC, que permite diagnósticos máis rápidos e fiables, mellorando a atención a urxencias e o seguimento de patoloxías complexas.

OBRAS DE AMPLIACIÓN DE SERVIZOS

Ademais desta nova tecnoloxía, no Hospital de Monforte tamén se levaron adiante obras de ampliación e mellora dos servizos sanitarios, como o aumento da superficie do Hospital de Día, para ofrecer unha mellor atención a pacientes oncohematolóxicos e crónicos; a renovación da Farmacia Hospitalaria, coa incorporación dunha sala branca para a preparación segura de tratamentos; o novo Laboratorio de Microbioloxía; ou a nova área de Cardioloxía, con dúas consultas, unha sala de marcapasos, unha sala de probas de esforzo e outra para ecografías.

“Na actualidade estanse a executar as obras das novas áreas de Neumoloxía e Dixestivo, cun investimento de case un millón de euros”, concretaron as deputadas populares, quen ademais subliñaron que o Hospital de Monforte “conta, desde o pasado 1 de abril, con catro novas enfermeiras en quenda de noite, que permiten reforzar servizos como Cirurxía, Medicina Interna, Uroloxía e Traumatoloxía”.

O PPdeG sitúa a axilización burocrática como un dos eixos prioritarios e unha das claves da efectividade das políticas de retorno do Goberno galego

O Partido Popular de Galicia sitúa a axilización burocrática como un dos eixos prioritarios e unha das claves da efectividade das políticas de retorno do Goberno galego á hora de xerar oportunidades de emprego e responder a retos como a falta de man de obra en sectores estratéxicos.

Así llo trasladou a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, e o secretario executivo do PP no Exterior, Antonio Rodríguez Miranda, á responsable do PP na rexión brasileira da Baixada Santista e unha das vogais dos galegos residentes no exterior no Comité Executivo do PPdeG, , Amanda Barrio, durante a reunión que mantiveron co obxectivo de abordar a situación actual e as principais necesidades dos 52.500 galegos e galegas residentes en Brasil.

Entre outras cuestións, ambas partes coincidiron na necesidade de “desburocratizar” o proceso de retorno tanto no que se refire á axilización dos procesos de homologación de títulos universitarios obtidos no estranxeiro como á concesión de permisos de residencia e traballo para familiares de retornados.

Tamén concordaron no positivo que sería neste eido que o Goberno central, ao igual que fai o Goberno galego, afondase no desenvolvemento de políticas públicas de acceso á vivenda e na posta en marcha de medidas específicas de apoio para a integración laboral das familias que regresan.

RETOS DA COLECTIVIDADE GALEGA NO BRASIL

No que se refire aos retos que afectan directamente á colectividade galega no Brasil, abordaron a situación de “colapso administrativo” que padecen o servizo consular en xeral e o Consulado de São Paulo en particular ante a escaseza de persoal e recursos. Unha situación que cualificaron de “emerxencia” pola súa repercusión directa sobre miles de galegos e galegas.

En materia electoral, solicitan así mesmo a ampliación dos puntos de depósito de voto. O cal é especialmente necesario nun país de dimensións continentais como o Brasil, onde a dispersión xeográfica dificulta a participación.

Durante a súa visita a Galicia, Amanda Barrio tamén tivo ocasión de reunirse co líder dos populares galegos, Alfonso Rueda.

Transmitiulle, ao igual que fixera durante a visita do presidente Rueda a Brasil, o fondo interese que amosan os galegos e galegas do seu país polas políticas de retorno que está desenvolvendo o Goberno galego a través de iniciativas pioneiras no conxunto do Estado español e que contribúen a reforzar aínda máis os vínculos entre Galicia e a súa diáspora.