Paula Prado subliña que no Debate do Estado da Autonomía quedou demostrado que o PPdeG “representa a Galicia do ‘si’” mentres a esquerda “só torpedea o futuro”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, subliñou hoxe que no Debate do Estado da Autonomía (DEA) quedou demostrado que o Partido Popular “representa a Galicia do ‘si’” mentres a esquerda “só busca torpedear o futuro” da Comunidade.

Nunha visita na mañá deste sábado á Praza de Abastos de Lugo, acompañada da portavoz municipal do PP, Elena Candia, e a tamén deputada autonómica e concelleira, Cristina Sanz, a número dous dos populares galegos fixo balance da “intensa semana” vivida no Parlamento de Galicia, onde tivo lugar o DEA.

No mesmo, dixo, o presidente Alfonso Rueda marcou unha folla de ruta de “medidas ambiciosas e realistas, pensadas para mellorar a vida dos galegos e das galegas”, e das que a cidade e a provincia de Lugo “tamén se beneficiarán”, xa que xurdiron, en gran parte, das inquedanzas que os alcaldes e portavoces trasladaron desde cada un dos seus territorios.

“Quedou demostrado, sobre todo onte, que o único que representa a Galicia do ‘si’ é o Partido Popular”, deixou claro Paula Prado, lembrando que se aprobaron 53 propostas de resolución —7 por unanimidade— que “marcan o camiño dos vindeiros meses”. “O PPdeG chegou a un bo número de acordos, demostrando que nós estivemos en todo momento dispostos a negociar”, engadiu.

Mentres tanto, lamentou, “os de sempre, os do ‘non’, o Bloque Negacionista Galego” trataron “de torpedear, de voar as pontes mesmo antes de acabar as negociacións, demostrando unha deslealdade nunca vista antes neste Debate”.

Prado asegurou non comprender como o BNG “se posicionou en contra de medidas de futuro” como reforzar a atención e aprobar un novo Plan de saúde mental —unha medida consensuada entre PPdeG e PSOE—, e tampouco apoiou axilizar a tramitación para a xente que quere vivir e traballar no litoral, agora que Galicia ten as competencias; ou impulsar un Pacto pola lingua galega, con medidas que promovan un maior uso do galego en todos os ámbitos sociais.

“Quedou claro, unha vez máis, que non queren nada bo para Galicia: só facer ruído e entorpecer ao Goberno galego”, censurou.

Nese sentido, considera que “iso é un gran perigo tamén para cidades como Lugo, que seguen dando pasos atrás co BNG do ‘non a todo’ e cun PSOE incapaz que agora se mestura entre bandeiras independentistas”.

Os socialistas, entre outras cuestións, votaron no DEA en contra de reclamar ao Goberno de Sánchez que pague a súa parte do financiamento da dependencia ou de demandar ao Executivo central que cumpra co seu deber constitucional de presentar os Presupostos Xerais do Estado.

MEDIDAS PIONEIRAS COMO O BONO PEIXE

Por outra banda, no marco da súa visita ás peixerías da Praza de Abastos de Lugo, a secretaria xeral do PPdeG subliñou que o DEA tamén serviu para seguir concienciando á poboación sobre a importancia de que os produtos do mar sexan unha parte fundamental de calquera dieta equilibrada e saudable.

Así, destacou o lanzamento do Bono Peixe para estimular o consumo de peixe fresco, dotado con 50 euros por persoa e que vai chegar a 50.000 consumidores. Un total de 2,5 millóns de euros para animar á xente para que recupere o hábito.

“Somos a Galicia do ‘si’ tamén ao peixe fresco, a Galicia que está coa xente do mar, coas peixerías e cos consumidores”, concluíu, denunciando que o PPdeG leva anos insistindo ante o Goberno central para que rebaixe o IVE do peixe do 10 ao 4%, pero “ao outro lado atopamos sempre hai desprezo e silencio”.

ELENA CANDIA: “PROPUXEMOS SOLUCIÓNS PARA A PRAZA”

A portavoz municipal, Elena Candia, salientou que o PP de Lugo presentou iniciativas no Pleno do Concello para que a Praza de Abastos “estea no centro das políticas públicas” e “se corrixan as deficiencias que ten”. “Propuxemos solucións e seguimos traballando”, indicou, sobre un lugar “importante sobre todo pola actividade económica e a transcendencia que ten para a cidade e a provincia”.

Candia lamentou que o Goberno local tivera que renunciar a unha subvención da Xunta de Galicia “por non ser quen de executala” e agarda que, coa deste ano e que volve ter concedida, “traballen máis e mellor”.

“Na nosa cidade, pola falta de planificación e polas incertezas na mobilidade, a Praza de Abastos segue sendo unha materia pendente, tamén polo que pasará despois de que as obras rematen. Unhas obras que se atrasan e que están ocasionando moitos prexuízos tamén neste mercado”, abundou.

Por último, a tamén deputada autonómica, despois da visita ás peixerías da praza, celebrou que o Goberno galego “segue reivindicando medidas importantes para fomentar o consumo saudable de peixe e que sexa posible para as economías familiares, coidando o seu peto”.

O PPdeG pide ao Goberno central que localice o futuro Centro Nacional de Ciberseguridade en Ourense

Os deputados do Grupo Popular Noelia Pérez e Argimiro Marnotes visitaron hoxe, en compañía da alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa, as obras de construción do novo Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia que a Xunta está a realizar na parcela 3E da Tecnópole e demandaron que o Goberno de España localice neste espazo o futuro Centro Nacional de Ciberseguridade, tendo en conta a existencia na Comunidade galega dun sólido ecosistema empresarial e de formación e investigación nesta materia.

Noelia Pérez e Argimiro Marnotes lembraron que o futuro Centro que se está a levantar no polígono industrial de San Cibrao acollerá os sistemas de monitorización e xestión da ciberseguridade en Galicia, en coordinación co Centro Criptolóxico Nacional e co Institito Nacional de Ciberseguridade.

REFERENTE NACIONAL E INTERNACIONAL

“Queremos que Ourense se converta non só na capital galega da ciberseguridade, concentrando aquí os recursos a disposición da Xunta, dos concellos, das deputacións, das universidades, dos centros tecnolóxicos e de innovación, e do sector privado que presta estes servizos, senón que o Goberno central recoñeza o bo traballo que se leva a cabo e se decida tamén por Ourense como a sede do futuro Centro Nacional de Ciberseguridade”, sinalaron.

Os deputados populares lembraron que esta demanda é unha das resolucións aprobadas onte no Debate sobre Política Xeral celebrado esta semana no Parlamento de Galicia, unha proposta que saíu adiante co voto favorable de todos os grupos parlamentarios.

“A localización do futuro Centro Estatal de Ciberseguridade en Ourense situaría á nosa provincia como un referente neste ámbito non só a nivel nacional, senón tamén internacional, contribuíndo a un desenvolvemento máis equilibrado do país, á cohesión territorial e á redución da brecha dixital entre as rexións”, afirmaron.

O PPdeG salienta que unha aportación de 800.000 euros da Xunta permitirá adaptar a nave de Aceros del Tea como a nova praza de abastos de Ponteareas

As deputadas do Grupo Popular Felisa Rodríguez e María Deza, acompañadas da alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, salientaron hoxe a importancia das axudas da Xunta de Galicia para a modernización e rehabilitación das prazas de abastos galegas. Neste sentido, puxeron de exemplo a transformación que se levará a cabo na nave de Aceros del Tea en Ponteareas, un espazo no que se investirán cerca de 800.000 euros para convertelo na nova praza de abastos desta localidade pontevedresa.

Felisa Rodríguez e María Deza visitaron esta mañá a praza de abastos de Ponteareas para comprobar a situación na que desenvolven neste momento o seu traballo os praceiros e realizan as súas compras os consumidores. “As condicións cambiarán totalmente unha vez rematen as obras de rehabilitación e modernización da nave de Aceros del Tea, un espazo máis accesible e eficiente que albergará o novo mercado municipal e ofrecerá novas opcións gastronómicas e de restauración, ao tempo que porá en valor os produtos frescos e impulsará o comercio de proximidade”, manifestaron, para apuntar que “o obxectivo é conseguir que sexa declarado como Mercado de Excelencia”.

PEIXE E MARISCO MÁIS ASEQUIBLE

A Xunta de Galicia pon a disposición dos concellos unha liña de axudas destinadas a reforzar os mercados e prazas de abastos como motor económico local, fomentando o comercio de proximidade e dinamizando a actividade social e comercial dos municipios. Esta liña de axudas forma parte do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, en cuxa elaboración participaron máis de 300 representantes e expertos do sector do comercio galego.

As deputadas populares aproveitaron a súa visita á praza de abastos de Ponteareas para informar a praceiros e clientes da próxima implantación en Galicia do Bono Peixe, anunciado polo Presidente Rueda no Debate sobre Política Xeral celebrado esta semana no Parlamento galego.

Este bono consiste nunha axuda de 50 euros por persoa para estimular o consumo de peixe e marisco fresco por parte dos galegos. “En total, a Xunta investirá 2,5 millóns de euros para facer máis asequible e ao alcance de todos os petos estes produtos, mentres o Goberno central non adopta a redución do IVE que todo o sector lle está a pedir”, concretaron.

O PPdeG critica a incompetencia do Concello da Pobra do Caramiñal e de Costas do Estado para dar unha solución aos vertidos da Ribeiriña

Os deputados do Grupo Popular Gonzalo Trenor, Magdalena Pérez e Miguel Fidalgo lamentaron hoxe a incompetencia do Concello de Pobra do Caramiñal e da Demarcación de Costas do Estado por dar unha solución adecuada aos vertidos por hidrocarburos que se están a producir na zona da Ribeiriña, que obrigaron ao peche de varios bancos marisqueiros.

Nunha visita á zona acompañados do portavoz local do PPdeG, Manuel Durán, os deputados populares consideraron “incomprensible como o Concello de Pobra permitiu facer esta obra nas vellas instalacións de La Onza de Oro sen unha descontaminación do solo e que provoca agora estas consecuencias”.

DILIXENCIA DA XUNTA PARA ACTUAR DE INMEDIATO

“A suposta rexeneración da zona converteuse nun pesadelo, xa que ao eliminar parte do recheo sen descontaminar está a provocar agora que as filtracións cheguen directamente ao mar”, criticaron.

Ademais, Gonzalo Trenor, Magdalena Pérez e Miguel Fidalgo amosaron a súa preocupación pola situación de “abandono total das instalacións da antiga fábrica de HADASA, sen que ata o momento os responsables municipais teñan dado resposta ao requirimento feito pola Xunta para coñecer as medidas que ten previsto levar adiante para mitigar os riscos medioambientais e protexer a salubridade pública dos veciños”.

Os deputados populares destacaron “a dilixencia coa que actuou, desde o momento no que se notificaron os vertidos, a Xunta de Galicia, activando o plan de continxencias por contaminación mariña accidental e desprazando á zona da Ribeiriña a efectivos do Servizo de Gardacostas de Galicia para abordar o problema e que causara os menores danos posibles”.

“O único que busca o cuatripartito de esquerdas que malgoberna A Pobra do Caramiñal é ocultar o abandono no que teñen sumida esta privilexiada zona da costa deste concello, intentando tapar a súa lamentable xestión con acusacións sen sentido á Xunta, cando a verdade é que a Administración galega é a única que non ten competencia algunha para solucionar este problema e o único que fixo foi poñer en marcha medidas para evitar males maiores”, manifestaron.

O PPdeG destaca que máis de 320 autónomos da provincia de Lugo xa se beneficiaron esta ano das axudas á promoción do emprego

Os deputados do Grupo Popular Raquel Arias e José Manuel Mato destacaron hoxe en Paradela que máis de 320 autónomos da provincia de Lugo xa se beneficiaron este ano das axudas da Xunta á promoción do emprego.

Nunha visita á Lavandería Lavar e Lecer aberta no polígono industrial de Paradela, Raquel Arias e José Manuel Mato indicaron que este establecemento ten solicitado este ano as axudas da Xunta para a promoción do emprego autónomo, co obxectivo de mellorar a atención ao seus clientes, principalmente establecementos turísticos da comarca de Sarria. Estas subvencións da Administración galega xa beneficiaron durante 2024 a sete autónomos deste concello lucense, que se repartiron case 35.000 euros.

A nivel provincial, e tamén durante o pasado ano, estas axudas da Xunta chegaron a 1.949 autónomos, entre os que se repartiron máis de cinco millóns de euros. Polo que respecta ao presente 2025, xa se concederon máis de 300 axudas, por un importe total superior aos seis millóns de euros.

FACER FRONTE AOS PRIMEIROS GASTOS

Os deputados populares lembran que estas axudas están dirixidas a aquelas persoas desempregadas que inicien a súa actividade empresarial ou profesional como traballadoras autónomas por conta propia, co obxectivo de facer fronte aos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.

En concreto, os interesados poden optar por dos tipos de axuda: unha primeira, para o inicio da actividade económica e o mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e unha segunda opción equivalente a 12 meses da cota reducida á Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais.

As solicitantes deben atoparse en alta no imposto de actividades económicas e ter iniciada a actividade con anterioridade á data de solicitude de subvención, ter domicilio fiscal en Galicia e desenvolver a actividade empresarial ou profesional na Comunidade galega.